Recibindo hostias de rebote

Posted by franciscocastro - 15/11/12 at 02:11 p.m.

A explicación que dan as autoridades para explicar como é posible que un cativo de dez anos fose ferido coa contundencia que amosa a foto durante unha carga policial (está así por un porrazo policial) é que foi “de rebote”. A expresión non pode ser máis desafortunada e se o que buscan é que nos rebotemos, pois como que entran ganas.

Cando eu estudaba Filosofía, lembro o moito que me impresionou aquela definición do Estado como aquela institución que ten o patrimonio da violencia lexítima. É impresionante e é, ademais, verdade. Eu non podo exercer a violencia contra do Estado, pero o Estado si que pode ser violento. Xa non só porque pode, de rebote, abrirme a cabeza porque eu pasaba por alí. A min ou aos meus fillos. Xa non só porque pode exercer a violencia, como a exerce, téndome en lista de espera para unha proba que ten que decidir que facer comigo (é dicir, decidindo sobre a miña vida ou morte). Xa non só porque me negue a posibilidade de estudar o que desexo (porque non me dá a nota, pero autorizando ás universidades privadas a que licencien nesas exclusivas carreiras aos fillos e fillas dos ricos que si que poden)…Xa non por nada diso que son formas, sen porras, pero formas, da violencia institucional. É impresionante, sobre todo porque, de cada vez, a violencia é máis explícita, máis clara e máis, redundarei, violenta. E quizais é por iso que nos Orzamentos Xerais do Estado a dotación para Biblitecas quedou a cero ao tempo que se multiplicou por non sei canto, pero se multiplicaron, os fondos para material antidisturbio.

Ese pranto dese neno ferido é o choro de todos os rebotados. A saber: os que estamos a recibir hostias de rebote.

Os comentarios están pechados.