MARCHOU BALTAR… PERO NON É PARA TANTO (a que andan a xogar os xornalistas?)

Posted by franciscocastro - 25/01/12 at 03:01 p.m.

Marchou Baltar si, pero non se acabou o mundo, por favor. Os xornais galegos hoxe titulaban a páxina completa, como se se tivese anunciado unha vacina contra o cancro. En fin, coido que se atopasen ese remedio igual non ocupaba a páxina completa.

Marchou, si, pero non era como para que o contasen así, por favor… Que os recortes van seguir, que algúns dos cans que dirixen o mundo van continuar trabando nas nosas calugas igual, que os urdangarines da vida van seguir roubando o mesmo, e creo que a súa marcha non altera, por exemplo, o infanticidio que cometemos polo noso desleixo no terceiro mundo nin o consumo de drogas a  nivel planetario.

Baltar foise, si. Pero non era como para que se transmitise esa sensación de cataclismo cósmico que os xornais galegos nos deron, como se a Bolsa de Tokio decidise repartir beneficios cos pobres, poño por caso. Non é unha noticia tan grave. Nin sequera é unha noticia moi importante. Total, nuns aniños ninguén se vai lembrar del. E non porque non o mereza, que eu son un ignorantiño e non vos sei se merece pasar á historia ou non, senón porque os que perduran na memoria e nos corazóns son os que fan cousas grandes, eu que sei, dedicar a vida á investigación, os que proclaman repúblicas, etc.

Igual os xornalistas terían que aprender a relativizar e a darlle a importancia que (realmente) merecen as cousas. Porque non parece que a súa marcha sexa máis importante que un cento de outras moitas cousas que, sen pensar moito, se me ocorren.

(Ás veces entran ganas de pensar que o cuarto poder se quedou, sen máis, como altofalante da voz do amo)

Os comentarios están pechados.