UN LIBRO É ALGO MÁIS QUE INDUSTRIA

Posted by franciscocastro - 03/01/12 at 03:01 p.m.

Lemos na prensa de hoxe que o goberno do PP suprimiu a Dirección General del Libro, Archivos y Bibliotecas para integralo, sen máis, en Industrias Culturales.

E non sei se é unha boa nova.

Que o libro é industria cultural é unha obviedade. Somos moitos os que vivimos arredor e do libro: as editoriais, os libreiros, as distribuidoras, algúns (poucos en xeral, pouquísimos no noso caso) autores e autoras… No caso galego non é, precisamente, unha industria pequena a do libro. Moitos se soprenderían do número de xente que traballa no seu ámbito e que consigue comer a fin de mes grazas á industria do libro.

Pero non sei se debemos tratar o libro como unha industria. Vale que o pensamento liberal reduce todo á economía, aínda que sería máis propio dicir que o reduce todo a beneficios. Estámolo vendo na cuestión dos recortes. E así semella como que só hai que manter aquilo que non dea perdas, que é outra maneira de apostar polos beneficios.

Pero este discurso non é válido, non pode ser válido, para todas as cousas. Por exemplo na Sanidade (Ana Pastor, a nova ministra, o outro día na toma de posesión dos cargos de segundo rango evitou pronunciar as palabras pública e gratuíta á hora de falar da Seguridade Social), ou na Educación. Non nos podemos poñer liberais nestes asuntos, porque se somos estritos na cuestión monetaria temos que concluir que as bibliotecas non dan beneficios, nin os centros para toxicómanos, nin os xeriátricos.

Así que mellor aparcar determinados pensamentos industriais segundo do que esteamos a falar.

Os libros e a lectura son algo máis que industria. Aínda que a alguén pareza esaxerado son o futuro, parte da saída da crise. A liberdade.

Os comentarios están pechados.