COMO ATOPAR O PUNTO G

Posted by franciscocastro - 31/03/12 at 10:03 a.m.

Hai uns días limos que a TVG pedíalle a unha presentadora que deixase de usar a gheada e que falase, digamos, en normativo. Seica ela dicía ghrasias e cousas así que, na fala, dende logo, son perfectamente válidas pero seica, na tele, non o son tanto.

O primeiro que pensei cando atopei a nova foi que se o que se busca é que a xente fale ben, había que botar da tele a María Teresa Campos, que ten un dehe, ou como se escriba iso, andalú que tira pa trás, arsha, miniña, ole, ole, quillo. E postos a pensar, cheguei a conclusión de que a meirande parte dos locutores de deportes da propia TVG había que botalos tamén á rúa e reciclalos cun bo curso de pronuncia, porque algúns deles levan ben de anos traballando e pronuncian fatal, non dan as sete vogais nin de coña e a cantidade de castelanismos que soltan en cada retransmisión mete medo.

Pero logo pensei, veña ho, para que pensas esas cousas se o de menos é a gheada e incluso os castelanismos. Mira ti que cousas que pensei.

Porque o asunto, coma sempre, en realidade, ten que ver con outras cousas. Ten que ver cun problema de vergonza, autonoxo e miseria mental. E ollo, que a min  non me parece mal que haxa que falar, na tele, no galego estándar. Os da BBC sonche moi miradiños por exemplo con iso, e o inglés que se emite aí non o mellora nin o Shakespeare mesmo. O que me parece mal é o que sei que hai debaixo desa orde de empezar a falar ben. Síguese pensando, así, en xeral, que o galego é de parvos do monte. Pero, se xa falamos de gheada e de seseo, que son variantes absolutamente galegas, daquela son moitos e moitas os que pensan que estamos a falar da parte máis montuna do monte, da parte máis rural do rural, da parte máis besta das bestas.

O problema é, como levamos séculos denunciando, que os galegos non damos atopado o punto G, o Punto Galego, o punto do orgullo de nós. Coma sempre, envexo aos meus amigos e amigas de Cataluña, país no que, incluso os de dereitas, entenden que o máis seu que teñen é a lingua. E dela fan bandeira. Eu lémbrollo decote aos escolares cando os visito: que non hai nada máis importante que a lingua. Que todos botariamos as mans á cabeza se prohibisen o noso viño, ou o marisco. Iso é galego puro, seica. E hai moita xente que presume dos éxitos de Inditex e que saca peito con cada recoñecmento por aí fóra ao Luis Tosar. Sen embargo, cando se trata da lingua, e da fala, e das actitudes diante dela… aí naufragamos como país. E a moita xente faille graza ver as andaluzadas lingüísticas na tele española e sente vergonza cando o sotaque propio sae nesas mesmas canles.

Daquela, a batalla, unha das batallas lingüísticas que temos que asumir é aprender a atopar o punto G. De Galego. Daranos moito gusto cando tal aconteza.

Os comentarios están pechados.