O SÁBADO MORRE O MUNDO CIVILIZADO

Posted by franciscocastro - 31/08/12 at 09:08 a.m.

Polo meu barrio adiante puxeron uns carteis nos que se nos convida a asistir a unha conferencia para falarnos da fin do mundo que, segundo a secta que a organiza, vai ser o vindeiro 12 de decembro, ou sexa, o 12 do 12 do 12. Seica os maias e non sei que. O máis inquedante do choio é que o cartel encabézase cunha pregunta terrible: estás preparado?

Eu, a verdade, non estou preparado. Ademais, nin sequera me preocupa.

Porque o mundo, cando menos o civilizado, morre mañá mesmo.

Este sábado, preto de 150.000 inmigrantes quedarán oficialmente sen servizo sanitario. O Partido Popular, nun exercicio de coherencia coa súa ideoloxía conservadora, españolista e darwinista social, ordea (porque así llo pide, ollo, a maioría absoluta dos cidadáns) que aquelas mulleres e homes que estean irregularmente na xeografía española, que non sexan atendidos gratuitamente pola Seguridade Social. Se cadra, pagando e xa veremos. Aínda menos mal. Peor tería sido que se lles pedira aos médicos que lles disparasen ou denunciasen á policía.

Por iso digo que morre o mundo civilizado.

Porque a civilización implica a asistencia a quen o necesita sen lle preguntar. Porque somos civilizados. Se chega unha muller embarazada, independentemente de que teña papeis ou non os teña (ou aínda maís, se non os ten podemos imaxinar a súa situación de precariedade segurísima), ou un ancián que non se sostén, debemos, por unha mera cuestión de civilización, atendelo, poñer recursos, alivialo na dor, curalo. Non facelo implica deixar que, de novo, os trogloditas reaparezan. O darwinismo social (que defendían, por certo, os nazis) ao que antes me refería. Tes cartos, serás atendido. Non os tes, non es do meu país, es estranxeiro e pobre e irregular e entraches en caiuco e e e e e e… pois vai morrendo ou vai pagando.

A min tanto me ten o calendario maia.

A min preocúpame o calendario do PP.

Os comentarios están pechados.