Archive for Xullo, 2012

OS RECORTES EN SANIDADE, O ABORTO E O CATOLICISMO DO PP

31st Xullo 2012 by franciscocastro 2 Comentarios

Hai uns días, cando o Partido Popular se cargou a lei do aborto (agora as mulleres terán que parir contra da súa vontade; agora as ricas abortarán con seguridade e as pobres arriscarán a súa vida, como no franquismo, aquela Terra Prometida para eles), provocando un retroceso de trinta anos porque si, os principais analistas políticos que se ocuparon do asunto obviaron destacar o máis importante.

Refírome a que, cando se comezaron a analizar as distintas valoracións que ían facendo as diferentes formacións políticas, case que ninguén reparou en que un voceiro do PP (non lembro quen, pero si que era un home, non unha muller), sinalou que, a fin de contas, o Partido Popular estaba sendo coherente coa súa liña ideolóxica. Certo. Aí non mentiu. A liña ideolóxica do PP díctaa Rouco Varela, xa saben, ese que soa para Papa romano aínda que sexa de Vilalba, o mesmo que aínda non escribiu unha liña para condear a pederastia, o mesmo que aínda non ofreceu vender unhas cantas alfaias que lle sobre á Igrexa para darlle de comer aos que o precisen, o mesmo que aínda non colleu polas barbas ao de Sanjenjo para dicirlle, mira, pensa máis nos pobres e menos nos mercados. Ese. Pois ben, esa liña ideolóxica, ditada polos curas (que non as monxas: o Vaticano é o único estado europeo onde a muller é discriminada por lei), é a que considera que o óvulo fecundado é un ser humano e, daquela, que non se pode abortar.

Eu aí non me meto. Paréceme un erro de planteamento insostible dende un punto de vista racional, pero disto non vou falar agora.

Do que quero falar é da hipocrisía dun goberno que se inspira na tradición católica española (así din sempre) e que, sen embargo, plantea retirar a atención sanitaria a quen non teña papeis (iso debe de ser o do amor ao próximo), que recurta a axuda aos anciáns (iso debe de ser o de honrar ao pai e á nai), que nos meteu na guerra de Iraq (iso debe de ser o de non matarás).

A min non me importa que o PP sexa un partido católico e que, amparándose niso, se carguen Educación para a Cidadanía, por exemplo, falen de recurrir ante os tribunais o matrimonio entre persoas do mesmo sexo ou o que lles pete. Alá os españois co sentido do seu voto. O que me rebenta é que, para o que lles convén, esgriman un pensamento e, cando lles molesta o pasen polo forro dos gallumbos.

A non ser que consideren, que pode ser, que non todos son fillos de Deus.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Somos persoas, non datos

30th Xullo 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

Así titulei o meu artigo, esta semana, en Sermos Galiza.

Podes lelo aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

ESCRIBIR EN GALEGO PARA VIVIR SEMPRE NA SOMBRA

22nd Xullo 2012 by franciscocastro 12 Comentarios


Hai uns días escribín esta reflexión sobre a miña condición de escritor en galego. Foi moi compartida nas redes sociais e comentada. E sentín solidariedade e agarimo e que a xente de nós entendía a miña queixa.

E hoxe ídesme permitir que recunque.

E veredes por que.

Non adoito ler best sellers. Non cando menos eses que veñen abeirados a campañas brutais de mercadotecnia, dende os Estados Unidos, enmarcados nunha estratexia de vendas cósmica, de millóns de dólares de inversión para sacar moitos máis dólares de inversión de beneficio. Como editor interésame o fenómeno, tan afastado e impensable no noso mercado reducido. Pero dende o punto de vista literario xa sei o que vou atoparme: un libro feito con mimbres previsibles, algo de intriga pataqueira, linguaxe moi sinxela e trama aínda máis básica. Iso vale para Dan Brown ou para o libro que neste momento está a arrasar en todo o mundo (libro, o carallo: é unha triloxía), e do que veño de ler a primeira entrega (en fin, recoñezo que non o puiden rematar, quedábanme 20 páxinas e xa me estaba a poñer enfermo). Falo de 50 sombras de Grey de E.L. James. Velaquí tendes a web oficial.
O libro, dende que saiu, leva unha pegata que di «Sí, este es el libro del que habla todo el mundo». Así dende a primeira edición e antes de que empezasen a falar del ninguén. E, en efecto, é o máis vendido en todo o mundo e, como di na contra (un dos meus traballos, como o de tantos editores, é escribir eses textiños cos que pretendemos seducir a quen colle o libro na tenda), é un libro que «está reactivando a vida sexual de moitos americanos», ao tempo que deixa claro que é un libro erótico que lle encanta ás mulleres. Igual por iso non me gustou. Mais sei que non ten que ver con iso que non me gustase…

Merqueino para achegarme ao fenómeno. Dúas amigas que quero moito, e ás que non vou deixar de querer, e que, ademais, teñen un excelente gusto literario, faláronme de que estaban enganchadas á historia. Aproveitando unha feira do libro e o desconto (son libros gordos e careiros), merqueino. A trama vai dun multimillonario que practica a dominación sobre virxinais mociñas ás que pervirte ata que lles encanta que lles proporcionen dor. Ata aí todo ben. Eu sei de algún que nos últimos tempos se achegou, dende a novela, ao asunto sadomaso.

Mais centrándonos no libro, é un conxunto de páxinas nas que os diálogos, a trama, as situacións, o desenvolvemento das interioridades dos personaxes son máis malos que unha peli pero desas de domingo á tarde un deses días que chove moito e tanto che ten o que te poñan. Personaxes planas. Falan como ninguén fala no mundo real. Situacións dunha previsibilidade que nin o escritor máis principiante se atrevería a narrar así. E moi pouco vocabulario. E moito tópico (quen escribiu este libro non se informou como debera sobre ese mundo do sadomasoquismo, nótase, porque están todos os clichés, ou como se escriba). En definitiva: dende o punto de vista literario non vale media peseta (e direino por unha vez e sen que serva de precedente: toda a crítica coincide comigo).

Pero sabedes que? Arrasa en todo o mundo.

Estou certo de que se ese orixinal chega ás miñas mans, e ao noventa por cento dos meus colegas editores, non o publicaríamos. Non pola temática, que xa somos adultos e estamos afeitos a todo, senón porque está soberanamente mal escrito. Moi mal escrito. Indecentemente mal escrito. Non ten nada dende o punto de vista literario. Non aporta nada.

Pero sabedes que? Arrasa en todo o mundo.

E imaxinando que algún autor ou autora de nós o escribise, e publicase en galego, o certo é que non pasaría do noso mercado, non se vendería en todo o mundo, dificilmente sairía do noso circuíto máis íntimo.

E o que quero dicir é que hai escritores e escritoras en lingua galega que lle dan mil voltas a este autor (ou autora, é que non sei se é home ou muller, de verdade). Que escriben mellor. Que teñen máis sabedoría literaria. Que coñecen mellor o oficio. Qu eson máis escritores e máis literatura e máis palabra e máis talento e máis de todo.

Pero sabedes que? Non arrasarían nin en Galicia.

Escribir en galego é asumir que vas vivir, sempre, na sombra. De Grey.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Ten que haber alternativa

21st Xullo 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

Así titulei o meu artigo de hoxe en Sermos Galiza.

Unha reflexión arredor da situación actual e da necesidade de mudalo todo de arriba a abaixo.

Podes lelo aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O PROBLEMA É QUE NON CREN NA EDUCACIÓN

19th Xullo 2012 by franciscocastro 4 Comentarios

Non  negarei que iso de andar a cambiar os curriculos educativos sexa un infortunio. Pois claro que si. Un goberno aproba unha lei de educación e logo vén outro e dálle a volta e os ensinantes e as familias tolean, toleamos. É un incordio innegable, aínda que tamén é consecuencia dalgo profundamente democrático: cada formación política ten dereito a tentar educar á cidadanía consorte un proxecto educativo que, como é doado de entender, ten detrás unha determinada filosofía e unha determinada idea de que tipo de persoas hai que construir para o futuro. E iso é o que explica que un goberno de esquerdas potencie o laicismo e asignaturas como Educación para a Cidadanía e un goberno de dereitas a relixión ou o inglés (na crenza absurda de que é a panacea que vai librarnos de todos os males) e que oriente toda a educación secundaria pensando, como estamos vendo, en termos de mercado (falan sen pudor estes días de saídas profesionais, integración laboral, etc.). E igual para un goberno de esquerdas pesa máis formar persoas e para un de dereitas formar profesionais. E non é pequena diferencia.

Agora, máis unha vez, asistimos á presentación dun novo modelo. Que se desaparece selectividade pero seica vai haber un lote delas, que se vai haber novos itinerarios e que, sobre todo, que os alumnos e alumnas van ter que decidir, incluso antes que o de hoxe, que liña laboral van asumir.

E diante destas reformas verqueranse opinións de todo tipo. A miña tamén, claro. Mais temo que poucas desas valoracións van centrarse no realmente importante, que para min non é outra cousa que entender que o modelo educativo que deseñemos ten que responder, como antes dixen, a unha filosofía e a un xeito de entender ao ser humano. E que a educación  non pode, non debe, ser, nunca, un vehículo para formar traballadores. Mirade ben o que digo: a educación non pode estar ao servizo do mercado, das empresas, do capital, do diñeiro. Criticádeme o que queirades polo inxenuo que soa. Pero, como se está vendo, ter unha boa formación técnica, profesional, titulada, hoxe en día non serve para nada en termos reais de atopar traballo cualificado.

O obxectivo do sistema educativo ten que ser formar cidadáns, persoas capaces de vivir as unhas coas outras, respectándose, entendéndose, soñando unha sociedade mellor que eles e elas construirán dende os seus respectivos eidos profesionais. E moito máis importante que preparalos para atopar traballo ten que ser preparalos para atopar o seu lugar no mundo, que non é, dende logo, o mesmo.

Eu non sei se esta nova reforma educativa mellorará as cousas (en fin, si que o sei, pero agora non importa). O que si sei é que o problema de fondo é que esta xente non cre no sistema educativo nin na educación. Cren, tamén dende as aulas, en que hai que seguir alimentando a roda de producir diñeiro.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Platón, Esperanza Aguirre, Rita Barberá, Ana Botella, Camps, Rajoy, Fabra e outros intelectuais exemplares

16th Xullo 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

Así titulei o meu artigo desta semana en Sermos Galiza.
Podes lelo aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O QUE NOS PIDEN É QUE NOS RENDAMOS

12th Xullo 2012 by franciscocastro 11 Comentarios

Por seguir co asunto de onte, a vulneración do sentido verdadeiro das palabras, cómpre que deixemos claro que o que nos están pedindo non é un sacrificio, que cedamos polo ben xeral, que entendamos que agora hai que apertar o cinto. Non é certo. Para nada é certo. O que están a pedirnos é que nos rendamos, que claudiquemos, que asumamos para sempre a derrota, que aparquemos e consideremos imposibles os grandes logros da civilización occidental (a sanidade gratuíta e universal, a educación gratuíta e universal, a atención gratuíta a quen o necesita e non pode valerse, o subsidio a quen traballou e agora non pode seguir traballando polo motivo que sexa, o sustento na xubilación…). Para levar adiante esa estratexia usan, ademais, o medo, é dicir, conectan coa nosa parte máis irracional e manexable.

Pero hai que matizar as cousas.

Hai que emitir, creo, outros discursos.

Sobre todo, porque nós sabemos a verdade.

E sabemos que todos estes axustes son para salvar as grandes fortunas, ás grandes corporacións multinacionais que gobernan de verdade o mundo, para salvar á banca. Sabémolo. Poden contarnos o que queiran, no volume que queiran, do xeito que queiran. Poden largarnos a milonga que lles apeteza, pero sabémolo e non poden enganarnos. Outra cousa é que custe tanto que a xente o entenda. Incluso, creo que a xente pasa de todo e non lle interesa sabelo. Pero é así aínda que nos libros de historia do futuro escriban outra cousa.

Esta manobra mundial do Capital (mira que me amola expresarme nestes termos tan vellos) é un plan perfectamente orquestrado para que a clase media e todo o que está por debaixo, é dicir, o 99 por cento da poboación, perda o que custou tanto gañar.

Porque os que mandan, os que o fan de verdade, non nos queren, non cren na solidariedade, non apostan por un mundo en igualdade, están convencidos de que son mellores e, xa que logo, certos de que non merecemos nada.

Así que haberá que sacrificarse. Non haberá unha Seguridade Social absoluta para todos e gratuíta. E como haberá quen non a poida pagar, que morran. Que se sacrifiquen e que morran. Os pobres, os inmigrantes, o lumpen social que os señoritos odian. Todos eses. Que morran.

Haberá que sacrificarse. Hai que replantearse iso do ensino obrigatorio. Quen queira estudar, que pague. E se non poden, sempre poden traballar como escravos nas súas fincas con piscina. Necesitan xente sen formación para que traballe nas súas piscinas e lles coiden das crianzas que non queren atender porque teñen esta finde campionato de pádel ou como carallo se escriba.

Haberá que sacrificarse. E nada de cobrar o paro. Se un non ten traballo, amiguiño, o darwinismo é o que che ten. Os mellores sobreviven. Os burros van ao paro. Que é iso de que teñan que quitarme cartos para axudalos?, pensan. Que medra a violencia, o alcoholismo, a desesperación por mor desa estúpida, inxusta, inmoral, medida? Que se aguanten. Non é o seu problema.

Falemos claro e digamos as cousas como son. Non é sacrificio. Pídennos rendición, que deamos voluntariamente un paso atrás, que cedamos para sempre, que nos entreguemos coas mans en alto e os pantalóns baixados. Levo dicíndoo anos: en pouco tempo, quen cobre 500 euros sentirase un afortunado aínda que non teña vacacións, médico ou vivenda. E menos mal, dirán, que teño traballo.

Na época da escravitude non había negros no paro…

Non renunciemos. Non nos rendamos. Que nos demostren que a banca vai gañar menos porque vai sacrificarse. Que nos demostren que as grandes fortunas amasadas a través da explotación (sabemos o  nome e apelidos das ilustres empresas esas) van pagar soldos dignos e van sacrificarse. Que nos demostren que non van gastar un peso en mercar armameto. Que nos demostren que van obrigar á igrexa a contribuir como todo o mundo.

E cando me teñan demostrado que todos eses tamén se sacrifican, que veñan falar comigo. Eu son un tipo racional e seguro que chegamos a un acordo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Os que nos gobernan din parvadas

11th Xullo 2012 by franciscocastro 3 Comentarios

Nese libro profético que foi 1984, George Orwell fíxonos ver que se o estado quere de verdade dominar á xente, o que ten é que controlar a linguaxe. Porque as palabras son poderosas e, daquela, se convencemos a todo o mundo de que as palabras significan exactamente o que os que mandan queren que signifiquen, a manipulación, o dominio, a explotación, a humillación dos gobernados, será moito máis doada. Así o entendeu tamén toda a Escola de Francfort cando comezaron a denunciar a manipulación da linguaxe que operaba o estado para conseguir a obediencia cega da poboación.

Esta xente do PP que nos recorta a vida, fai o mesmo.

E explicarei por que.

Unha das cousas que máis medo pon do libro de Orwell, é que toda a realidade se goberna seguindo tres máximas que, a modo de dogmas indiscutibles, todo o mundo ten que seguir. Pero que son profundamente contraditorias. As verdades son:

A guerra é a paz.

A liberdade é escravitude.

A ignorancia é a forza.

O senso común fainos ver xustamente o contrario. Porque se hai guerra non pode haber paz. Porque se somos escravos non somos libres. E porque a ignorancia nos fai perder forza.

Pero a pesar de que eran, digamos, parvadas insostibles dende o punto de vista lóxico, funcionaban.

E a xente non se cuestionaba a verdade ou a parvada desas frases. Simplemente asumindo (ata o punto de non se decatar) que se o estado o di ten que ser certo, aceptábase sen máis debate.

Agora estamos igual.

O ministro de educación, cando se lle di que como vai haber tantísima xente nunha aula, di que é para mellorar a calidade educativa e socializar mellor aos rapaces e rapazas.

Parvada lóxica.

A ministra de sanidade, cando avanza que van perder dereitos os doentes, e que imos ter que volver a pagar os medicamentos (que xa estamos pagando dende sempre a través das cotizacións), di que é para universalizar o sistema sanitario e chegar a máis xente.

Parvada lóxica.

O presidente do goberno cando aproba a reforma do mercado laboral, que implica a perda de dereitos historicamente conseguidos pola clase traballadora, di que é para que os traballadores melloren e gañen en dereitos.

Parvada lóxica.

O ministro Montoro, falando da supresión da paga extra de Nadal (inventada para facer fronte aos moitos gastos no comercio desas datas), di que o pequeno comercio vai agradecelo e que lles vai ir mellor. E que a liberalización de horarios comerciais (que o pequeno comercio non pode soster) é unha medida economicamente boa para o pequeno comercio.

Parvada lóxica.

Pero, sabedes que? No mundo de tiranía absoluta de Orwell as xentes, cando vían nas telepantallas a figura do Grande Irmán, berraban de ledicia, aliviados e felices.

Aquí ganó La Roja.

Parvada lóxica.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Unha parte da alma dos galegos

10th Xullo 2012 by franciscocastro 2 Comentarios

Así titulei o meu artigo de onte en Praza Pública e no que reflexiono sobre o acto de devolución (como se o roubase Rajoy) á igrexa, do Códice Calixtino e, sobre todo, sobre as palabras, tristeiras, que saíron da boca das autoridades políticas e relixiosas católicas.

Grazas a todas e a todos os que xa espalláchedes polo twitter e facebook.

Podédelo ler aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Son un escritor galego

9th Xullo 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

Así titulei o meu artigo desta semana en Sermos Galiza. Saiu hai un par de días e xa foron moitos os que o ligaron polo facebook e o twitter. Grazas a todas e a todos por espallalo. Agora, tócame a min.

Podedes lelo aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter