SALVADORES, SALVAPATRIAS, DEMAGOGOS, TÓXICOS…

Posted by franciscocastro - 04/09/12 at 02:09 p.m.

Algún día haberá que investigar en serio por que centellas cada certo tempo hai que aturar aos salvadores, a saber, esa raza de falsos políticos -demagoxia en estado puro, pero da peor, da tóxica- que aparecen, polo xeral en contextos de crises de lexitimidade (como na que neste instante atura a democracia formal occidental) para, claro, salvarnos de todos os males. Estou falando dos Mario Conde, Jesús Gil, Ruíz Mateos, e, seica, Aznar (ou Baltar, ou tantos e tantos caciques), que anda deixándose querer por aí, visto o morrazo que o PP se vai levar a nivel global, para salvar España e volvela levar ao sitio e lugar no que estaba cando el gobernaba (mimá que medo!).

Hainos en todas partes, pero na política son especialmente nocivos porque alimentan o infantil desexo de que apareza un superheroe que o amañe todo, a crenza irracional de que as cousas van mal porque nos gobernan ineptos (non direi que non), e que alguén máis listo que ten a fórmula secreta vai arranxalo todo (Rajoy centrou parte da súa campaña niso). E dixen infantil a pesar de que hai moitos velliños que tamén o cren. Herdeiros daquela lóxica franquista (con perdón da lóxica), que mantiña que todo ía escarallarse ata que chegou o salvador, Paquiño do Ferrol, quen abeirado pola axuda divina salvou, como non, a España do marxismo-leninismo masón separatista ateo maricón.

En fin.

Que volven os salvadores.

Mais que lles quede claro que eu non quero que me salven.

Os comentarios están pechados.