TEN DESEXOS SEXUAIS ROUCO VARELA?

Posted by franciscocastro - 10/01/12 at 03:01 p.m.

 

Leo, e non me sorprendo nadiña, que o Vaticano ordea retirar un libro a unha súa editorial católica (libro xa publicado, lido previamente polos editores, etc., e que leva un ano e pico nas librerías… tarde piaches) debido a que o seu autor (un cura, pero non católico), entre outras cousas perigosas (defende modelos de familia diferentes do tradicional misioneiro, etc.) admite que non é malo o desexo sexual.

Carainas…

Jopelines…

Canastos…

A orde vén da Congregación para a Doutrina da Fe, que é como se chama hoxe en día o Tribunal do Santo Oficio, que é como se chamou de toda a vida a Inquisición, que é como se chamou dende o comezo esa organización que hai dentro do seo da Igrexa Católica para reprimir a todo aquel que pense ou actúe diferente do que se entende como santo. É interesante que lembremos que a Congregación para a Doutrina da Fe era presidida, antes, polo actual Papa, ou o que é o mesmo, pola liña de pensamento dominante neste intre dentro da organización e que persoas como Rouco Varela e outros ultraconservadores representan á perfección.

A Igrexa, cando nega (iso era algo que non lles gustaba do libro agora retirado das librerías) o desexo como un sentimento válido, o que está é negando directamente ao ser humano. Porque os homes e as mulleres sentimos fame, sede, ganas de durmir e tamén, si, tamén, claro, tamén, que ben!, tamén, por suposto, tamén, aleluia!, desexo sexual. E amor. E tenrura. E orgasmos.

En definitiva, que sentimos a vida.

Eu non sei se Rouco Varela, os da Congregación ou o Papa sinten desexos sexuais pero, se non os sinten, daquela, é que non son persoas. E se non o son, malamente poden erixirse en guías espirituais de ninguén.

Os comentarios están pechados.