Os que nos gobernan din parvadas
Posted by franciscocastro - 11/07/12 at 02:07 p.m.Nese libro profético que foi 1984, George Orwell fíxonos ver que se o estado quere de verdade dominar á xente, o que ten é que controlar a linguaxe. Porque as palabras son poderosas e, daquela, se convencemos a todo o mundo de que as palabras significan exactamente o que os que mandan queren que signifiquen, a manipulación, o dominio, a explotación, a humillación dos gobernados, será moito máis doada. Así o entendeu tamén toda a Escola de Francfort cando comezaron a denunciar a manipulación da linguaxe que operaba o estado para conseguir a obediencia cega da poboación.
Esta xente do PP que nos recorta a vida, fai o mesmo.
E explicarei por que.
Unha das cousas que máis medo pon do libro de Orwell, é que toda a realidade se goberna seguindo tres máximas que, a modo de dogmas indiscutibles, todo o mundo ten que seguir. Pero que son profundamente contraditorias. As verdades son:
A guerra é a paz.
A liberdade é escravitude.
A ignorancia é a forza.
O senso común fainos ver xustamente o contrario. Porque se hai guerra non pode haber paz. Porque se somos escravos non somos libres. E porque a ignorancia nos fai perder forza.
Pero a pesar de que eran, digamos, parvadas insostibles dende o punto de vista lóxico, funcionaban.
E a xente non se cuestionaba a verdade ou a parvada desas frases. Simplemente asumindo (ata o punto de non se decatar) que se o estado o di ten que ser certo, aceptábase sen máis debate.
Agora estamos igual.
O ministro de educación, cando se lle di que como vai haber tantísima xente nunha aula, di que é para mellorar a calidade educativa e socializar mellor aos rapaces e rapazas.
Parvada lóxica.
A ministra de sanidade, cando avanza que van perder dereitos os doentes, e que imos ter que volver a pagar os medicamentos (que xa estamos pagando dende sempre a través das cotizacións), di que é para universalizar o sistema sanitario e chegar a máis xente.
Parvada lóxica.
O presidente do goberno cando aproba a reforma do mercado laboral, que implica a perda de dereitos historicamente conseguidos pola clase traballadora, di que é para que os traballadores melloren e gañen en dereitos.
Parvada lóxica.
O ministro Montoro, falando da supresión da paga extra de Nadal (inventada para facer fronte aos moitos gastos no comercio desas datas), di que o pequeno comercio vai agradecelo e que lles vai ir mellor. E que a liberalización de horarios comerciais (que o pequeno comercio non pode soster) é unha medida economicamente boa para o pequeno comercio.
Parvada lóxica.
Pero, sabedes que? No mundo de tiranía absoluta de Orwell as xentes, cando vían nas telepantallas a figura do Grande Irmán, berraban de ledicia, aliviados e felices.
Aquí ganó La Roja.
Parvada lóxica.



Xullo 11th, 2012 at 2:31 p.m.
Non se lle pode quitar unha coma a escrita. aunque sí se podera extender a outras siglas políticas. No fondo o ser humán, «un hombre son todos los hombres», non é moi distinto. Uns intentan enganarnps dunha sorte e outros doutra.
Somentes varía a intensidade.
Xullo 11th, 2012 at 5:55 p.m.
¿Canto tempo máis imos berrar sós?????
Xullo 11th, 2012 at 7:51 p.m.
César: grazas. E concordo. Imaxino perfectamente ao PSOE no poder facendo o mesmo. Celina: estou certo de que os tempos serán chegados.