OU ISTO OU NON HABERÁ FUTURO

Posted by franciscocastro - 12/09/12 at 02:09 p.m.

Somos palabras.

Cando  menos eu teño claro que son verbas e semántica e fonemas e metáforas e conceptos e todo iso que este becho simpático que é o ser humano inventou para poñerlle sons ás cousas e, daquela, nomealas. E eu son iso e organizo a miña vida con iso e non sei entender nada, se é que algo entendo, sen as palabras e as sílabas e o seu son imprescindible musical estridente dóce.

E feliz que estou de que exista unha lingua fermosa (en fin, todas o son), como a lingua galega que ceiba verbas coma achouchíos húmidos.

Vivimos rodeados de verbas e, daquela, as verbas que nos rodean danlle forma ao mundo.

E se as palabras son de luz e ledicia a realidade é luminosa. Pero se as verbas son de tristura e amargas, daquela a realidade e turbia e fedorenta.

E as palabras que nos invaden nos últimos tempos recenden mal. Son divertidas algunhas, pero recenden mal.

A realidade preñouse de palabras que antes non existían e que non sei se fan a nosa vida mellor ou non. Imaxino que moitas si. Pero outras moitas contaminan o siso e reviran conciencias e entristecen corazóns.

Palabras que o son todo e que antes non eran.

Deixo aquí un relatorio urxente escribindo, sen pensar, moitas, algunhas, unha mostra, das que me rodean sen eu o querer. Daquela, verbas invasoras.

Categorización rápida. Lista. Poderían ser outras. Pero son estas.

Prima de risco, trending topic, recorte, ciberterrorismo, tapper, tapperware, tapperwar, productividade online, rescate, malware, app, neofranquismo, eurovegas, #, Era Rajoy-Wert, banco malo…

Foron as que primeiro me chegaron deixando os dedos ceibos teclear concentrado no que escoito, vexo, leo e percibo no aire circundante.

E recenden mal.

Por iso, fronte destas propoño outras, tamén sen pensar, animando aos meus dedos a premer as teclas correctas.

E saen liberdade, respecto, nube, sol, mar, ollada, calor, xustiza, igualdade, ciencia, poesía, loucura, paixón, cultura, auga, peito, peitos, educación.

Ou sexa: Futuro alimentado de palabras de luz.

Ou non haberá futuro

Os comentarios están pechados.