Francisco Castro nos faladoiros con gañadores do Blanco Amor

Posted by franciscocastro - 07/11/12 at 03:11 p.m.

Francisco Castro, gañador coa novela Spam do Blanco Amor 2005 convocada polo concello de Neda, protagonizará un novo faladoiro con gañadores do Premio Blanco Amor organizado polo concello de Fene en colaboración co Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega.

O faladoiro terá lugar o vindeiro xoves, 8 de novembro, ás 19 h na Casa da Cultura de Fene e estará conducido polo escritor Carlos Negro.

Francisco Castro (Vigo, 1966) traballa na actualidade na Editorial Galaxia. En 2010 foi elixido presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É un dos narradores galegos que comezaron a publicar no inicio do século XXI. A súa narrativa destaca pola orixinalidade á hora de abordar xéneros moi diferentes.

É autor do libro de relatos eróticos Xeografías, de A canción do náufrago, ambos de 2001, e do relato histórico Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela coa que adentra ao lector no mundo das drogas, e Un bosque cheo de faias, que gañou o Premio Frei Martín Sarmiento.

En 2007 resultou gañador do Premio de Novela Manuel García Barros, concedido polo Concello da Estrada, coa novela As palabras da néboa. No mesmo ano publica O ceo dos afogados que foi finalista do premio Fundación Caixa Galicia e que recibiría o Frei Martín Sarmiento como mellor libro do ano.

En 2009 obtivo o Primeiro Accésit e Pluma de Prata no I Certame de Xornalismo de Opinión Raimundo García ‘Borobó’ polo seu artigo titulado ‘Borobó despedido’. No eido da narrativa infantil e xuvenil é autor de Chamádeme Simbad (2009), Premio Frei Martín Sarmiento e lista de Honra do IBBY, O segredo de Marco Polo (2010) e O neno can(2012).

 Spam, a novela coa que gañou o Blanco Amor, Francisco Castro xoga co hipertexto de Internet e racha co discurso literario tradicional.

Observar a vida dos demais, penetrar nos seus pensamentos, mantelos baixo control, é a obsesión dun home que só é capaz de comunicarse a través do teclado e a pantalla do ordenador.

Spam introdúcenos na atmosfera claustrofóbica e atafegante de dous universos paralelos: o mundo laboral sometido á tiranía dun poder omnímodo e o universo aparentemente aberto de Internet, onde realidade e ficción se confunden. Crítica social e ruptura coa ortodoxia narrativa nunha novela na que a literatura toma partido.

 

Os comentarios están pechados.