OS GOBERNANTES PÍDENNOS FE

Posted by franciscocastro - 06/09/12 at 02:09 p.m.

Mariano Rajoy, aos cinco minutos (é un falar) de ser nomeado presidente do goberno, comezou a poñer en práctica todo o contario do que figuraba no seu programa electoral. Pediu fe, que os españois creran nel, que confiaran no goberno. De Guindos, onte mesmo, falaba de que el cría, que tiña fe, en que a reforma do mercado laboral vai ter consecuencias positivas. Ten fe. El cre. El está seguro.

Salvando as distancias, a historia tenos mostrado centos de pirados que crían e tiñan fe e pleno convencemento de que as súas barbaridades eran boas. Os franquistas, por exemplo, movidos pola fe que profesaban, crían que estaban facendo un ben cando asasinaban xente. E os nazis nin che conto o convencidos que estaban e a fe que tiñan. E os que se rebentan a bombazos para ir dereitiños ao ceo de Mahoma.

Insisto: salvando as distancias.

Os adestradores de fútbol, en especial os de equipos pequenos, piden fe nas propias capacidades. Os curas de calquera relixión piden fe.

En definitiva, que aquí do que se trata é de entregar a nosa racionalidade, aparcala, poñela a un lado, deixala, e ter fe.

Ter fe en que subindo o IVE se consume máis.

Ter fe en que eliminando a sanidade pública e gratuíta imos ter mellor saúde.

Ter fe en que cargándose a lei de dependencia quen o necesita vai estar mellor atendido.

Ter fe é, canonicamente e en linguaxe eclesiástico, crer no que non se ve.

Pois iso: que non se ve.

Os comentarios están pechados.