E OS EMPRESARIOS, REALMENTE CONTENTOS
Posted by franciscocastro - 11/02/12 at 11:02 a.m.Eu creo que si que temos que empezar a preocuparnos en serio. E miren que eu non son moi de dicir estas cousas, pero hai algo que agora mudou, dende que goberna o PP, que xa non é igual que cando gobernaba o PSOE. E é que antes, na era Zapatero, falaban da necesidade de facer unha reforma laboral. Era algo así como unha obsesión obsesivamente obsesiva. Unha reforma, por suposto, disfrazada de verbas como eficacia ou flexibilidade, pero que, en realidade, o que vén sendo é despido barato e soldos de miseria. Igual estou simplificando pero vén sendo iso. Eu non lles digo que non se xera emprego así. Pero é obvio que é emprego en precario, mal pagado. Dará igual os estudos que un teña, ou non cobrar as horas extras. Haberá traballo. Indigno pero traballo.
Claro, na época dos escravos, os escravos estaban todos traballando…
Pero como lles digo, algo mudou. Porque agora xa non piden esa reforma do mercado laboral porque saben que esa reforma xa se está a facer, que xa está en marcha, que xa se está a facer, viva viva viva. E celebran que vaia na boa dirección. E chámenme demagogo ou incluso, roxo, pero polo xeral, cando se dan estas tan descaradas alegrías patronais hai motivos máis que dabondo para que imaxinemos sufrimentos para a outra parte implicada. Decátome de que soa incluso marxista, miren que sábado máis raro levo hoxe.
Sinceramente, eu non lles sei se a saída da crise para por perder dereitos fundamentais, medio privatizar a sanidade, esnaquizar o ensino público, reducir as axudas á igualdade, cuestionar as pensións, etc. Mais ben penso que, xa que hai crise, algúns aproveitados (aos que se lles deu maioría absoluta, non o esquezan), pois iso, que aproveitan para levar a auga ao seu muíño e construir a idea do mundo que eles (e os que lles votaron, se non non o terían feito) consideran o correcto.
E o resto, tranquiliños, vendo a vida pasar.



Febreiro 11th, 2012 at 2:02 p.m.
Dá medo que ao traballador se lle poida botar fóra aínda sen ter perdas, que sexan vistos coma engrenaxes dunha máquina, sen vida propia, sen familia, sen necesidades… Cando aprenderemos a ver o lobo detrás da patiña branca?
Febreiro 11th, 2012 at 5:55 p.m.
Témome que nunca.
Febreiro 11th, 2012 at 10:24 p.m.
Reforma tremenda e agresiva que coincide coa posible desintegración do BNG. Ven de apagar a luz e de pechar a porta a moi meritoria Lidia Senra, auténtica galega de ferro de gran criterio, ¿Como organizarse? ¿que facer e a quen acudir nas próximas eleccións xerais? That is de question, que diría o inmenso Shakespeare.
Febreiro 12th, 2012 at 1:19 p.m.
Pois a súa pregunta é das realmente importantes. Ou somos quen de construir unha alternativa que demostre unha certa unidade ou, ao de seguirmos así, a debacle pode ser aínda máis gorda. E eu non quero iso.
Febreiro 12th, 2012 at 2:02 p.m.
Claro que non, Francisco, eu tampouco quero iso, que Galicia, miña pobre,xa foi maltrata ao longo da historia dabondo e ségueo sendo.
Febreiro 12th, 2012 at 11:19 p.m.
Algún día deixaremos de padecer.
Febreiro 13th, 2012 at 1:58 p.m.
Hai tempo que o mundo está do revés. Os marxistas son os outros: “There’s class warfare, all right, but it’s my class, the rich class, that’s making war, and we’re winning.” Warren Buffett dixit ( http://www.nytimes.com/2006/11/26/business/yourmoney/26every.html ). Ou sexa: «Hai loita de clases, pero é a miña clase, a clase rica, a que fai a guerra e imos gañando».
Por outra banda, a desmovilización e a desesperanza levan moitos anos instaladas entre a clase obreira. E falo de clase obreira en sentido amplo, non coma proletario «stricto sensu». Nos anos de bonanza todos quixemos ser (ou aparentar) coma os máis ricos e agora parece que ninguén é obreiro e que nos conformamos coas migallas que nos botan.
Finalmente, só engadir que para min, a escisión do BNG é unha boa nova, porque penso que a UPG leva anos cun discurso afastado da realidade galega, básicamente dende que saíron da Xunta e marchou Quintana. E algo bo deberon facer no goberno, porque o actual presidente empregou os dous primeiros anos do seu mandato en destrui-lo traballo feito anteriormente.
Ó final a realidade é moi terca e temos o que nos merecemos, sobre todo nos gobernantes.
Saúdos
Febreiro 13th, 2012 at 3:57 p.m.
Concordo. Temos o que nos merecemos. Se merecesemos máis saberiamos pedilo.