A CULPA DO QUE NOS PASA É SÓ NOSA
Posted by franciscocastro - 21/01/12 at 10:01 a.m.Igual é un chisco inconvinte escribir isto, e igual máis de un e de unha vai mirarme mal ou deixar de lerme ou proclamará a miña falla de patriotismo ou eu que sei, mais entendo que de cando en vez hai que dicir as cousas cun mínimo de claridade, aínda que non nos guste poñernos a feder a nós mesmos. Sobre todo, porque entendo que hai que vencer o costume, circular e vicioso, de botarlle sempre as culpas de todo aos demais e aos que están fóra.
A culpa de quen é? Dos que votan ao PP.
A culpa de quen é? Da Xunta de Galicia.
A culpa de quen é? Dos que non nos entenden, non.
A culpa de quen é?
A culpa é nosa e só nosa.
Nos últimos anos asistimos ao peche, dramático, de A Nosa Terra, Vieiros, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia y loqueterondarémorena. O doado, o simple, o infantil, o superficial é botarlle as culpas (que algo teñen: podían repartir a publicidade doutra maneira, por exemplo) á Xunta de Feijoo. Así de sinxelo e hala, xa non hai que facer máis análises, xa está todo explicado. Como o presidente é moi malo, pois hala, pechan os xornais. Despois, imos correndo diante do mortiño a facer homenaxes e a asinar manifestos, a laiarnos publicamente e a retroalimentar o noso victimismo e a dicir ai que mágoa diormío con estes do PP imos de cu. Claro. Pero o que está clarísimo é que se A Nosa Terra, Galicia Hoxe e Xornal de Galicia (e o teatro galego, e a literatura galega, e a música galega… etc.) recibisen o apoio económico dos lectores e lectoras, total, era un euro ao día no caso dos periódicos, daquela íanos dar igual unha Xunta galegofóbica, Galicia Bilingüe, o Valedor do Pobo e o carallo 29.
Este nacho que asina e suscribe estas liñas está un chisco farto da dobre moral imperante, circundante e, sobre todo, abafante. Claro que están contra nós. Claro que non van darnos un peso. Claro que nos odian. Pero se nós pasásemos por caixa, se nós léramos libros en galego, pagásemos a entrada no teatro, metéramos publicidade (eran tasas ben pequenas) nos portais da Internet que tiraban da nosa lingua e do noso xeito de ver as cousas… se fixeramos todo iso ninguén había poder con nós.
Pero como non o facemos, asinamos manifestos.
E eles, mentres tanto, a mexar por nós mentres seguimos debatendo por que nos queren tan mal e nos pechan todas as portas…


Xaneiro 21st, 2012 at 11:34 a.m.
Totalmente de acordo.
Xa o pensaba antes, pero dende que vivo en Cataluña, moito máis; flípame que o 80% das obras de teatro sexan en catalán, tódalas webs, cartéis e anuncios son en catalán, os xornais dos bares son maioritariamente en catalán, e ata os 40 principais bota musica en catalán a diario!
Temos o que merecemos.
Xaneiro 21st, 2012 at 1:35 p.m.
Os exemplos que traes son ben acaídos. E alí pode gobernar sen problemas o PP que iso non vai mudar! Sempre foron un espello no que mirarnos…
Xaneiro 21st, 2012 at 1:35 p.m.
Case completamente de acordo, mais considero, por exemplo, que o semanario A Nosa Terra endiosouse -perdón polo castelanismo- dende que saíu a toda cor e colleu un poderoso socio capitalista que despois fuxiu a lume de carozo. Un servidor, que malia non ser subscritor, o compraba a cotío e que mesmo meteu algunha publicidade por amor a Galicia (o de amor á patria soáme á mili) notou iso. Cando o semanario renaza, espero que non volvan cometer o mesmo erro, se é que erraron niso e eu teño razón.
Xaneiro 21st, 2012 at 10:30 p.m.
En fin, igual iso ten algo que ver,eu non lle sei. En calquera caso, se as vendas de ANT fosen espectaculares, seguro que tería moitas «noivas» empresariais para facela aínda con máis colorinchos se cadra!
Un saúdo e oxalá renaza.