MARIO CONDE PEGÁNDOLLE LABAZADAS A NENOS (NAZISMO, FACHERÍA, FASCISMO)

Posted by franciscocastro - 12/10/12 at 11:10 a.m.


Informa hoxe Sermos Galiza, de que onte, nun acto electoral, o candidato Mario Conde agarrou polo pescozo a un rapaz de 14 anos e deulle unha labazada e un empurrón como resposta ás imprecacións deste último á saída do mitin. O neno tivo que escapar correndo para a súa casa. A súa nai ten medo denunciar por non meterse en problemas.
Non entrarei a valorar que pode significar, dende o punto de vista da saúde democrática, que un señor coma este se presente. Non entrarei a valorar como é posible que este señor critique, nos seus discursos públicos, a corrupción doutros partidos. El, que non é nin foi corrupto, non. Non entrarei neste tipo de cousas. Nin sequera falarei da labazada física, absolutamente inadmisible e que debería ser investigada de oficio, por se a nai non denuncia.
Falarei doutra clase de labazada.
Que non é outra que as declaracións do candidato, durante o mítin, referíndose á posibilidade de que se revisen as condicións de entrada dos estranxeiros en España porque o traballo é necesario para os españois. O rapaz que se alporizou é fillo dunha dominicana. Sentiuse agredido, probablemente porque ese tipo de labazadas, as das palabras, as do noxo, as do odio, as do simplismo, son moitísimo máis duras que as físicas. O rapaz sentiuse batido directamente no orgullo polo vello argumento facha, o mesmo que usaban os nazis e os fascistas de toda clase para conseguir o voto e a complicidade dos máis básicos: os estranxeiros son os que nos quitan o traballo. Hai que prohibirlles entrar aquí. Dalgunha maneira eles son os culpables. E de manter esa parvada a excitar aos violentos haiche pouca distancia.
Eu non iría, dende logo,a increparlle nada.
Eu, simplemente, non lle votarei.
E espero de corazón que non saque representación parlamentar. E se tal sucede, prometo chorar durante horas. Pero de vergonza e escándalo porque alguén así poida entrar no Parlamento de Galicia e, a partir de agora, cobrar un soldo que saia dos meus impostos e que, aínda por riba, diga que é un representante do pobo.

Os comentarios están pechados.