GOBERNOS, LINGUAS, REALIDADE, ENGANO

Posted by franciscocastro - 17/06/12 at 09:06 a.m.

Hai que recoñecer que o goberno actual sabe usar moi ben a lingua, é dicir, as palabras, a linguaxe para facer con ela o que lle pete. Só podemos dicir algo así despois de comprobar esa curiosa práctica, que exercen sen cansar nunca e que consiste, no básico, en chamarlle ás cousas dun xeito diferente ao que en realidade son. E así, agrupar aos nenos nunha mesma aula, aínda que sexan de niveis distintos, chámalle “recuperación de escola unitaria”, a meter tropecentos alumnos nunha clase “oportunidade de socialización”, ao rescate, “liña de crédito”, aos recortes en sanidade, “extensión da universalidade sanitaria”, ao despido libre “reforma do mercado laboral”, á redución nas becas “búsqueda da excelencia”, e á convivencia pacífica entre linguas que había por aquí, cando menos a nivel do ensino, “conflito lingüístico”. Ten a súa lóxica que lles guste tanto darlle a lingua con fruición. Despois de todo, o presidente do goberno central foi aquel que a toneladas de chapapote chamou “hilillosh de plashtilina”.

O filósofo da escola de Frankfurt, Herbert Marcuse, xa explicou aló polos sesenta do século pasado, que ao poder encántalle chamarlle ás cousas por un nome distinto do que son. E claro, como as cousas son como as chamamos, a realidade termina sendo idéntica ás palabras que usamos para nos referir a ela. E así, de sempre, cando un mísil cae sobre civís, esnaquizándoos a todos, o que pasou foi que “fogo amigo provocou danos colaterais”; o sistema económico, por suposto, non xera paro, senón “poboación desocupada”, e guidar á rúa á xente porque si é “reestruturar”.

En fin. A lingua é unha arte. E este goberno dálle a ela que dá gusto.

A eles. A min, dende logo, non. Eu preferiría que falasen máis claro. E que lle chamasen ás cousas polo seu nome.

O que pasa é que, se tal fixesen, a realidade pasaría a ser outra e, daquela, esa realidade (a de verdade, non a nomeada doutro xeito) paparíaos con patacas.

Os comentarios están pechados.