COMA CONRAD

Posted by franciscocastro - 20/02/12 at 03:02 p.m.

Sempre me fascinou Londres. De feito, teño a esperanza de ir vivir alí cando me xubile. Asinaba agora mesmo marchar para esa cidade sorprendente na que tes serias posibilidades de morrer feliz. A pesar do secos que son os británicos (e as británicas) seguen a ser, para min, a capital de Europa. Non Bruxelas nin, por suposto, Alemaña. Só en Londres podía estoupar a loucura dos sesenta. Alí naceu a primeira minisaia. Aínda hai Hare Krishna pola rúa vendendo paraísos. Os hipis, ou como se escriba, tiveron alí o seu Edén. E alí seguen. E se hai algunha idea revolucionaria  na arte que exportar, sen dúbida, será dende Londres dende onde se faga.

Estes días, sobre o Támesis mesmo, veñen de pendurar unha réplica do navío Roi des Belges, aquel no que se subiu Joseph Conrad para visitar, despois de 1600 quilómetros de viaxe, o nacemento do río Congo. Desa viaxe naceu O corazón das tebras, unha das mellores obras que eu lin na miña vida. Poucos textos coma ese para explicar a dureza da alma humana. Poucas imaxes tan inquietantes como o instante no que o barco divisa a costa africana por vez primeira, vendo algo que antes nunca viran os que ían no barco, aos que se lles engurra o corazón polo medo e a incerteza arredor do que van atoparse. Moitos anos despois decateime de que cando eu describía a chegada ao Novo Mundo do señor de Outeiro, o protagonista do meu As palabras da néboa, era esa imaxe a que probablemente tiña na cabeza. Por fin a Terra Prometida. Unha cortina mesta de néboa que se vai descorrendo para, coma un teatro enmeigado, amosar a terra nova na que todo aínda é posible.

Xa expliquei mil veces a miña devoción por Conrad. Por iso, agora que sei que van convidar a durmir nese barco a unha serie de escritores aos que Conrad lles influiu, para que escriban alí e lean e durman e coman e e e e e, escribo este post coa esperanza de que me conviden. Xa sei que entendedes que o digo de coña porque eu son un mindundi comparado cos que xa convidaron, pero non imaxinades a ilusión que me faría estar nese barco, rodeado de libros de Conrad, sobre o Támesis, ese mesmo río do que saiu aquel barco que había cambiar a súa vida, e a de tantos que o lemos unha e outra vez, para sempre.

Os comentarios están pechados.