O PROBLEMA É QUE NON CREN NA EDUCACIÓN
Posted by franciscocastro - 19/07/12 at 02:07 p.m.Non negarei que iso de andar a cambiar os curriculos educativos sexa un infortunio. Pois claro que si. Un goberno aproba unha lei de educación e logo vén outro e dálle a volta e os ensinantes e as familias tolean, toleamos. É un incordio innegable, aínda que tamén é consecuencia dalgo profundamente democrático: cada formación política ten dereito a tentar educar á cidadanía consorte un proxecto educativo que, como é doado de entender, ten detrás unha determinada filosofía e unha determinada idea de que tipo de persoas hai que construir para o futuro. E iso é o que explica que un goberno de esquerdas potencie o laicismo e asignaturas como Educación para a Cidadanía e un goberno de dereitas a relixión ou o inglés (na crenza absurda de que é a panacea que vai librarnos de todos os males) e que oriente toda a educación secundaria pensando, como estamos vendo, en termos de mercado (falan sen pudor estes días de saídas profesionais, integración laboral, etc.). E igual para un goberno de esquerdas pesa máis formar persoas e para un de dereitas formar profesionais. E non é pequena diferencia.
Agora, máis unha vez, asistimos á presentación dun novo modelo. Que se desaparece selectividade pero seica vai haber un lote delas, que se vai haber novos itinerarios e que, sobre todo, que os alumnos e alumnas van ter que decidir, incluso antes que o de hoxe, que liña laboral van asumir.
E diante destas reformas verqueranse opinións de todo tipo. A miña tamén, claro. Mais temo que poucas desas valoracións van centrarse no realmente importante, que para min non é outra cousa que entender que o modelo educativo que deseñemos ten que responder, como antes dixen, a unha filosofía e a un xeito de entender ao ser humano. E que a educación non pode, non debe, ser, nunca, un vehículo para formar traballadores. Mirade ben o que digo: a educación non pode estar ao servizo do mercado, das empresas, do capital, do diñeiro. Criticádeme o que queirades polo inxenuo que soa. Pero, como se está vendo, ter unha boa formación técnica, profesional, titulada, hoxe en día non serve para nada en termos reais de atopar traballo cualificado.
O obxectivo do sistema educativo ten que ser formar cidadáns, persoas capaces de vivir as unhas coas outras, respectándose, entendéndose, soñando unha sociedade mellor que eles e elas construirán dende os seus respectivos eidos profesionais. E moito máis importante que preparalos para atopar traballo ten que ser preparalos para atopar o seu lugar no mundo, que non é, dende logo, o mesmo.
Eu non sei se esta nova reforma educativa mellorará as cousas (en fin, si que o sei, pero agora non importa). O que si sei é que o problema de fondo é que esta xente non cre no sistema educativo nin na educación. Cren, tamén dende as aulas, en que hai que seguir alimentando a roda de producir diñeiro.



Xullo 19th, 2012 at 2:56 p.m.
Andan a xogar con nós tanto uns como outros. Levo máis sistemas educativos nos últimos dez anos que nos anteriores catorce que levo no ensino. O único consuelo é que son moitos os profesonais do ensino que realmente nos preocupamos más pola formación do individuo, que é algo fundamental como ben dis, plural e crítica sobre todo, que por outras cousas. Aínda así non é sinxelo loitar contra isto, non sei que «profesionais» deciden estas reformas, pero cos que menos contan é con nós, e sobre todo co alumnado e as súas familias. Agora o inglés e a informática parecen a solución de todos os males, pero non o son. Boa reflexión
Xullo 20th, 2012 at 7:11 a.m.
Grazas Juan. E grazas sobre todo por manter alta a dignidade do teu traballo. Precisamos moitos profesores coma ti.
Xullo 20th, 2012 at 10:36 a.m.
Como ensinante en activo que tenta insinar e inculcar o que sabe, incluídos os valores da amizade inquebrantable, a axuda aos máis débiles, a solidariedade, o amor ao próximo e o espírito crítico, corroboro o que di Juan de maneira tan clara e valente, de que os [eu engado os dous] partidos políticos «grandes» (grandes en desvergonza, soberbia e engano) andaron, andan e andarán a xogar coa educación e cos seus transmisores, nós, os profesores, tanto uns coma os outros, en ocasións mesmo demonizándonos para que nos acovardemos. En canto á inmersión (perdón pola palabrota que soa a tortura medieval)no inglés, as «autoridades» actuais, que son as do PP,aproveitaron a coartada da inmensa importancia comercial que ten ese idioma para facer desaparecer do mapa e das conciencias dos galegos o galego, que é a lingua espiritual dun pobo, que ten esa pel de palabras, única, intransferibe, inviolable e irrenunciable.
Xullo 20th, 2012 at 5:17 p.m.
Nada que engadir. Imposible non concordar cos dous. Mágoa non concorden os dos deses dous partidos grandes.