ESCRIBIR EN GALEGO PARA VIVIR SEMPRE NA SOMBRA

Posted by franciscocastro - 22/07/12 at 10:07 a.m.


Hai uns días escribín esta reflexión sobre a miña condición de escritor en galego. Foi moi compartida nas redes sociais e comentada. E sentín solidariedade e agarimo e que a xente de nós entendía a miña queixa.

E hoxe ídesme permitir que recunque.

E veredes por que.

Non adoito ler best sellers. Non cando menos eses que veñen abeirados a campañas brutais de mercadotecnia, dende os Estados Unidos, enmarcados nunha estratexia de vendas cósmica, de millóns de dólares de inversión para sacar moitos máis dólares de inversión de beneficio. Como editor interésame o fenómeno, tan afastado e impensable no noso mercado reducido. Pero dende o punto de vista literario xa sei o que vou atoparme: un libro feito con mimbres previsibles, algo de intriga pataqueira, linguaxe moi sinxela e trama aínda máis básica. Iso vale para Dan Brown ou para o libro que neste momento está a arrasar en todo o mundo (libro, o carallo: é unha triloxía), e do que veño de ler a primeira entrega (en fin, recoñezo que non o puiden rematar, quedábanme 20 páxinas e xa me estaba a poñer enfermo). Falo de 50 sombras de Grey de E.L. James. Velaquí tendes a web oficial.
O libro, dende que saiu, leva unha pegata que di “Sí, este es el libro del que habla todo el mundo”. Así dende a primeira edición e antes de que empezasen a falar del ninguén. E, en efecto, é o máis vendido en todo o mundo e, como di na contra (un dos meus traballos, como o de tantos editores, é escribir eses textiños cos que pretendemos seducir a quen colle o libro na tenda), é un libro que “está reactivando a vida sexual de moitos americanos”, ao tempo que deixa claro que é un libro erótico que lle encanta ás mulleres. Igual por iso non me gustou. Mais sei que non ten que ver con iso que non me gustase…

Merqueino para achegarme ao fenómeno. Dúas amigas que quero moito, e ás que non vou deixar de querer, e que, ademais, teñen un excelente gusto literario, faláronme de que estaban enganchadas á historia. Aproveitando unha feira do libro e o desconto (son libros gordos e careiros), merqueino. A trama vai dun multimillonario que practica a dominación sobre virxinais mociñas ás que pervirte ata que lles encanta que lles proporcionen dor. Ata aí todo ben. Eu sei de algún que nos últimos tempos se achegou, dende a novela, ao asunto sadomaso.

Mais centrándonos no libro, é un conxunto de páxinas nas que os diálogos, a trama, as situacións, o desenvolvemento das interioridades dos personaxes son máis malos que unha peli pero desas de domingo á tarde un deses días que chove moito e tanto che ten o que te poñan. Personaxes planas. Falan como ninguén fala no mundo real. Situacións dunha previsibilidade que nin o escritor máis principiante se atrevería a narrar así. E moi pouco vocabulario. E moito tópico (quen escribiu este libro non se informou como debera sobre ese mundo do sadomasoquismo, nótase, porque están todos os clichés, ou como se escriba). En definitiva: dende o punto de vista literario non vale media peseta (e direino por unha vez e sen que serva de precedente: toda a crítica coincide comigo).

Pero sabedes que? Arrasa en todo o mundo.

Estou certo de que se ese orixinal chega ás miñas mans, e ao noventa por cento dos meus colegas editores, non o publicaríamos. Non pola temática, que xa somos adultos e estamos afeitos a todo, senón porque está soberanamente mal escrito. Moi mal escrito. Indecentemente mal escrito. Non ten nada dende o punto de vista literario. Non aporta nada.

Pero sabedes que? Arrasa en todo o mundo.

E imaxinando que algún autor ou autora de nós o escribise, e publicase en galego, o certo é que non pasaría do noso mercado, non se vendería en todo o mundo, dificilmente sairía do noso circuíto máis íntimo.

E o que quero dicir é que hai escritores e escritoras en lingua galega que lle dan mil voltas a este autor (ou autora, é que non sei se é home ou muller, de verdade). Que escriben mellor. Que teñen máis sabedoría literaria. Que coñecen mellor o oficio. Qu eson máis escritores e máis literatura e máis palabra e máis talento e máis de todo.

Pero sabedes que? Non arrasarían nin en Galicia.

Escribir en galego é asumir que vas vivir, sempre, na sombra. De Grey.

Os comentarios están pechados.