FUXIR DA FORNICACIÓN

Posted by franciscocastro - 13/01/12 at 03:01 p.m.

O bispo de Córdoba, monseñor Demetrio Fernández, vén de escribir na súa carta pastoral que hai que fuxir da fornicación. Conta iso en relación a un libro titulado Virgen a los 30 e que escribiu unha miss venezuelana. A teoría do bispo é que é posible chegar virxe ao matrimonio “a pesar de que o ambiente é desfavorable”. No texto, pide castidade explicando que é unha grandísima virtude.

Eu non quero seguir profundando no mesmo, pero vexo aos curas católicos moi obsesionados co sexo. E esta frase non deixaría de ser unha brincadeira se non fose que, en realidade, co que están obsesionados é coa liberdade… dos demais, coa felicidade… dos demais e co pracer… dos demais. Eles xa sabemos que non practican (ehem). Pero seica non queren que practiquemos ningún de nós.

E isto vale, claro, para os curas católicos e para un cento deles de case que todas as relixións que, curiosamente, inciden ata o esgotamento na criminalización do corpo e as súas marabillas.

Porque a sexualidade é, probablemente, un dos mellores inventos dos que a natureza nos dotou para pasar por este mundo sentindo que paga a pena. Que é algo animal? Pois claro. Pois por suposto. Pois non hai dúbida. Pero iso, en principio non tería que ser un contrargumento. Que dúas persoas, casadas, solteiras, viúvas, hetero, homo, trans, en calquera caso, que dúas persoas adultas de calquera clase, queiran gozar da súa sexualidade, desta maneira ou desta outra, xuntos, por separado, cunha persoa en exclusiva, con varias, como lles pete no exercicio libre da súa liberdade libérrima, iso, en principio e que se saiba, sempre e cando se practique dende a liberdade, a madurez, e sen mancar a ninguén, debe de ser sempre cualificado como algo bo, desexable, e, por suposto, conforme á natureza humana e á obtención da felicidade que, como Spinoza, Nietzsche, Freud, Marcuse, e incluso o Tato, ese amigo de Esperanza Aguirre, entenden que é o que todos os seres humanos queremos.

Para min é ben significativo que os amantes das prohibicións e grandes pedidores de castidade nunca, pero nunca, nunca, empregan para referise a isto a expresión facer o amor, senón fornicar. Nin sequera copular, que implica unión. O feito de que usen palabras que remiten á suciedade, á mecánica, á máquina, xa di moito de como ven eles o mundo.

Unha visión do mundo, como xa dixen, absolutamente inhumana.

Os comentarios están pechados.