Todos os recordos da miña nai

Posted by franciscocastro - 22/08/12 at 08:08 a.m.

Mirade ben esta foto. Somos mamá e eu. Probablemente, no verán de 1968. O mundo anda revolto. Hai violencia, aires de mudanza, ganas de revolución…pero creo que a nós non nos preocupaba nada diso en absoluto. Reparade neses dous sorrisos. Confiados. Cómplices. Reparade na miña man, posta sobre ela como dicíndolle, para, mamá, para, que non podo rir máis…Debeu de ser un intre dunha estrema felicidade. Eu non a reteño na memoria.

Ela, tampouco.

Porque ela, de feito, perdeuna hai moito tempo. E dende hai moito tempo vive atrapada no labirinto fedorento do alzhéimer.

Lonxe de todo e de todos.

Tamén de min.

Os amigos da librería Conde de Celanova, coa mediación do poeta Xoán Carlos Domínguez Alberte, prepararon un libro no que participaron escritores do entorno de Celanova-Baixa Limia. Como Xoán Carlos sabe que a miña nai naceu na aldea da Guía, en Gomesende, moi preto de Celanova, convidoume a participar cun texto, libre, que non excedera os mil caracteres con espazos.

Escribín o texto que vos deixo aquí. Sabedor de que a miña nai se lle marcharan os recordos todos, que non se lembra de nada, nin desa escena feliz co seu fillo pequeno, este mesmo que escribe aquí cos dedos agarrotados pola dor e a carraxe, mais tamén pola melancolía do que se foi, decidín poñer todo o que eu lembraba do que ela recordaba de cando vivía na aldea.

Deixalo todo escrito nun libro.

Dixéronnos que a literatura é memoria.

Por iso quixen facer literatura cos recordos de mamá.

INVENTARIO DE TODOS OS RECORDOS DA MIÑA NAI SOBRE GOMESENDE, AGORA QUE PERDEU A MEMORIA PARA QUE QUEDEN ESCRITOS E DAQUELA NON SE PERDAN DE TODO

A miña nai nai naceu en Gomesende. Enferma de alzhéimer dende hai moitos anos, non lembra nada nin ninguén. O seu fillo máis pequeno, escritor, vese na obriga de deixar os recordos da nai, da que foi terra primeira, por escrito nun máximo de mil caracteres sen espazos:

… somos da Guía o avó era xuíz de paz e papá pasaba vacas de contrabando pola raia unha vez perdinme aparecín na igrexa coa cabeza metida nun enreixado de nena pensaron que morría sempre de estar enferma e meu pai chamou unha noite ao enterrador para encargarlle a caixa e a miña nai levoume canda tres vellas que eran bruxas e pasáronme polo colo para sacarme o meigallo e caín no río e salvei a vida e non morrín pero papei unha pulmonía tiven un tío que se dedicou a timar durante anos aos emigrantes que ían a America collía os cartos e logo quedaban tirados no peirao de Vigo eu tiña un gato que se me deitaba ós pés da cama para quencermos e tiña unha tía que era moi boa e nos daba galletas de chocolate moi ricas dicía que era un macholo porque xogaba cos nenos e…

Os comentarios están pechados.