CHAMO A FACER POLÍTICA

Posted by franciscocastro - 28/02/12 at 03:02 p.m.

É innegable que nunca coma hoxe gozamos dunha liberdade máis real. Iso hai que recoñecelo e convén non frivolizar con este asunto. Agora hai liberdade. Moitísima máis da que gozaron os meus pais, por exemplo. Tanta que eu agora, dende aquí, podo dicir o que me pete sen que practicamente me pase nada. Isto é un privilexio que non debemos discutir. Claro que podiamos ser máis libres. Pero a liberdade política témola e é un dato obxectivo. Os que aturaron ao anano de Ferrol non a tiveron. Nin outros antes. Nós si. E coas novas tencoloxías, coa Internet, as Redes Sociais, etc, temos plataformas seguras dende as que poder emitir o noso pensamento, disentir de quen queiramos e, incluso, divulgar versos e beixos.
De feito, cando se frivoliza con isto, adoitamos caer en situacións moi afastadas da liberdade, é dicir, en dictaduras e similares, lugares onde a liberdade non existe porque, seica, xa hai alguén (o caudillo, o partido) que decide polos demais porque sabe que é o que lle convén á xente. Iso é algo que, no seu día, falei con xente moi activa do movemento dos indignados: vale que non vos gusta esta situación política, vale que non vos sentides representados, pero non podedes enmedar á totalidade á clase política nin negar as regras do xogo porque, daquela, a única alternativa é comezar a facer as cousas por fóra da política. E iso sempre sae mal.
Sen embargo, a nosa democracia, a occidental, esta que defendemos porque sen dúbida non hai nada mellor nin máis xusto, estamos a vivir unha situación de quietude perigosísima. E onde digo quietude digo pasotismo ou digo tanto me ten. Supoño que é unha manifestación da derrota na que a xente, en especial a xente traballadora, está instalada. A reforma do mercado laboral que acabamos de padecer é o máis parecido que nunca se aprobou á escravitude. Empresas que poden descolgarse do convenio. Circunstancias para un despido case que gratuíto e porque si.
E, sen embargo, a quietude. A calma.
Aquí non pasa nada.
E que se me entenda: non estou pedindo o conflito social. Xa lles gustaría aos neocón que nos gobernan que saisemos á rúa a rachar con todo e así podernos fostiar -con perdón- a gusto. Recortarnos máis por bárbaros. Non. De feito, se hai algo salientable no movemento 15 M é que foi unha inciativa pacífica, da xente indignada, si, pero con sentido, saíndo á rúa a dicir que había que moverse. Xente que organizou conferencias, que montou asambleas, que redactou documentos.
Xente que fixo política.
Mais hoxe, curiosamente, as rúas xa non están cheas de xente en asamblea, discutindo, falando e soñando alternativas. Curiosamente, todo o mundo está na súa casa, esperando a ver que pasa.
E como sigamos esperando a ver que pasa eles van pasarnos por riba.
Daquela, chamo a participar. A ler análises políticas. A estudar. A militar nos partidos. A organizar conferencias. A soñar outras posibilidades. A discutir. A votar. A rebelarse.
En definitiva: chamo a facer política.

Chuzame! A Facebook A Twitter

7 ResponsesCHAMO A FACER POLÍTICA to “”

  1. Juan M. Romero says:
    Febreiro 28th, 2012 at 4:59 p.m.

    Para min que o que estamos é «aborregados» e non parece demasiado sinxelo que isto cambie. Parece que cantas máis posibilidades temos para protestar e tentar que as cousas cambien menos as utilizamos. Certo é que somos moito máis libres para case todo, pero parece como se non souberamos usar esa libertade

  2. náufrago says:
    Febreiro 28th, 2012 at 8:35 p.m.

    Velaí a traxedia e a contradición.

  3. bemsalgado says:
    Febreiro 29th, 2012 at 2:08 p.m.

    Mira que mo tiñan dito!

    http://beminvitados.blogspot.com/2012/02/de-manuel-da-roura-2001-esta-vista.html

  4. náufrago says:
    Febreiro 29th, 2012 at 2:20 p.m.

    Fermoso…

  5. Estripo Albar says:
    Febreiro 29th, 2012 at 10:15 p.m.

    Persoalmente debo confesar que son unha persoa «privilexiada» laboralmente pero a miña conciencia dime que debo reaxir contra este sistema no que me toca vivir xa que é absolutamente inxusto.
    Mais vexo o pasotismo da maioría e dame magoa, moita magoa. Síntome pesimista. Este mes toca ir a moitas manis; irei pero botarei en falla a toda esa xente que «pasa».
    Perdoa, pero hoxe, como diría a miña avoa, non estou católica.

  6. náufrago says:
    Febreiro 29th, 2012 at 10:57 p.m.

    Pois fóra o pesimismo. Hai que ser, por forza, optimistas.

  7. bemsalgado says:
    Marzo 2nd, 2012 at 1:41 p.m.

    Servizo de promoción comercial a domicilio e gratuito, facturada a bordo do RPD Grosser Kurfürst, navegando em alta mar.

    Tampouco se podem esperar pesos a catro pesetas, ollo!

    http://bemvem.blogspot.com/2012/03/o-naufrago-bordo-delira.html

Deixa unha resposta