Archive for Xuño, 2012

Presentación de O NENO CAN en Vigo

29th Xuño 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

O vindeiro venres da semana que vén, día 6 de xuño, ás 20 horas e no marco da Feira do Libro de Vigo, a escritora Fina Casalderrey e un servidor presentaremos, acompañados polo director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, O neno can, libro que escribimos a beneficio de UNICEF. Por iso tamén estará con nós Gloria del Río, presidenta de UNICEF Galicia.

Espero vervos a todas e a todos por alí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Condóns e retratos

28th Xuño 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

 

Os que nos gobernan -e non é un falar: as súas decisións fan danos moi concretos- repiten, coma un mantra (para iso están os seus asesores, para dicirlles o que deben repetir coma cacatúas raiadas), explican unha e outra vez que as decisións que agora se están a tomar, durísimas (xa sabedes: reaxustes), o que buscan é alicerzar o prioritario. Daquela, todo o que suprimen, recortan, reaxustan, eliminan… non é prioritario.

A cultura non é prioritaria.

A educación non é prioritaria.

A sanidade non é prioritaria.

Previr a Sida non é prioritaria.

Porque leo que Dúrex, empresa de preservativos, donou 100.000 preservativos e 100.000 unidades de lubricante para ser repartidos canda os seus novos folletos de prevención contra o VIH. Sen embargo, o Ministerio de Sanidad decidiu non repartirlos. Segundo a ministra, Ana Mato, a decisión débese ao “alto custe” que supón o seu empaquetamento, arredor dos 9.000 euros.

E leo, que se encarga un retrato dese home guapo, digno de ser retratado, que é Álvarez Cascos, para o Ministerio de Fomento (da arte?), valorado en 190.000 euros (por que me faría escritor?, por que non aprendería a pintar?).

Os retratos dos ministros son prioritarios.

E leo que este ano no concello da Coruña van volver dedicar cartos á festa taurina.

Os espectáculos violentos son prioritarios.

Creo que eu non son prioritario. Calquera día me recortan reaxustan reubican reciclan rematan.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Coma Marilyn Manson (La Roja me la trae floja)

27th Xuño 2012 by franciscocastro 3 Comentarios

Así titulei o meu artigo en Praza Pública.

Podedes lelo aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O FÚTBOL E A NAI E O PAI QUE OS BOTOU

24th Xuño 2012 by franciscocastro 6 Comentarios

Perdón, que conste, perdón, que eu son un fulano que fala moi ben e que non solta pecados así como así, á miña obra escrita remítome, pero hoxe éntranme ganas de facer iso que vén sendo o final da dixestión no fútbol. Non por tal resultado ou taloutro, que tanto me ten. Non vai coa miña vida, non vai mellorala, non vai facer que as miñas angurias desaparezan, como moito servirá para que durante un cacho dun anaco dun pouco pense que a miña vida vai mellor e que ten menos angurias porque uns señores gañaron un partido. Así que paso. Non é por iso. É por saber que se gañan os de La Roja van levar 300.000 euros, coa que está a caer. Outros tantos lle deron por gañar o Mundial e seica tributaron en Sudáfrica. Toma patriotismo, himno nacional e elefantes tiroteados. Pero non é por iso, non. É por saber que Facenda toma a decisión de non ir contra dos clubes de fútbol, que lle adebedan á facenda pública, é dicir, a ti, a min, a todos, 752 millóns de euros. Mais nin sequera me entran ganas de finalizar a parte sólida da dixestión no fútbol por iso, senón porque Facenda toma a decisión de non reclamar «para que non desaparezan moitos». Por iso digo o que digo e faría o que faría en troques de no váter, no fútbol. Porque a cultura pode caer, que non pasa nada, se tes unha pequena empresa e non podes facer fronte aos pagos, caes, se queres montar un negocio e che vai mal, caes, pero se es o pan, o circo, o entretemento, a droga de tantos que organizan os seus estados de ánimo en función de se a meten ou non (a pelota), daquela, sostenche ese mesmo estado que te machaca.

Sinto, pero hoxe, se puidera, facíalle algo enriba da cabeza ao fútbol todo.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Unha momia resesa, un vampiro cariado, un home eléctrico sen baterías e un peludo sen depilar

23rd Xuño 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

Así titulei o meu artigo de hoxe no Sermos Galiza.

Podes lelo aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O problema é que non temos poder

22nd Xuño 2012 by franciscocastro 2 Comentarios

Unha das ilusións máis interesantes que se nos activaron no corazón a raíz das protestas dos indignados, era que o poder volvía aos cidadáns e cidadás, que agora, fartos de tanto esperar monotonamente ás eleccións cada catro anos, fartos da partitocracia orgánica, estabamos na rúa para pedir o que é noso, a saber, o dereito a ser escoitados, a ser atendidos, a que se teña en conta á cidadanía real e concreta. Esa idea, alimentada pola presión, a cada día máis efectiva, que facemos dende as redes sociais para falar de todo, denunciar todo, queixarnos de todo, propoñer alternativas, soñarmos xuntos (sobre todo ofrecendo esa información que os medios de comunicación tradicionais silencian e que dende as redes amplificamos), foi  medrando ata o punto de que chegamos a crer que si. Que agora si. E de todas as ideas, a máis forte, a máis interesante, era aquela que dicía que os bancos e os banqueiros non podían ser o centro, e que o capital da xente tiña que servir, precisamente, para atender á xente. Do movemento 15 M, para min, esa era a idea máis gorentosa: as entidades financeiras teñen o que teñen porque as persoas meten aí os seus cartiños e, daquela, deben ser esas persoas as beneficiarias das contas de resultados, non os especuladores mundiais. As outras, en especial esa idea infantil e reducionista de todos os políticos son iguais, á merda con todos, esa non a comparto pois, entre outras cousas, non é certa. Que van ser todos os políticos iguais. Para nada o son. Hai  moi boa xente traballando polos demais. Hai moi boa xente implicada no proxecto de cambiar o mundo para mellor. Non é certo que están todos aí para lucrarse. Dicir que todos son da mesma maneira é como dicir que todos os escritores son de tal outro xeito, ou que todos os calvos son non sei que. Esa idea, como digo, infantiloide, infantilizante e reducionista, serve, entre outras cousas, para que os que odian o sistema democrático medren. Semella un paradoxo pero é así. E iso a min non me gusta e ademais é sumamente perigoso.

Ao que vou: o problema é que non temos poder. Todos os movementos de indignación, a saída por milleiros á rúa fíxonos crer que realmente tiñamos o poder. Que agora chegaba o tempo das persoas.

Pero non e para nada.

Na Ciencia Política defínese o poder como a capacidade para influir sobre outras persoas. Por iso é importante distinguir poder de mando. Non ten que ver necesariamente unha cousa sobre a outra. Un ditador ten mando, pero non ten necesariamente poder. Messi ou Cristiano Ronaldo, infortunadamente, teñen poder. Belén Esteban tamén ten poder. Por iso, tamén, nos vai como nos vai.

Os cidadáns e as cidadás non temos poder. Porque acaban de rescatar a Banca. Porque acaban de inxectar millóns de millóns dos nosos cartos en salvar a Banca, os banqueiros, as súas indemnizacións, a súa conta de resultados, os seus negocios. É así de directo e así de claro. Por iso digo que non temos poder, porque o 15 M foi o outro día e en teoría é un movemento aínda moi vivo. Porque se supón que seguimos indignados. E diante dos nosos narices indignados e cabreados e molestos e fartos, diante dos nosos narices dispostos a facer política doutra maneira, rescátannos iso que eufemisticamente chamamos sistema finaceiro pero que é só o cu gordo de señores de cu gordo, con perdón, aos que os nosos cus non lles importa o máis mínimo.

E non pasa nada. Xoga La Roja. A ver se gañan a Francia dunha vez.

Somos mindundis. Non temos poder ningún. Pero ningún ningún.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Aquel ataque de loucura de Rajoy (conto fantástico)

18th Xuño 2012 by franciscocastro 6 Comentarios

O presidente abriu os ollos e decatouse de que se sentía moi relaxado. Durmira moi ben, algo que non conseguía dende había décadas. Así que se ergueu e colleu o teléfono da mesiña de noite e pediu o almorzo. «Nada de fibra», declarou enérxico, «hoxe quero unhas madalenas, para empezar a xornada con dóce na boca. Ah, e por certo, bos días». O presidente non puido saber a cara de estrañeza que se lle quedou á gobernanta do palacio despois daquel bos días inagardado. O presidente daba ordes, non os bos días. «Seguro que durmiu ben», comentou a axudante da gobernanta. «Non sei, non sei», dixo esta, «a min sooume moi raro».

O presidente almorzou e soubolle todo moi rico. Incluso repetiu outra cunca de café. Deuse unha ducha e non se afeitou porque, a fin de contas, levaba barba dende sempre, para disimular aquela cicatriz consecuencia dun cativo accidente de coche. Fronte da ventá, sentindo a calor temperá do sol de Madrid, decatouse de que toda aquela xente esperaba moito del e que a historia o chamaba, precisamente, a facer historia. Así que decidiu que mandaba a paseo a prima de risco, a lectura do resumo dos xornais que xa lle prepararan e que o que ía facer era o que de verdade lle apetecía: pasear polo xardín. Colleu de novo o teléfono e chamou ao seu xefe de gabinete. En cinco minutos estaba alí. «Imos pasear», dixo o presidente. O xefe de gabinete limitouse a pensar que iso non era o habitual, pero que o xefe é o xefe, e se hai que pasear, paseamos. «Vai anotando, amigo». Amigo????, chamáralle amigo??? A cousa era seria. O xefe de gabinete tragou cuspe, con moitísima dificultade. Que lle pasaba ao presidente? Quedaran en que ocuparían a mañá deseñando o argumentario para convencer aos españois de que non pasaba nada e agora viña con paseítos e que tomase nota, amigo.

O presidente, coa ollada perdida, decatándose do bonitas que estaban as árbores na Moncloa a esas horas, empezou a dictar. «Toma nota, camarada». Camarada?, chamoume camarada?, repetiu mentalmente o xefe de gabinete ao tempo que notaba que o corazón se lle aceleraba sen permiso. O presidente ollouno con dozura e empezou a falar: «mira, imos romper o concordato coa santa sede, cos cartos que saquemos imos financiar asuntos sociais, por outra banda, chámame ao ministro de defensa e dislle que non, que xa non hai nada máis que investir aí, desmantelamento do exército e os cartos todos para atender á xente, que o necesita, e agora, amiguiño (amiguiño?, chamoume amiguiño?!!!!), o máis importante, os cartos que nos deu Europa para rescatar os bancos, pois imos ocupalos en rescatar á xente, ah, e que non se me olvide, chámame ao presidente da federación de futbol, e dislle, de parte do presidente do goberno, que como non paguen xa o que deben á seguridade social e á facenda, que vou meterlles un puro como os que me gusta fumar nos touros, que con eses millóns de euros imos financiar a sanidade e a educación…»

«Presidente», dixo o xefe de gabinete, «teño que parar. Vou sentar neste banco». O presidente, que se sentía lixeiro e feliz e cheo e pleno e convencido de que estaba a facer o correcto, parou. «Que che pasa?, non me sigues o ritmo?» O xefe de gabinete, foi sincero, «non podo, isto é forte de máis para min. É como se vostede estivese sufrindo un ataque de loucura!». E comezou a tusir ao tempo que agarraba o pescozo, pois non podía respirar…

Mais quen tusía, en realidade, era o presidente, que espertaba así do seu sono, entre suores e tusidos, espantado diante do que viña de soñar. Que espanto. Que de tolerías. Que soño máis comunista, alternativo e proletario! Que cearía a noite anterior para ter semellantes pesadelos?

Abriu un ollo. Descolgou o teléfono. Chamou polo xefe de gabinete. Quedaran en que ían adicar o día a preparar argumentos para convencer aos españois de que non pasaba nada.

A ver se acababan cedo, que hoxe xoga La Roja.

Chuzame! A Facebook A Twitter

GOBERNOS, LINGUAS, REALIDADE, ENGANO

17th Xuño 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

Hai que recoñecer que o goberno actual sabe usar moi ben a lingua, é dicir, as palabras, a linguaxe para facer con ela o que lle pete. Só podemos dicir algo así despois de comprobar esa curiosa práctica, que exercen sen cansar nunca e que consiste, no básico, en chamarlle ás cousas dun xeito diferente ao que en realidade son. E así, agrupar aos nenos nunha mesma aula, aínda que sexan de niveis distintos, chámalle «recuperación de escola unitaria», a meter tropecentos alumnos nunha clase «oportunidade de socialización», ao rescate, «liña de crédito», aos recortes en sanidade, «extensión da universalidade sanitaria», ao despido libre «reforma do mercado laboral», á redución nas becas «búsqueda da excelencia», e á convivencia pacífica entre linguas que había por aquí, cando menos a nivel do ensino, «conflito lingüístico». Ten a súa lóxica que lles guste tanto darlle a lingua con fruición. Despois de todo, o presidente do goberno central foi aquel que a toneladas de chapapote chamou «hilillosh de plashtilina».

O filósofo da escola de Frankfurt, Herbert Marcuse, xa explicou aló polos sesenta do século pasado, que ao poder encántalle chamarlle ás cousas por un nome distinto do que son. E claro, como as cousas son como as chamamos, a realidade termina sendo idéntica ás palabras que usamos para nos referir a ela. E así, de sempre, cando un mísil cae sobre civís, esnaquizándoos a todos, o que pasou foi que «fogo amigo provocou danos colaterais»; o sistema económico, por suposto, non xera paro, senón «poboación desocupada», e guidar á rúa á xente porque si é «reestruturar».

En fin. A lingua é unha arte. E este goberno dálle a ela que dá gusto.

A eles. A min, dende logo, non. Eu preferiría que falasen máis claro. E que lle chamasen ás cousas polo seu nome.

O que pasa é que, se tal fixesen, a realidade pasaría a ser outra e, daquela, esa realidade (a de verdade, non a nomeada doutro xeito) paparíaos con patacas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Non pasa nada

16th Xuño 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

Así titulei o meu artigo desta semana no Sermos Galiza. Unha reflexión sobre a infancia e a guerra e, sobre todo, sobre o pouco que nos importan estas cousas.

Podes lelo aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Rescatar a cultura galega

15th Xuño 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

Así titulei o meu artigo en Praza Pública esta semana e no que recordo algo que parece que se obvia: o sector cultural galego xera un Produto Interior Bruto e un volume de emprego maiores que o naval ou o químico. A pesares de ser un sector atomizado, xera arredor do 2’5 por cento do traballo en Galicia (fonte: Zona Franca de Vigo e Consello da Cultura Galega).

E parece que a ninguén importa o seu desmantelamento.

O artigo, aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter