O náufrago quere explicar por que escribe (e en galego)
Posted by franciscocastro - 06/10/12 at 11:10 a.m.Onte botei cinco horas, parte da noite, cambio de día, e madrugada, traballando na que será a miña vindeira novela. Unha na que teño moitas esperanzas (coma sempre, senón mellor non escribir: cada historia debe ser como mínimo tan boa como a última que tiraches do prelo) e á que lle meterei, cando menos, dous anos máis.
Daquela, son un escritor que escribe, como queda claro, con intensidade, cansazo, roubando horas ao sono e machacando, probablemente, a saúde.
E cando me deitei, lembrei este artigo que aquí vos deixo, de seguido, e que hai uns días, convidado pola Asociación de escritores e escritoras en lingua galega, publiquei na versión en papel do Sermos Galiza. Pedíronme que explicara, precisamente, por que escribía.
Pois velaquí a miña resposta.
EU NON ESCRIBO POR ISO
FRANCISCO CASTRO
Veredes, eu, cando poño o espertador ás cinco da mañá para escribir, non penso en que pertenzo a un sistema literario invisibilizado. Quita daí. Eu só penso en escribir coma Deus. E escribo coa mesma ambición de Murakami ou Auster, tentando facer a mellor literatura posible. Non literatura galega. Literatura. Dende a lingua do meu país, pero, podedes crerme, cando escribo, non estou pensando en facer patria nin literatura nacional. Sabedes por que? Porque Murakami ou Auster, cando se poñen en pé para traballar (non sei se as cinco da mañá, coido que eles non teñen que conciliar vida literaria e laboral, os que escribimos en galego, si), só queren escribir bos libros, e non creo que teñan na cabeza a necesidade de facer a literatura do seu país (unha vez escribín no meu blogue que a literatura galega non existe –xa sei que existe, non son tan imbécil – e algún que outro colega me chamou de todo, pero iso é porque non pillou que a literatura é o exercicio de crear beleza coa palabra, por poñerme estupendo á hora de definir, e daquela os que escribimos, en galego ou albanés, estamos a facer Literatura, sen bandeiras nin nacionalidades.
Daquela, ides perdoarme, pero eu non teño nada diso na cabeza. Non escribo para normalizar. Non escribo por compromiso político (aínda que a miña actitude é política todo o tempo). Non escribo para espertar ao meu pobo do seu sono. Non escribo para liberar a ninguén.
Escribo porque son escritor, porque me peta e porque me sae de dentro. Como dixo aquel que naceu onde o mundo se chama Celanova.



Outubro 8th, 2012 at 1:28 p.m.
Adelante, y que la fuerza te acompañe. El mundo necesita mantener la ilusión que la literatura trasmite.
Un abrazo.
Outubro 8th, 2012 at 10:32 p.m.
Ben dito! Grazas, curmán.
Outubro 8th, 2012 at 11:37 p.m.
que boas razóns…!
Outubro 9th, 2012 at 8:30 a.m.
Grazas!
Outubro 11th, 2012 at 11:44 p.m.
Xa, ben, coido que tes razón no que dis. Ninguén mellor que tí para saber o por que te pos a tipear diante do ordenador unha historia. Pero non me negues que, inda que non sexa de xeito premeditado, ó escribir unha boa historia, e ó escribila en galego si que estás a facer país. Apertas, por aquí sigo para o que faga falla.
Outubro 12th, 2012 at 10:45 a.m.
Pois imaxino que se fai país. Pero dende logo non é o que me move, senón facer literatura.
Outubro 12th, 2012 at 12:17 p.m.
Por suposto, pero non deixa de ser curioso canto pode transcender o que un fai ( no meu caso parecme que pouco)a pesares de que non é sempre o que se procura. Parabéns, ti chegas a tua meta e, se querelo, a que desexan moitos outros. Apertas.
Outubro 12th, 2012 at 9:51 p.m.
Apertas e grazas.