FRAGA E CELA

Posted by franciscocastro - 17/01/12 at 02:01 p.m.

No mesmo día no que os periódicos todos se entregaban á laudatio esaxerada de Fraga, os xornais recollían as declaracións do fillo de Cela dicindo que non entendía que se esquecese tan rápido a figura de seu pai dentro dos círculos literarios. Porque onte fixo dez anos do pasamento do escritor e, en efecto, dous lustros despois, como moitos dixemos, dez anos máis tarde, como moitos prognosticamos, cento vinte meses máis tarde, como moitos anunciamos que pasaría, a presencia de Cela na realidade literaria do noso entorno (digamos, a literatura occidental) é absolutamente nula.

Cela foi o típico escritor que se dedicou, no básico, a buscar o seu lugar e o seu proveito a calquera prezo, disposto a cambiar de chaqueta e de posición segundo soplase o vento. Dedicaba xornadas enteiras a conseguir un titular (aqueles tacos na tele franquista, aquela historia de que zugaba auga polo ano… estas cousas dicíaas sempre en televisión). E conseguiu o Nóbel, en parte, facendo unha boa política de mercadotecnia promovendo as súas traducións ao sueco. En definitiva, fixo que se falase moito del e case que nunca polos seus méritos literarios. Para min, agás Mazurca para dos muertos, que me parece sublime, o resto paréceme normaliño (e non imos meternos noutros seus asuntos turbios como os seus inicios como delator na época dos paseos nin no asunto do plaxio do seu premio Planeta).

Cando finou Cela parecía como que morrera o Pai da Patria Literaria. Pero estaba claro que diante de monumentos como La Saga/Fuga de JB de Torrente Ballester e outras obras dos seus coetáneos, a súa produción non ía soportar o paso do tempo nin as comparacións.

E a historia vai poñéndoo no seu sitio aínda que a súa familia non o entenda.

Con Fraga, pasadas as esaxeracións estas que estamos a vivir, acontecerá outro tanto.

Os comentarios están pechados.