NON TEÑO FUTURO

Posted by franciscocastro - 10/08/12 at 10:08 a.m.

Leo na Muy Interesante, que as cacatúas son tan listas coma os cativos de tres anos. E que os grandes simios conseguen desenvolver algunhas clases de pensamento lóxico moito antes que o animal humano.

Para algúns, este tipo de cousas serán deprimentes porque dalgún xeito é como se cuestionasen a superioridade innata do home (esa que está presuposta dende os libros sagrados como a Biblia). Mais a min non me molesta porque, dende sempre, adoito poñer entre aspas esa definición que os gregos nos deron, un chisco soberbia, do ser humano como o animal racional. Collede a prensa, escoitade a radio (estes días están todos entolecidos con nuestras medallas: onte, un señor que retransmitía un combate de Loita Libre semellaba, na paixón que lle botaba, que a bielorrusa que competía polo bronce coa española merecía pouco menos que a morte!). Nietzsche xa nos aprendeu que iso non era certo, e que somos instinto, e que, xa que logo, debemos aprender a guiarnos por eles e así gozar da vida; Freud, Marx, Marcuse, e tantos outros, fixéronnos ver que iso que chamamos “alma” non é máis que o corpo, as súas necesidades, os seus desexos, os seus anceios e que, en todo caso, iso que chamamos razón debe de ser posta ao servizo da vida, que é corpórea e material.

Malia isto, a cultura xudeocristiá argallou un sistema, no que vivimos, que nega a corporalidade e prima a parte espiritual, levándonos así á culpa no caso de que sintamos, que desexemos, que exerzamos o pracer en liberdade. Isto comeza con Sócrates e Platón, que dixeron aquela cousa de que de verdade pertencemos ao Mundo das Ideas e que o corpo só fai corromper. Logo, co cristianismo, isto chega ao seu máximo expoñente. E como iso se estableceu así, o capitalismo tíñao doado: se convecemos a todo o mundo que as necesidades máis básicas do corazón e da vida non son importantes (e non só iso: que son pecado), daquela, concentraranse e porán a súa enerxía creadora (sublimación chamoulle Freud) na produción, no traballo, no desenvolvemento persoal dentro da Empresa. Por iso hai tanto adicto ao traballo, tanta e tanta xente que se realiza subindo banzos cara iso que nos din que é o éxito.

Como non comparto nada diso, non teño futuro. Non chegarei a ningures na vida. Non vou gañar xamais moitos cartos. Non terei fincas nin cochazos de alta gama. Non serei xefe de nada e, en definitiva, non medrarei e non triunfarei.

Teño alma de cacatúa e de gran simio. Son corpopel. Corpóreo e epidérmico. Transcendente por esa carne que me iguala a todos os homes e a todas as mulleres que, como dixo Whitman, son os meus irmáns e irmás. O meu corazón está con Walt, non coa tradición filosófica occidental.

Así de trascendente estou neste día caloroso de verán e luz.

Os comentarios están pechados.