Condóns e retratos

Posted by franciscocastro - 28/06/12 at 02:06 p.m.

 

Os que nos gobernan -e non é un falar: as súas decisións fan danos moi concretos- repiten, coma un mantra (para iso están os seus asesores, para dicirlles o que deben repetir coma cacatúas raiadas), explican unha e outra vez que as decisións que agora se están a tomar, durísimas (xa sabedes: reaxustes), o que buscan é alicerzar o prioritario. Daquela, todo o que suprimen, recortan, reaxustan, eliminan… non é prioritario.

A cultura non é prioritaria.

A educación non é prioritaria.

A sanidade non é prioritaria.

Previr a Sida non é prioritaria.

Porque leo que Dúrex, empresa de preservativos, donou 100.000 preservativos e 100.000 unidades de lubricante para ser repartidos canda os seus novos folletos de prevención contra o VIH. Sen embargo, o Ministerio de Sanidad decidiu non repartirlos. Segundo a ministra, Ana Mato, a decisión débese ao “alto custe” que supón o seu empaquetamento, arredor dos 9.000 euros.

E leo, que se encarga un retrato dese home guapo, digno de ser retratado, que é Álvarez Cascos, para o Ministerio de Fomento (da arte?), valorado en 190.000 euros (por que me faría escritor?, por que non aprendería a pintar?).

Os retratos dos ministros son prioritarios.

E leo que este ano no concello da Coruña van volver dedicar cartos á festa taurina.

Os espectáculos violentos son prioritarios.

Creo que eu non son prioritario. Calquera día me recortan reaxustan reubican reciclan rematan.

Os comentarios están pechados.