A ledicia dos asasinos

Posted by franciscocastro - 07/09/12 at 02:09 p.m.

Hoxe a prensa escrita abría, unánime (e ollo, contábano todas como unha boa nova), que os mercados amosaban euforia tralo anuncio de máis recortes por parte do goberno de Rajoy (que vai pasar á historia como o presidente do goberno que máis rápido vulnerou as promesas todas do seu programa). A prima de risco, pola súa banda, melloraba tralas conversas de Merkel con Mariano e o coqueteo cachondón do Banco Central dicindo que veña, que vale, que si.

E non pasa nada a pesar da brutalidade e das consecuencias terroríficas que o que acabamos de ler ten (máis dor, máis ignorancia, menos posibilidades para os máis necesitados, máis diferenza entre ricos e pobres). Seica preocupa moito máis que os de La Roja non se pararon a saudar ao mogollón que foi a esperalos a Peinador (ai Dios!) ou, como dicía certo xornal de Vigo, “los jugadores de La Roja ni siquiera hicieron un guiño a los seguidores” (ai Dios!).

A cousa é terrorífica, insisto.

Estamos en crise, non si?, isto non ten remedio, non si?

Sen embargo, eses cartos ameazan (gozosamente para a unánime monotemática repetitiva obediente prensa nosa) con aparecer se hai recortes, a saber, menos pensións (ou ningunha: Rajoy El Magnánimo dixo onte que non pensaba tocalas de momento; ese “de momento” pon medo de carallo e quere dicir que en calquera día que se levante rariño, pois que si), se eliminan prestacións sanitarias (dende hoxe unha morea de tratamentos xa non os cubre a seguridade social), etc.

Os mercados amosan euforia.

É a ledicia dos asasinos.

Os comentarios están pechados.