RITA BARBERÁ, LOUIS VUITTON, ESPERANZA AGUIRRE, A INFANTA CRISTINA E A DECENCIA

Posted by franciscocastro - 14/01/12 at 12:01 p.m.

A Cadena Ser informa dunhas declaracións da alcaldesa de Valencia, Rita Barberá, nas que afirma que Un bolso de Louis Vuitton é un agasallo habitual, hainos máis caros. Entro na web da marca en cuestión (non uso bolsos, de cando en vez bandoleira, así que non sei), e vexo que (a parte de que hai unha liña de homes, beeeennnnn!!!!) que o primeiro que me sae custa 755 euros. Será un bolso dos bos. Digno dunha alcaldesa como mínimo.

Despois de escoitar a Rita Barberá, lembreime de cando hai uns anos Esperanza Aguirre dixera aquilo de que lle custaba chegar a fin de mes cun soldo de 3000 euros. E tamén dos correos que onte nos deixou ler a prensa, de Iñaki Urdangarín cos seus administradores, cando se falaba dunha barbaridade de miles de euros en compras da infanta Cristina…

En conclusión: que todo depende do nivel ao que esteas acostumado que as cousas che parecerán dunha maneira ou doutra. Evidentemente, para estas persoas humildes como as que veño de citar, que o caviar se lles poña polas nubes ou que as bragas exclusivísimas marca puturrudifuá, con perdón, se lles poñan nun prezo imposible (braguitas, dirían elas), pois claro, vén sendo unha enorme traxedia.

Porque viven nunha burbulla. Ignorando que hai xente que non ten nada, ou case que nada, ou moi pouco, para chegar a fin de mes (como Esperanza), que hai quen ten que ir acumulando ofertas no súper para facer a compra (como a infanta) e que mercan o bolso na feira que monta o concello os sábados e nos que algúns venden, como non, bolsos de imitación, ou sexa, luivuitón de dez euros.

No fondo, todo isto, é unha cuestión de decencia.

Ou sexa, de indecencia.

Os comentarios están pechados.