CANDO OS QUE NOS TEÑEN QUE COIDAR, ATACAN

Posted by franciscocastro - 20/04/12 at 02:04 p.m.

Hai montada unha lea -e non é para menos- pola nova esa de que os axentes de seguridade de Obama aproveitaron unha visita a Colombia para relacionarse con prostitutas. Seica once axentes de élite (que carallo significará iso?) levaron prostitutas ao seu luxoso hotel, despois de, segundo o informe interno, “enlouquecer” (que carallo significará iso?) na cidade de Cartaxena, nun clube nocturno. O presidente dixo que se as acusacións son certas vaise amolar moito. Mais o peor non é iso, senón que un experto do Servizo Secreto, dixo que era o escándalo máis grande da institución. Non son, por exemplo, os golpes de estado promovidos en distintas partes do mundo para poñer ditadores ao ser servizo; non é tan escandaloso o adestramento de torturadores para que fagan mellor o seu traballo como se demostrou que a CIA fixo nos setenta do século pasado. Non. O escándalo gordo é este.

En fin, que eu non quero falar disto, senón doutra cousa.

Eu quero falar de que é o que pasa cando os que nos teñen que coidar, non nos coidan senón que nos atacan. A saber: os políticos que deberían vear polo noso futuro pero nos recurtan educación; os gobernantes que deberían mirar pola nosa seguridade pero se cargan a lei de dependencia; os reis que deberían estar reinando (que carallo significará iso?) pero están por aí de festa asasinando paquidermos; os xenros de reis que deberían estar representando ao estado (que carallo significará iso?) pero están desviando fondos -públicos- para as súas contas particulares; os alcaldes que falan de ética, rigor e exemplo, e logo andan a defraudar a facenda; os xuíces que en troques de investigar crimes -por exemplo, os do franquismo- persiguen a outros xuíces para inhabilitalos; os membros de élite da seguridade presidencial (é dicir, policías, servidores da lei) que contribúen á explotación sexual das mulleres.

Algo vai mal se montamos unha sociedade na que os que nos teñen que coidar, en realidade, nos odian, desprezan e atacan.

Algo que vai contra do senso común (que carallo significará -para todos estes ghichos- iso?)

Os comentarios están pechados.