Eses políticos que se pensan superiores a nós…

Posted by franciscocastro - 03/12/12 at 03:12 p.m.

Unha persoa relevante do goberno central, cando se lle preguntou sobre esa nova sangría humana que é que os nosos mozos e  mozas teñan que ir buscarse a vida fóra, respondeu que si, que claro, pero que tamén o facían por impulso aventureiro. Confeso que cando oín esa parvada, por non dicir insulto, a min medroume dentro do peito outra clase de impulso. Pero como non é cuestión de quedar como un tipo violento, vouno silenciar.

Levamos moito tempo falando da crise da democracia. Que se non é realmente representativa e toma e dálle. E hai mil argumentos para desconfiar do noso actual modelo de democracia, e un deles, sen dúbida, ten que ver coas continuas faltas de respecto que os gobernos amosan diante dos gobernados. Actitudes como a desta persoa ao dicir iso (que implica que os que se meten nas pateiras fano tamén por impulso aventureiro, non por desesperación), ou da de certa expresidenta da Comunidade de Madrid cando dixo que non chegaba a fin de mes con 3000 euros, ou certo actual presidente cando falou de hillillosh de plastilina diante do que era chapapote mesto como a desvergonza, ou cando nos din que un determinado decreto do plurilingüísmo que quita o galego practicamente da escena educativa é para fomentar a liberdade lingüística, ou cando o monarca fala da sanidade española e se opera pola privada ou cando decretan unha amnistía fiscal para as grandes fortunas, ou cando a banca dá roldas de prensa para explicar os seus beneficios ao día seguinte de pedir axudas ou cando din que reducindo o profesorado vai mellorar a calidade educativa, ou ou…

Na antiga Grecia calquera cidadán, calquera, podía, cando o considerase oportuno, xulgar aos seus dirixentes. Incluso ao gran Pericles lle pasou. E perdeu e foi expulsado durante tres anos da polis. Hoxe, algo así non é posible. Xa non só porque todo é moito máis complexo senón, sobre todo, porque boa parte dos que nos gobernan, sinte que non ten por que dar ningunha clase de explicación porque, no fondo, séntense superiores.

Os comentarios están pechados.