ESES GOBERNANTES QUE DESAPARECEN

Posted by franciscocastro - 10/06/12 at 09:06 a.m.

Faime coña ler hoxe no twitter tantísima xente queixándose de que Rajoy onte non deu a cara pero que si irá hoxe ao partido. Digo que me fai coña porque o estraño sería que dese a cara, que se comportase como un dirixente que, nunha situación así, vai e dirixe. Pero non o fixo. Pero, insisto, o normal é que non o faga.

Á tradición nos remitimos.

En nada vai facer dez anos que un barco petroleiro comezaba a afundir diante das nosas costas. No medio do desastre, nas peores horas, cando non se sabía que ía pasar co barco e dende as autoridades (in)competentes se tomaban erráticas decisións, o daquela presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, toma a de marchar de caza como tiña previsto dende había semanas. Coma un señor. O seu país afogado de medo, agarrándose o futuro, contendo as bágoas, pero o presidente dese país entende que a cousa non vai con el, que ten unha cita. E, como onte dicía algún tertuliano da dereitona na televisión, hai que manter a axenda para dar sensación de seguridade. Claro, é como se ese pai que ten unha xuntanza de traballo lle informan de que o seu fillo ingresou por urxencias. Pois vai o pai e di, nada, nada, todo controlado nas mans dos médicos, eu marcho á xuntaza que é moi importante, manteño a axenda e así dou sensación de seguridade. Non. De imebecilidade.

Ninguén debería sorprederse. Rajoy só fixo o que os demais fixeron.

Coma ese rei que, en pleno descalabro económico da súa finca privada e hereditaria, decide ir asasinar elefantiños por aí. Para que vai quedarse a facer de xefe de estado. Xa están outros para facelo. Eu teño que cazar e de caza marcho. Así rompa a cadeira.

Estamos afeitos a que non nos atendan, a que non nos coiden, a que pasen de nós, a que, cando hai problemas dos gordos, desaparezan.

Pobriño Rajoy. Deixádelle gozar do patriótico partido en paz. A fin de contas, non fixo nada que outros antes ca el -e despois ca el- fixeron e farán.

Os comentarios están pechados.