LER E RELER OS CLÁSICOS

Posted by franciscocastro - 08/02/12 at 03:02 p.m.

Hai un par de días, comendo en Madrid cun grupo de editores, autores, ilustradores, etc., xurdiu, inevitablemente, a pregunta referida ao que estabamos lendo. Eu, como son dos que len varias obras ao tempo, dixen que respostaría ao final. E fun oíndo: case que todas e todos citaban obras que eran moi recentes nas librerías. Decateime de que estaban moi pendentes das novidades editoriais e de que cada título recente que alí se citaba axiña era comentado positiva ou negativamente polo resto dos comensais…

Cando chegou a miña quenda, case que pedín perdón antes de falar, pois recoñecín que, dende hai un tempo, invisto case que todo o meu tempo de lectura nos clásicos. E máis que nos clásicos, naqueles textos que me fixeron vibrar o corazón cando era neno. E expliquei que estaba a pasalo moi ben cona A illa do Tesouro, de Stevenson, e que toleaba escoitando a descrición de Jim Hawkins a bordo do barco no que vivía, morto de medo, a súa aventura canda Long John Silver. E que polas noites entregábame a este libro, do que xa sei o final pero do que gorento tanto pola súa arquitectura interna.

Xa contei moitas veces o arrepentido que estou por ter perdido, nalgunha das mudanzas, a miña colección de Joyas Literarias Juveniles, que tanto ben me fixeron na infancia. E lembrei as edicións de Bruguera, que aínda conservo na casa dos meus pais, aquelas que eran medio banda deseñadas, medio historias e que me trouxeron a Salgari e Verne e Dickens…

Daquela, unha das que estaba alí comigo, sorríndome, abriu o seu bolso e sacou un exemplar dun libro de Verne, nunha vellísima edición de finais dos setenta dunha obra de Verne en Bruguera. Explicou que era a súa lectura agora. E que quería só ler ese tipo de libros…

Chuzame! A Facebook A Twitter

8 ResponsesLER E RELER OS CLÁSICOS to “”

  1. Juan M. Romero says:
    Febreiro 8th, 2012 at 4:26 p.m.

    Os clásicos sempre son unha garantía de acertar. Non podo estar nin un so día sin ler un pouco (ou moito) e de vez en cando sempre meto algunha daquelas novelas que tiña na casa dos meus pais (aos que teño que estar enormemente agradecido, sempre había un bo libro na casa e agora case non teñen onde metelos). Incluso no meu traballo cando non teño claro que poñer ao alumnado teño escollido algunha de Salgari, Verne, Poe, Stevenson, London, Connan Doyle, Twain… (paro que a lista podería ser longa) e curiosamente á maioría gústanlles. Eu tamén perdín esa colección de Joyas Literarias (será que non se perden e acaban en mans de alguén que pode necesitalas máis), ademais da colección completa de Salgari a algunhas do Círculo de Lectores («Corazón», «Huckleberry Finn»). Non sei que pasa coas mudanzas que sempre desaparece algo… Agora co ebook moitas destas pódense conseguir gratis ou a precios ridículos (menos dun euro), así que estou a retomar a colección pouco a pouco, non pasa o tempo por elas

  2. Beluka says:
    Febreiro 8th, 2012 at 5:53 p.m.

    A verdade é que eu nunca fun amiga dos «clásicos», aínda que tamén é certo que se un libro me gustaba o retiraba inmediatamente desa categoría mental… Tiven a sorte de ser encomendada (de pedirme primer) a tarefa de limpar o polvo da «salita» na casa de meus pais, polo que aproveitaba para ler os lomos de todos os libros e as primeiras páxinas (se non todas) de moitos deles (recoñezo a pouca eficacia do meu método de limpeza, pero que lle vou facer). Así, decidín que non eran clásicos os contos de Tolstoi, os libros de Dickens, os de Agatha Christie… e uns cantos máis :) Non nego, con todo, que a mín o que me tira p’atrás dalgúns deses volumes é a anticuada linguaxe das traducións e, no caso dos clásicos ingleses, tírome a eles en V.O.
    Apertas!

  3. náufrago says:
    Febreiro 8th, 2012 at 10:27 p.m.

    Juan: encántame iso de que non se perden senón que van parar a outros lectores e lectoras que os lerán. A partir de agora, esa será a miña explicación. Beluka: nuncas as limpezas foron máis produtivas!

  4. paideleo says:
    Febreiro 9th, 2012 at 1:00 a.m.

    Parece ser que eu son un afortunado que case teño a colección completa que non a perdín en ningunha mudanza. Quedará para os meus fillos.

  5. paideleo says:
    Febreiro 9th, 2012 at 1:05 a.m.

    Mira que casualidade.

  6. náufrago says:
    Febreiro 9th, 2012 at 9:51 a.m.

    Dende logo que é casualidade, xa llo puxen no seu blogue. E afortunados os seus fillos!!!

  7. Antón Romero Ces (An) says:
    Febreiro 20th, 2012 at 1:53 a.m.

    Meu irmán tiña todas as «jollas literarias». Con elas aprendín a ler, soiño que daquela o colexio empezaba directamente en primeiro…O caso é que o meu primeiro libro foi A marabillosa viaxe de Nils Holgersson a través de Suecia (de Selma Lagerlöf) e que dende entón gosto retomar de cando en vez xunto co fermoso libro que comeza:

    «Chamádeme Ismael…» É bo lembrar antigas lecturas

  8. náufrago says:
    Febreiro 20th, 2012 at 8:23 a.m.

    Siiiiiiiiiiiii, que marabillosa historia a da balea branca!

Deixa unha resposta