A XENTE QUE LE É MOITO MÁIS FELIZ
Posted by franciscocastro - 02/03/12 at 03:03 p.m.Non é que o diga eu, é que o din os da Universidade de Maryland, e, daquela, a cousa ten como que moita máis validez. Concretamente, é un estudo feito por sociólogos desa institución educativa e que analizou datos dos últimos trinta anos chegando a conclusión de que a xente que é capaz de verbalizar que é feliz, entre os seus hábitos principais está o da lectura, mentres que os que se definen como infelices, unha das cousas que máis fan é ver a tele.
Agora quedaría por investigar se non será, neste caso da infelicidade, xusto do revés: que por ver tanta tele vólvense infelices…
Unha das conclusións máis interesantes dese estudo é que a lectura, fronte da tele que dá unha satisfacción inmediata (?), outorga unha satisfacción a máis longo prazo e, xa que logo, moito máis duradeira.
Os que somos lectores de toda a vida encántanos ler ese tipo de informes, porque non entendemos moi ben como é posible que a tanta xente non lles guste facer o que nós facemos con tanta devoción. E por máis que nos esforzamos en facerlles ver que a lectura é un hábito dos mellores que poden adquirir os nosos fillos, e que co que se gastan nun xogo para a consola mercaban dez libros sen problemas, decote sentímonos frustrados ao ver que tan profundos e insistentes argumentos non se teñen en conta.
Agora, xa é unha cousa científica.
E ademais, eu xa expliquei hai tempo, que os que lemos libros somos moito máis guapos e guapas.



Marzo 2nd, 2012 at 3:38 p.m.
Totalmente dacordo. Sempre tiven este tipo de discusións con amigos e familiares, entre os que se atopan moitos «non lectores», e digo eu que pode haber tipos de libros ou máis ben temáticas, ou determinados escritores que non gusten, pero outros moitos que sí… É que hai tanto onde elixir… Sería como dicir que non che gusta ningunha cor en especial, ou ningunha comida,…
Marzo 2nd, 2012 at 3:40 p.m.
Non vou negar ningunha desas verdades, pero si engadirei que non hai actividades excluíntes. Eu merco libros e merco xogos, leo, escribo, pinto, vexo a tele, xogo ás distintas consolas que teño, argallo no ordenador, saio de cañas… E son feliz, pero non só por ler, non me gustaría criminalizar á tele que tan bos momentos me deu tamén… aínda que a pobre estea cada vez máis enferma e podre. Apertas!
Marzo 2nd, 2012 at 8:44 p.m.
Somos mais felices porque entre milleiros de historias por vivir, sempre escollemos a que nos mellora a alma.
Os que non leen, so poden vivir a sua historia, sen saida, sen opcions.
Marzo 3rd, 2012 at 4:49 p.m.
Dacordo cos tres. Con Ismael e Bibiana, porque eu sempre digo que os libros dan ese tipo de cousas. E con Beluka, claro, hala que non o temos pasado ben vendo a tele. Pero non este tipo de tele que agora aturamos…
Marzo 4th, 2012 at 12:27 a.m.
A xente que le é moito máis xente
Marzo 4th, 2012 at 12:39 a.m.
Creo que a satisfacción da lectura é inmediata e duradeira. Eu xa empezo a disfrutar cando leo; ou antes, cando escollo o autor e a obra.
Marzo 4th, 2012 at 12:48 p.m.
Gústame moito iso de que a xente que le é moito máis xente. E en efecto: eu son dos que goza do ritual de ir á librería, fedellar, escoller, ler un anaco. Mercar. E na casa, no parque… ler.