Archive for Febreiro, 2012

CHAMO A FACER POLÍTICA

28th Febreiro 2012 by franciscocastro 7 Comentarios

É innegable que nunca coma hoxe gozamos dunha liberdade máis real. Iso hai que recoñecelo e convén non frivolizar con este asunto. Agora hai liberdade. Moitísima máis da que gozaron os meus pais, por exemplo. Tanta que eu agora, dende aquí, podo dicir o que me pete sen que practicamente me pase nada. Isto é un privilexio que non debemos discutir. Claro que podiamos ser máis libres. Pero a liberdade política témola e é un dato obxectivo. Os que aturaron ao anano de Ferrol non a tiveron. Nin outros antes. Nós si. E coas novas tencoloxías, coa Internet, as Redes Sociais, etc, temos plataformas seguras dende as que poder emitir o noso pensamento, disentir de quen queiramos e, incluso, divulgar versos e beixos.
De feito, cando se frivoliza con isto, adoitamos caer en situacións moi afastadas da liberdade, é dicir, en dictaduras e similares, lugares onde a liberdade non existe porque, seica, xa hai alguén (o caudillo, o partido) que decide polos demais porque sabe que é o que lle convén á xente. Iso é algo que, no seu día, falei con xente moi activa do movemento dos indignados: vale que non vos gusta esta situación política, vale que non vos sentides representados, pero non podedes enmedar á totalidade á clase política nin negar as regras do xogo porque, daquela, a única alternativa é comezar a facer as cousas por fóra da política. E iso sempre sae mal.
Sen embargo, a nosa democracia, a occidental, esta que defendemos porque sen dúbida non hai nada mellor nin máis xusto, estamos a vivir unha situación de quietude perigosísima. E onde digo quietude digo pasotismo ou digo tanto me ten. Supoño que é unha manifestación da derrota na que a xente, en especial a xente traballadora, está instalada. A reforma do mercado laboral que acabamos de padecer é o máis parecido que nunca se aprobou á escravitude. Empresas que poden descolgarse do convenio. Circunstancias para un despido case que gratuíto e porque si.
E, sen embargo, a quietude. A calma.
Aquí non pasa nada.
E que se me entenda: non estou pedindo o conflito social. Xa lles gustaría aos neocón que nos gobernan que saisemos á rúa a rachar con todo e así podernos fostiar -con perdón- a gusto. Recortarnos máis por bárbaros. Non. De feito, se hai algo salientable no movemento 15 M é que foi unha inciativa pacífica, da xente indignada, si, pero con sentido, saíndo á rúa a dicir que había que moverse. Xente que organizou conferencias, que montou asambleas, que redactou documentos.
Xente que fixo política.
Mais hoxe, curiosamente, as rúas xa non están cheas de xente en asamblea, discutindo, falando e soñando alternativas. Curiosamente, todo o mundo está na súa casa, esperando a ver que pasa.
E como sigamos esperando a ver que pasa eles van pasarnos por riba.
Daquela, chamo a participar. A ler análises políticas. A estudar. A militar nos partidos. A organizar conferencias. A soñar outras posibilidades. A discutir. A votar. A rebelarse.
En definitiva: chamo a facer política.

Chuzame! A Facebook A Twitter

URDANGARÍN, A FILLA DO DE ZARA E O PAPANATISMO (EU QUERO SER DUQUE, OU MARQUÉS OU ALGO)

26th Febreiro 2012 by franciscocastro 4 Comentarios

Leo  que acusan ao alcalde de Cambre, de poñer practicamente o Concello enteiro a disposición da voda da filla do dono de Zara, para «botar unha man». As acusacións, que parten de EU, deixan claro que un servizo público non pode dedicarse a atender cerimonias privadas, case no concello Marta Ortega ou, eu que sei, Bob Esponja e Patricio.

Cando casou esta muller, eu andiven dando a paliza no twitter queixándome de que as teles estiveran dando, practicamente, programas especiais sobre o acontecemento. Que non é acontecemento ningún. Acontecemento sería, por exemplo, que Inditex destinara un un por cento, non digo máis, a promover a cultura galega, ou, mellor, a investigar sobre o cancro, por dicir calquera cousa. Pero que case a herdeira, non debería ser obxecto de tal magnitude xornalística, a non ser que se queira, como se quere, que a xente se volva idiota.

Centrándonos no comportamento do alcalde de Cambre, a cousa explícase só dende o papanatismo. O outro día, vendo Salvados, esa marabilla de programa que emite La Sexta e que xa podían tomar como referente outros, Jaume Matas sinalaba que se era o duque de Palma quen lle entraba pola porta, que era lóxico que quixese recibilo a calquera hora e onde el quixese. Outro tanto fixeron Rita Barberá, esa muller humilde, e Camps, desastrado. Hai quen sinte unha especie de orgasmos emocionais ao tratar con segundo que persoas. Por iso falo de papanatismo. Porque esas persoas supostamente especiais (urdangarines, martasortegas, preislers, etc.) en realidade son coma ti e coma min. Incluso, mira ti, van o baño.

A miña opinión xa a coñecedes: nun estado democrático onde a igualdade é a base da organización política, todo o mundo ten que ser tratado por igual. E daquela, esixo, xa, que desaparezan os títulos de duques, marqueses, condes e todo iso. Ou, se non, que calquera poida selo, aínda que o Rei non o diga. Eu pídome ser Conde de Teis e Marqués do Toural.

E xa imaxino aos papanatas todos facéndome a pelota unha e outra vez.

Chuzame! A Facebook A Twitter

¡QUIETO TODO EL MUNDO!

23rd Febreiro 2012 by franciscocastro Non hai comentarios


Eu só vin chorar a miña nai dúas veces: ao remate do funeral da miña avoa, é dicir, da súa nai a quen adoraba (tiña eu sete anos), e cando cheguei a casa aquela tarde do 23 de febreiro de 1981 (tiña eu catorce) e me recibiu, entre bágoas, dicindo que ía empezar a Guerra Civil outra vez e que me metese dentro. Non volveu chorar máis nunca. Era unha muller moi forte. Lembro a tensión que había na casa aquel serán. E acórdame que fun co meu pai en Vitrasa (o autobús en Vigo chámase así) pois eu tiña cita nun médico do centro e que a xente ía moi calada cando polo xeral eran un cristo de balbordo e voces. E lembro, tamén, que me mandaron cedo para cama aínda que eu non quería (eu nunca quería) e que ao día seguinte o profesor de matemáticas nos puxo a radio para que seguír o que estaba a pasar. E que me sentín maior á hora do recreo, moi consciente do instante que estaba vivindo, agarrando forte os mandos do futbolin e coándoseme un gol tras outro pois eu tiña os ollos postos na tele vendo sair aqueles tipos de verde pola ventá.

O que quedou, tanto tempo despois, é a imaxe dun señor con bigode e cara de espanto, espantosa, mandándonos estar quietos.

E mira ti por onde, que (salvando as distancias) cando escoito á irmá do rei mandarnos «A callar!» ou a certas autoridades definindo aos perigosísimos estudantes como «el enemigo», ou a certos empresarios propoñendo que nos quiten o paro se nos negamos a traballar en calquera cousa e no quinto pino, dáseme por asociar todo, e por ver un pouco todo o tempo a mesma actitude do señor con bigode que quería reconducir a situación: contra da xente díscola que protesta, man dura, madeira a esgalla, tunda, tunda. Que aprendan a respectar a autoridade.

Non vaia ser que lle dean a volta á «orde» social.

Chuzame! A Facebook A Twitter

BOTÁBALLE EU UN LAPO!

22nd Febreiro 2012 by franciscocastro 4 Comentarios

Xa sabedes que o presidente da Comisión de Economía e Política Financeira da CEOE, ou sexa, da patronal, José Luis Feito, propuxo antonte que se retire o subsidio de desemprego aos parados que rexeiten unha oferta de traballo, «aínda que sexa en Laponia». A filosofía é clara: se eu agora vou ao paro, e me ofrecen, eu que sei, traballar polo soldo mínimo facendo un traballo case en condicións de escravitude, xa non en Laponia, senón nalgún lugar afastado que implique que gaste cartos para ir, teña que comer alí, non ver á miña familia durante o día, etc. pois se iso é así, eu teño que collelo ou senón, que me quiten o paro (subsidio que, por outra banda, veño pagando cos meus impostos dende hai décadas). A idea que sustenta tal disparate, no fondo, parte do prexuízo ese de que os parados, en realidade, son uns vagos que non queren traballar. Idea pelín facha, por certo.

O caso é que cando eu escoito Laponia, que queda en Finlandia, penso inmediatamente nos renos de Papá Noel e venme un sorriso á boca. Pero, será porque son de Teis e medio macarra, no primeiro que pensei foi nos lapos, a saber, esa mestura de saliva e moco que se saca directamente da gorxa e que se cuspe con forza e que, se che cae enriba, dá moito noxo.

E foi ler as declaracións esas e non me entraron ganas de pensar nos renos de Papá Noel, senón en largarlle un lapo en todo o traxe carísimo a quen pensa que hai que asumir traballos indignos, mal pagados ou semiescravos ou non ter o dereito a vivir.

(E tómese o do lapo, por favor, como un hábil e algo porco xogo de palabras; non quero que anden cuspindo vostedes agora por aí a ninguén. Élles un falar)

Chuzame! A Facebook A Twitter

Hoxe berro GALEGO!!!!!!!!!

21st Febreiro 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

Hoxe é o Día Internacional da Lingua Materna.

E hoxe non estou para discursos, nin reflexións, nin apoloxías, nin manifestos, nin para convencer a ninguén.

Hoxe berro:

QUE FALO GALEGO PORQUE É A LINGUA DO MEU PAÍS

QUE FALO GALEGO PORQUE ME SAE DO CORAZÓN

QUE FALO GALEGO POR RESPONSABILIDADE

QUE FALO GALEGO POR AMOR

QUE FALO GALEGO PORQUE HAI VERBAS COMO VAGALUME, CERDEIRA E AMOR

QUE FALO GALEGO PORQUE SON GALEGO

QUE FALO GALEGO PORQUE ME SAE DO CARALLO

ASÍ QUE BERRO GALEGO GALEGO GALEGO GALEGO GALEGO GALEGO GALEGO GALEGO GALEGO GALEGO GALEGO GALEGO

Chuzame! A Facebook A Twitter

COMA CONRAD

20th Febreiro 2012 by franciscocastro 2 Comentarios

Sempre me fascinou Londres. De feito, teño a esperanza de ir vivir alí cando me xubile. Asinaba agora mesmo marchar para esa cidade sorprendente na que tes serias posibilidades de morrer feliz. A pesar do secos que son os británicos (e as británicas) seguen a ser, para min, a capital de Europa. Non Bruxelas nin, por suposto, Alemaña. Só en Londres podía estoupar a loucura dos sesenta. Alí naceu a primeira minisaia. Aínda hai Hare Krishna pola rúa vendendo paraísos. Os hipis, ou como se escriba, tiveron alí o seu Edén. E alí seguen. E se hai algunha idea revolucionaria  na arte que exportar, sen dúbida, será dende Londres dende onde se faga.

Estes días, sobre o Támesis mesmo, veñen de pendurar unha réplica do navío Roi des Belges, aquel no que se subiu Joseph Conrad para visitar, despois de 1600 quilómetros de viaxe, o nacemento do río Congo. Desa viaxe naceu O corazón das tebras, unha das mellores obras que eu lin na miña vida. Poucos textos coma ese para explicar a dureza da alma humana. Poucas imaxes tan inquietantes como o instante no que o barco divisa a costa africana por vez primeira, vendo algo que antes nunca viran os que ían no barco, aos que se lles engurra o corazón polo medo e a incerteza arredor do que van atoparse. Moitos anos despois decateime de que cando eu describía a chegada ao Novo Mundo do señor de Outeiro, o protagonista do meu As palabras da néboa, era esa imaxe a que probablemente tiña na cabeza. Por fin a Terra Prometida. Unha cortina mesta de néboa que se vai descorrendo para, coma un teatro enmeigado, amosar a terra nova na que todo aínda é posible.

Xa expliquei mil veces a miña devoción por Conrad. Por iso, agora que sei que van convidar a durmir nese barco a unha serie de escritores aos que Conrad lles influiu, para que escriban alí e lean e durman e coman e e e e e, escribo este post coa esperanza de que me conviden. Xa sei que entendedes que o digo de coña porque eu son un mindundi comparado cos que xa convidaron, pero non imaxinades a ilusión que me faría estar nese barco, rodeado de libros de Conrad, sobre o Támesis, ese mesmo río do que saiu aquel barco que había cambiar a súa vida, e a de tantos que o lemos unha e outra vez, para sempre.

Chuzame! A Facebook A Twitter

OS VALORES NOCIVOS QUE ENCARNA LETIZIA ORTIZ

17th Febreiro 2012 by franciscocastro 9 Comentarios

Hai unha revista en Francia que se chama Point de Vue, prensa rosa en estado puro, que se ocupa no número do 7 de febreiro, en portada, seica, da pésima situación na que se atopa a monarquía española debido a, segundo eles, os escándalos finaceiros, os (cito) «campañas calumniosas contra os soberanos», etc. Levan a Letizia Ortiz a portada para dicir que é a única posible salvadora da monarquía polos valores que encarna, a saber, humildade e discreción. O escritor Raphael Morata ecribe: «Dende hai algúns meses, a familia real española non para de recibir golpes. Entre o escándalo financeiro e a publicación dun libro explosivo, só un membro dos Borbóns segue facendo soñar: Letizia. Con humildade e discreción, encarna, agora máis ca nunca, o porvir da monarquía».
A cousa é preocupante. Non porque o diga un escritor máis ou menos marujo senón por se leva razón. Se finalmente os españois rematan «perdoando» estes comportamentos tan escandalosos, precisamente, polos valores que encarna Letizia, imos, con perdón, de nádegas. Porque, ata onde eu sei, Letizia Ortiz era unha xornalista exitosa que deixou todo, o seu traballo, as súas aspiracións, o seu deselvolvemento persoal como muller e traballadora, para ocupar un segundo plano diante do seu home e integrarse nunha familia política na que as mulleres non poden desempeñar postos de responsabilidade (eu non son monárquico, pero se alguén ten que reinar imaxino que o lóxico -non o constitucional- é que sexa Elena)… Ela representa o papel da muller-floreiro que non aporta nada máis que palmito, presenza, sorriso en calquera circunstancia, incluso cando non haxa moitos motivos para sorrir. Se cadra, déixanlle que demostre compaixón cando se dedica a «labores humanitarios» en plan leididí. Pero as cousas do estado, as importantes, as da política, as da historia, a das decisións, quedarán para o seu home, que para iso é un macho e ten pene e, semella, futuro rei grazas a ela, que vai salvar, din os franceses, a monarquía española.

Chuzame! A Facebook A Twitter

QUERO METERME NUNHA POZA

16th Febreiro 2012 by franciscocastro 2 Comentarios

Cando estamos contentos, polo que sexa, choutamos, bailamos, apertamos corpos que nunca pensaramos abrazar, rimos, choramos, damos mans, beixamos e deixámonos bicar… a colectánea de emocións humanas para exteriorizar o que nos pasa por dentro, é case que sempre infinita.

De todas esas expresións, quizais a máis universal sexa a que consiste en recurrir á música para facelo. En definitiva, cantar e danzar. Cando a xente está feliz (por iso se canta tanto arredor do viño) dáselle por cantar. Ou por achegarse ás mozas para bailar con elas.

Por iso deixo aquí este máis que coñecido video. Dende o meu punto de vista é, con diferencia, unha das escenas nas que mellor se soubo captar un intre de felicidade, un momento gozoso de ledicia absoluta (aínda que tamén valería o instante no que ao pequeno Forrest se lle caen os trebellos metálicos que leva nas pernas e comprende nun segundo que xa pode correr e andar sen eles).

Pídovos que vexades o video con esta clave na cabeza. Estamos diante dun namorado que ademais é correspondido. Tanto lle ten enchouparse, probablemente porque xa vai absolutamente anegado e líquido por dentro. E o momento no que chouta, coma un neno feliz e fedello, nas pozas da rúa, é sublime. Sempre me entran ganas de meterme dentro da tele e choutar con el e poñerme perdido de auga.

A felicidade báilase así.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O QUE VERÁ O SATÉLITE GALEGO DENDE O ESPAZO

13th Febreiro 2012 by franciscocastro 7 Comentarios

Seica xa hai un satélite galego no espazo. Pregúntome que verá.
Igual, cando dirixa o seu electrónico ollo cara nós, verá un país fratricida especialista en elaborar estratexias para ter sempre a cabeza baixa, aturando o que lle botan porque é incapaz de poñerse de acordo consigo mesmo para sair de vez do burato.

Ou igual, cando o satélite enfoque ao país que o fixo nacer, verá un curruncho do planeta fermoso pero pequerrechiño, cun minifundio mental enorme que lle fai incapaz de pensar como país, e que cando non anda a hostias -con perdón- reivindicando as miserias localistas (Vigo-A Coruña, por exemplo) anda exterminándose mutuamente dende dentro, rompéndose, esnaquizándose soíño nas súas batalliñas interniñas.

Estou certo de que ollará para abaixo e verá unha terra anormal, onde os seus habitantes, que recibiron un don prezado que outros moitos non teñen (a lingua, poño por caso), adoitan desprezalo e traballan arreo para a súa desaparición.
Todo iso verá. E moitas máis cousas.

Que tire unhas fotos e que as envíe, a ver se véndonos dende enriba nos damos entendido de vez.

Chuzame! A Facebook A Twitter

MENOS TECNOLOXÍA E MÁIS POESÍA

12th Febreiro 2012 by franciscocastro 6 Comentarios

Din que vivimos na Sociedade 2.0, absolutamente interconectados uns con outros e todo o tempo. Eu o primeiro. Teño dous ordenadores ademais do que teño no despacho, un iPad, un ereader, un móbil android con conexión á rede e, probablemente, algunha que outra cousa máis que me permite erguerme pola mañá e amargarme o almorzo coa nova do pasamento de Witney Huston, ler o que me comentan algúns amigos polo twitter e dicirlle gústame, a outros do facebook a súa actualización de estado. Xa non teño que ler periódicos de papel, aínda que o fago case que por militancia, porque todos os días unha ferramenta de software fabrica un xornal para min seguindo uns parámetros que previamente lle indiquei en función dos meus intereses, maquetado e todo. Afeitome escoitando música en streaming e teño coordinados todos os aparatos para que calquera cousa que faga nun deles apareza nos outros.

Sen embargo, e a pesar de todo o dito, ou quizais por todo o dito, reivindico hoxe máis poesía e menos tecnoloxía. E protesto diante desa definición que algúns antropólogos xa comezan a acuñar, do home do século XXI como homo tecnologicus. Quixera que non esquecéramos que o paraíso proposto polos trebellos non pode suplantar a conversa cara a cara, que a sobredose de comunicación en tempo real non pode superar o magnífico de dúas olladas que se cruzan e que se comprenden.

Poñamos a tecnoloxía ao servizo das persoas. Para seguir sendo persoas.

Chuzame! A Facebook A Twitter