Por que (creo) que non estou tolo

Posted by franciscocastro - 23/03/12 at 03:03 p.m.

Debo dicir, e digo, que non estou tolo e que sei por que.

Sei que non estou tolo porque comigo viven, dende que nacín, seres azuis nun submariño amarelo que me informan dos usos e costumes dos habitantes dos planetas que aínda non se descubriron. Cando os deixo sair dormen nese hotel que eu teño e que dirixe un recepcionista que sempre recibe a ritmo de rap, agás aos perseguidores do sol, seres extremadamente sensibles que precisan dun silenzo case que relixioso ao seu redor. Estes últimos, por certo, van sen gafas escuras. A pelo e a rentes da vida.

A proba da miña saúde mental é que na casa teño cadeiras nas que sento e coas que podo voar polos aires, estratosférico, a facerlle o amor ás venusianas simpáticas de ollos amendoados e sabor mel.

Sei que non estou tolo porque paso o día cantando, e porque choro moito polas cousas que me turran do ánimo e ás veces esas bágoas forman lagoas onde veñen humedecerse as estrelas que caen do ceo e son adoptadas pola miña man. E porque soño con reencarnarme en auga e bañarme de ti.

Estou absolutamente certo da miña cordura porque adiviño a forma das nubes incluso nos días da súa ausencia. Nubes ás que, por certo, beixei con ánimo lúbrico estes días nos que collín catro avións e puiden atacalas dende enriba.

Non teño dúbida ningunha de que non estou tolo a pesar do que puidera parecer a quen lea estas cousas que escribo. Ando lúcido por completo, porque experimento pracer todo o tempo e todo o rato polas fantasías, todas, que se me cumpren, porque non preciso de doutores que me recomenden farmacopeas e porque ao tempo que escribo estas liñas escápanseme gargalladas maiúsculas mentres vexo a unha cativa cabalgando no parque infantil que hai debaixo da miña ventá sobre un cabalo de madeira salvaxe trotamundos de xeografías.

Non se deixen enganar.

Eu non estou tolo.

Eu só escribo libros.

E iso, como a tanta xente, sálvame da tolería.

Os comentarios están pechados.