RAJOY TEN PREVISTO PECHAR TODOS OS COLES DE CURAS E MONXAS

Posted by franciscocastro - 01/02/12 at 03:02 p.m.

Leo con estrépito e con escándalo e con incredulidade e con cabreo que unha das razóns para cargarse a Educación para a Cidadanía é que, segundo o Ministro de Educación (e todas as radios dereitonas esta mañá aplaudían ata facerse sangue dándolle a razón) na escola hai que fuxir dos adoutrinamentos. Como moi ben apuntaban (directamente na caluga) algúns tertulianos desas emisoras citadas (exemplo todas elas de imparcialidade e veracidade sen par) a escola non está para adoutrinar.

Pois claro. A escola está para aprender. Faltaría máis. Pero non para adoutrinar, por suposto, claro. Porque na escola, en Educación para a Cidadanía, xa se sabe, aprendíallen á xente que o empresario é malo (oído esta mañá nunha radio desas), que a homosexualidade é desexable (ídem), etc. Como nas Galescolas, lembrades?. Eu escoitei a Ignacio López Chaves, do PP vigués, na COPE dicindo que as Galescolas eran fábricas de nacionalistas. Claro que si. Os profes e as profes das Galescolas, axentes camuflados da UPG, cos cativos de tres anos, en troques de aprenderlles elcocheritoleré, o que cantaban era, mentres os obrigaban -a lategazos- a dar voltas polo patio, a berrar, aquí, está, el be-ne-gá!!!.

Por iso, porque na escola non hai que adoutrinar, como na escola non hai que facer ideoloxía, como na escola non hai que facer nada diso tan malo malísimo que fan os socialistas e os nacionalistas (agás os nacionalistas españois que eses son bos e non feden), Rajoy e o seu Ministro de Educación, coherentes con esa idea, van pechar os coles de curas e de monxas. Porque se no colexio non hai que adoutrinar nin transmitir ideoloxía, daquela, ese tipo de centros teñen que botar o peche xa.

Os comentarios están pechados.