BOTÁBALLE EU UN LAPO!

Posted by franciscocastro - 22/02/12 at 03:02 p.m.

Xa sabedes que o presidente da Comisión de Economía e Política Financeira da CEOE, ou sexa, da patronal, José Luis Feito, propuxo antonte que se retire o subsidio de desemprego aos parados que rexeiten unha oferta de traballo, «aínda que sexa en Laponia». A filosofía é clara: se eu agora vou ao paro, e me ofrecen, eu que sei, traballar polo soldo mínimo facendo un traballo case en condicións de escravitude, xa non en Laponia, senón nalgún lugar afastado que implique que gaste cartos para ir, teña que comer alí, non ver á miña familia durante o día, etc. pois se iso é así, eu teño que collelo ou senón, que me quiten o paro (subsidio que, por outra banda, veño pagando cos meus impostos dende hai décadas). A idea que sustenta tal disparate, no fondo, parte do prexuízo ese de que os parados, en realidade, son uns vagos que non queren traballar. Idea pelín facha, por certo.

O caso é que cando eu escoito Laponia, que queda en Finlandia, penso inmediatamente nos renos de Papá Noel e venme un sorriso á boca. Pero, será porque son de Teis e medio macarra, no primeiro que pensei foi nos lapos, a saber, esa mestura de saliva e moco que se saca directamente da gorxa e que se cuspe con forza e que, se che cae enriba, dá moito noxo.

E foi ler as declaracións esas e non me entraron ganas de pensar nos renos de Papá Noel, senón en largarlle un lapo en todo o traxe carísimo a quen pensa que hai que asumir traballos indignos, mal pagados ou semiescravos ou non ter o dereito a vivir.

(E tómese o do lapo, por favor, como un hábil e algo porco xogo de palabras; non quero que anden cuspindo vostedes agora por aí a ninguén. Élles un falar)

Chuzame! A Facebook A Twitter

4 ResponsesBOTÁBALLE EU UN LAPO! to “”

  1. Maeloc says:
    Febreiro 22nd, 2012 at 8:48 p.m.

    Vomitivo, chulesco, bestial e cruel o tal Feito, que ademais é xefe de autopistas varias.Verdadeiramente incita á violencia o tal energúmeno. Vese que está eufórico coa tamén bestial e inxustísima reforma laboral do señor Rajoy y el muy animal non se corta un pelo nin disimula. Haberá que indagar polo San Google o seu presente e o seu pasado biográfico; seguro que os seus fillos, sobriños, netos e demais familia, moi probablemente de dubidosa preparación profesional, traballan ao quente superenchufados nas empresas familiares e se van á tal Laponia será só a esquiar e a cazar, que está xente éche moi afeccionada as escopetas con mirilla. O tal individuo tivo que buscar precisamente Laponia co frío que vai estes días mesmo en Galicia, se polo menos dixera «Jaguay» ou algo polo estilo, pero vese que é malo e nefasto con forza e aleivosía. Seguro que lle gustou a forma de quentar estudantes por parte dos azuis (no meu tempo chamábanlle grises, porque a policía ía de gris)o outro día. Oír a Desfeito, Feito ou como se chame e sentir as hostias que repartiron os «servidores del orden» en Valencia recordame a miña xuventude, cuando «Cuéntame» non era un conto e se tiñas frío e protestabas quetábache gratis a policía.

  2. náufrago says:
    Febreiro 22nd, 2012 at 10:02 p.m.

    Querido Maeloc: asino, rubrico, firmo todas e cada unha das súas lúcidas verbas. Isto é unha Desfeita.

  3. Elisabeth Oliveira says:
    Febreiro 28th, 2012 at 10:47 a.m.

    Vamos, vamos, sen freo cara abaixo. Esta xente asustame de verdade! E o peor é que pouco o criticaron dende os medios «tradicionais» (menos mal que nos queda a sexta…) Hai unha canción do grupo portugés «Deolinda» que xa nos dicía o ano pasado «Que parva que sou (nun país)onde para ser escravo, é preciso estudar. Pois iso, eu creo que xa postos, podíamos ser escravos e acabar dun plumazo co paro. (Non, non quero dar ideas, creo que xa a teñen e estana a aplicar aos poucos).

  4. franciscocastro says:
    Febreiro 28th, 2012 at 11:36 a.m.

    Iso: non deas ideas….. Que triste, si, escravos titulados!

Deixa unha resposta