Archive for Maio, 2012

Presentacións de dous libros

28th Maio 2012 by franciscocastro 4 Comentarios

Esta semana vai ser especialmente intensa para min a nivel literario.

Mañá, ás 18 horas andarei polo Centro Ágora, da Coruña, para presentar, dentro do ciclo de actividades organizado polas bibliotecas municipais da Coruña para conmemorar o 2012 Ano Galego do Alzhéimer, o meu Chamádeme Simbad. Estarei acompañado por Eva Vieites, bibliotecaria, e a directora da Biblioteca Ágora, Cristina Ameijeiras.

Logo, o xoves, ás 20 horas, verémonos, con Fina Casalderrey, na Galería Sargadelos, presentando o noso O neno can. Vainos acompañar o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes.

Estades convidados aos dous actos.

Coma sempre, será un pracer.


Chuzame! A Facebook A Twitter

O músculo máis forte do corpo humano é a lingua

26th Maio 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

Velaquí o título do meu novo artigo en Sermos Galiza.

Podes lelo aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Unhas cantas obviedades

24th Maio 2012 by franciscocastro 6 Comentarios

Que a república é un sistema de organización política mellor que a monarquía é unha obviedade.

Que a riqueza podía repartirse mellor e así morrería menos xente é unha obviedade.

Que a Igrexa ten que autofinanciarse é unha obviedade.

Que as clases de relixión non deben existir é unha obviedade.

Que hai guerras porque hai quen se lucra delas é unha obviedade.

Que o galego está perseguido en Galicia, pouco apoiado ou negado, é unha obviedade.

Que traballar menos e rir máis é bo para a saúde é unha obviedade.

Que estamos programados para a felicidade e non para a tristura é unha obviedade.

Que Angela Merkel e Rajoy non se saben capaces de sacarnos desta é unha obviedade.

Que hai políticos incendiarios con vocación de pirómanos que cando abren a boca é para amolar, é unha obviedade.

Que o lóxico sería a igualdade de oportunidades para todos é unha obviedade.

Que a morte de millóns de persoas ao ano por fame é evitable é unha obviedade.

Cansa escribir tantas obviedades.

E sobre todo cansa saber que sendo todo tan obvio, aínda así, somos quen de nos organizar completamente do revés para que todo sexa complexo, lamentable, tristeiro e problemático.

Cando todo é tan obvio.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Firma de libros, presentacións… actos de Francisco Castro no mes de Maio

23rd Maio 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

Pois sabido é que no mes de Maio os escritores en lingua galega andamos así como que sobrepasados por tanta cousa como temos que facer, requeridos en moitos lugares.

E iso está moi ben.

E para ordear o tráfico, velaquí un resumo do vindeiro. Agradézovos a todos a vosa presenza e espero que poidamos parolar de vagar nalgunha destas citas.

Empezamos por este domingo. Na Guarda, a partires das seis da tarde, estarei asinando exemplares dos meus libros. O Concello celebra a Feira do Libro Letras Galegas 2012.

Logo, o martes da semana vindeira, ás 18 horas andarei pola Biblioteca Ágora da Coruña, para presentar Chamádeme Simbad dentro do ciclo de actividades organizado polas bibliotecas municipais da cidade para conmemorar o 2012 Ano Galego do Alzhéimer. Estarei acompañado por Eva Vieites, bibliotecaria, e a directora da Biblioteca Ágora, Cristina Ameijeiras.

E dous días despois, o xoves, en Sargadelos, en Pontevedra, Fina Casalderrey e eu presentaremos, ás 20 horas, O neno can, o noso libro en favor de UNICEF.

Seguiremos informando.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Quero xornalistas que saiban poñerse en pé

20th Maio 2012 by franciscocastro 2 Comentarios

Así titulei o meu novo artigo en Sermos Galiza, sobre a rolda de prensa na que os neonazis gregos obrigan «por respecto» a poñerse en pé aos xornalistas diante do seu Líder.

Podes lelo aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

EN ESPAÑA NON HAI HOMOFOBIA, NIN DESIGUALDADES E OS NACIONALISMOS SON MALÍSIMOS

19th Maio 2012 by franciscocastro 3 Comentarios

Iso é o que van aprender os que cursen a asignatura de Educación para a Cidadanía, xa saben, aquela materia que o anterior goberno socialista implantou e que pretendía formar cidadáns libre, democráticos e críticos, que entendensen que o importante é o respecto ás distintas opcións de vida, a democracia o mellor camiño, e que relixión e racionalidade deben ir por separado. Dende o primeiro instante, eses paladíns da democracia, o progreso, a liberdade e a igualdade que é a Conferencia Episcopal, denunciou a asigantura e chamou á desobediencia civil e á obxección de conciencia. O PP, brazo político das sotanas, alzacuellos e outros adminúculos sectarios e excluíntes (pois queren que todos pensemos igual), apresurouse a dicir que se algunha vez gobernaban, quitarían a asignatura, porque non se pode manipular aos inocentes meniños e meniñas dicíndolles iso de que os homosexuais non deben ser discriminados ou que a igualdade entre homes e mulleres debe ser un obxectivo racional a conseguir, mira ti que burradas.
Agora, como están no poder, dun xeito moi coherente, atacan á asignatura, xa saben, esa que manipulaba aos pequerrechiños, pero non para sacala, como dixeran, senón para dotala de contidos científicos. E agora, nos contidos da asignatura case que non haberá referencias á homofobia, nin á desigualdade, déixase claro que a iniciativa privada é a que xera riqueza, e que o nacionalismo é excluínte, malo malísimo e que todo o que todo cidadán responsable debe pensar é o que di a Constitución e nada máis ca iso. Ese é o único catecismo aceptable.

Os bispos xa aplaudiron o xesto.

E eu estou que vomito.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Para soñar-Nós

18th Maio 2012 by franciscocastro 4 Comentarios


Onte, no Día das Letras Galegas, o Faro de Vigo publicou unha revista interior na que 50 deseñadores e 50 escritores colaboramos para facer un cartel dedicado a todos e cada un dos que foron homenaxeados, e xa van medio cento, cada 17 de Maio.
No meu caso, a AELG, entidade colaboradora no proxecto, pediume que me encargase da figura de Xoán Vicente Viqueira, a quen se lle dedicou o Día das Letras do ano 1974.
O reto era sintetizar, nun máximo de tres liñas, a súa vida e obra.
Viqueira foi un home que xa antes do 36, cando as Irmandades da Fala, defendeu a necesidade dun ensino totalmente en galego e que tiñamos que achegarnos ao mundo da lusofonía. Estivo coa xente da Xeración Nós, en definitiva, inventado este país.
O deseñador Felipe Gil Gago, de radar estudio, fixo ese fermoso cartel a partir destes tres versos meus:

Ensino en galego sempre
E irmandade alén-Minho
Para soñar-Nós

Chuzame! A Facebook A Twitter

Vou pedir responsabilidades

14th Maio 2012 by franciscocastro 2 Comentarios

Así titulei o meu novo artigo en Sermos Galiza.

Aviso: estou moi amolado.

Podédelo ler aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

UN ATAQUE DE RISA

9th Maio 2012 by franciscocastro 12 Comentarios

Leo que o Banco Central Europeo dá un ultimatum a Grecia, así, en plan mafioso. Leo que hai que meter cartos de todos (os que non hai para dependencia, educación, cultura…) en Bankia e que hai que procurar que os bancos, pobriños eles, non perda os seus beneficios (que non reparten con nós). Leo que os afectados polas preferentes -que manda truco, os bancos timando- están aínda con máis medo que antes porque ignoran como vai quedar o asunto cando a que era caixa galega de todos (posta en pé entre todos, apoiada por todos, fornecida economicamente por todos, e dentro de nada, en propiedade privada de mans privadas duns poucos) sexa absorbida-mercada por outra entidade. E daquela dame por pensar como foi que chegamos ata aquí, como foi que a democracia chegou a este punto.

Ou sexa: como é que, dun xeito máis que descarado, os bancos, os mercados, os brokers da Bolsa ou a vida, os ladróns de traxes caros son os que nos gobernan.

A palabra democracia xa sabedes, significa poder do pobo. E eu, que vos leo moitos libros de historia, sigo alucinando cando vexo aquela democracia primeira, a de Atenas, na que todos os cidadáns tiñan a facultade de procesar aos mandatarios (o mesmo Pericles, que foi durante décadas escollido para gobernar a cidade tivo que soportar -e perder- un proceso de ostracismo que acabou coa súa expulsión temporal da polis), na que todos tiñan que ser maxistrados, nas que todos tiñan que ocuparse, nalgún intre, das contas do estado. Loxicamente, iso non é algo que poidamos asumir hoxe. Pero si que lle daba un certo sentido a iso de poder do pobo.

Na infancia, lin, e non entendín moito pero algo quedou (logo, maís medrado, xa lin con consciencia), aquela tira famosa de Mafalda na que a rapaciña vai buscar ao dicionario a definición de Democracia e éntralle un ataque de risa que lle dura todo o día.

Corenta anos despois de que Quino debuxase esa tira, seguimos na mesma situación. Aínda que peor, pois, en efecto, pasaron décadas e teriamos que ter mellorado.

O pobo non goberna. Os mercados si. Os bancos si.

E daquela, dános por rir.

Aíndaf que ao mellor tiñamos que poñernos serios.

Moi serios.

E a ver que pasaba se todos nos puxeramos serios.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Pum, pum, pum, pum

6th Maio 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

Ese é o título, cheo de latexos, que escollín para o meu novo artigo en Sermos Galiza e que podes ler aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter