O PENE DE STEVE JOBS E A PIROLIÑA DE SHIN CHAN
Posted by franciscocastro - 04/02/12 at 11:02 a.m.Todos coñecedes a revista Muy Interesante, unha publicación que, dende os xa afastadísimos tempos das nosas adolescencias, foi achegándonos, dun xeito ameno e divulgativo, ás cuestións da ciencia. Hai décadas era unha revista gorda con moitas palabras e un aire algo serio. Dende a aparición doutras máis light coma Quo, e para manter as vendas, van metendo nas cubertas fotos máis provocativas de espidos masculinos e femininos e, sobre todo, apostando polo sexo como tema central de portada. Que non me parece mal, nin moito menos. Pero en calquera caso é, e nunca mellor dito, unha baixada de calzóns en toda regra.
A reflexión primeira é que por que esas cousas siguen chamando a atención, por que unha revista ten máis posibilidades de vender se aposta polo corpo, na súa versión máis erótica como gran tema (xa contei moitas veces que o record de entradas neste meu blog foi o post titulado As tetas de Sara Carbonero; a meirande parte das entradas eran vía Google, e por poñer no buscador, precismente, «tetas» e «Sara Carbonero»… logo, claro, chegaban á páxina dun escritor galego que lles falaba doutras cousas e marchaban correndo…).
Pois iso.
Que moita obsesión.
Que moito salido anda por aí.
Nesta liña, os de Muy Interesante, na súa páxina web informan de que a versión para iPad non se pode descargar porque aos da tenda de Apple, que si que te deixan baixar xogos ultraviolentos de matar xente, non lles pareceu apropiada a cuberta, que reproduzo aquí mesmo, na que un fornido machote sae espido e cubrindo a piroliña. Claro, como hai que vender revistas, pois están mudando a cuberta para podela vender a través do quiosco do difundo Jobs que, polo que se ve, non tiña pene.
No fondo é o de sempre e é o mesmo síntoma de enfermidade. Porque unha sociedade que dubida da sexualidade, que a censura, que a nega, é unha sociedade enferma. A nosa tradición xudeocristiana, condeadora do sexo e as súas marabillas, alentada polos roucovarelas e outros profetas da tristura, dan como resultado non a pureza nin a virtude como proclaman dende o seu puritanismo obsesivo (non sei de xente máis pendente do sexo ca os puritanos), senón a obsesión. E esa sempre é enfermiza.
Naquelas sociedades onde a xente anda espida non hai obsesión polo corpo nin por tapalo. Naquelas familias nas que se fala con naturalidade de sexo, de amor, de sexualidade, de pracer, é máis que probable que non se dean comportamentos patolóxicos a este nivel. Pero isto, claro, é o menos. O maioritario é o que xa vemos. A negación da realidade. E a obsesión, por exemplo, coa pixa de Shin Chan, o órgano sexual masculino máis inocente de todos cantos teñan pasado pola tele e, sen embargo, a que se montou no seu día con todas aquelas voces alporizadas pedindo que a retirasen, á piroliña e a Shin Chan.
E todo iso, no século XXI, que debería ser, xa, o da racionalidade e a lóxica. Pero non. Cando menos no territorio iPad, non.



Febreiro 7th, 2012 at 4:42 p.m.
Para compensar tanta lascivia e morbo dos que procuran as tetas do carbonero no teu blog, no meu, templo de todalas virtudes, a entrada estrela é a titulada «Compostela, del pollino a la re-polla», que também deixa aos concurrentes en terra de ningures.
Certo é que a maioría conseguen o premio anhelado, que non é, como podería parecer a simple vista, a gran polla ou a doble polla, senon a «Jesús entrando en Belén».
Ao final da entrada, despois de reparar no fenómeno, decidin pórlle ao final un enlace para verificar se alguém chegaba tan ao fondo.
Nem o primeiro o fixo ainda. Hin Chan, sí.
Febreiro 8th, 2012 at 9:39 a.m.
Que cousas… grazas por contalo e por contalo con tanta retraca… pero así son as cousas… un saúdo matutino.