Archive for Xaneiro, 2012

XUIZ, XUSTIZA, AXUSTIZAR, ENXUIZAR…

30th Xaneiro 2012 by franciscocastro 4 Comentarios

Hai un lugar no mundo onde un asasino gobernou 40 anos con man de ferro e de xofre e de estrume e de violencia e de maldade, sendo responsable directo de millóns de mortos, exiliados, represaliados, torturados, violadas. Ese lugar no mundo tivo durante moitos anos unha moeda oficial de curso legal onde, coa connivencia da xerarquía católica (que o metía baixo palio nas igrexas, coma os santos, coma as virxes), dicía que o seu fora pola graza de Deus.

Hai un lugar no mundo onte tropemil anos despois de que todo rematase (máis ou menos) e se recuperase a democracia (que non a legalidade republicana), se dis que queres investigar os crimes daquel tempo, hai quen se pon preocupado e di que non hai que remexer nas feridas.

Nese lugar do mundo goberna hoxe un partido político que non condenou ese réxime ditatorial.

Nese lugar do mundo hai un xuíz que investigou os crimes da época da barbarie e está sendo xulgado. El. Non os criminais. El. Non os asasinos. El.

E por procurar asasinos, criminais, fosas onde dormen o eterno pesadelo da inxustiza os mortos sen nome é investigado, denunciado, imputado e quizais condenado.

El é quen pode deixar de ser xuíz por obra e graza (como o outro) dun sistema xudicial, uns xuices e unha loucura togada que, témome, pouco ten que ver coa xustiza.

Ese lugar do mundo non é o terceiro mundo nin Pallasolandia. Xa sabedes como se chama…

Chuzame! A Facebook A Twitter

ESCRIBIMOS ENTRE TODOS UN LIBRO NO FACEBOOK?

27th Xaneiro 2012 by franciscocastro 8 Comentarios

Preséntovos o meu novo proxecto HISTORIA EN REDE, ou o que é o mesmo, que entre todas e todos escribamos unha historia usando o facebook como plataforma.

Eu empezarei esta noite dende aquí.

Animádevos a participar. Escribamos fermosas palabras nunha historia experimental e creativa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

MARCHOU BALTAR… PERO NON É PARA TANTO (a que andan a xogar os xornalistas?)

25th Xaneiro 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

Marchou Baltar si, pero non se acabou o mundo, por favor. Os xornais galegos hoxe titulaban a páxina completa, como se se tivese anunciado unha vacina contra o cancro. En fin, coido que se atopasen ese remedio igual non ocupaba a páxina completa.

Marchou, si, pero non era como para que o contasen así, por favor… Que os recortes van seguir, que algúns dos cans que dirixen o mundo van continuar trabando nas nosas calugas igual, que os urdangarines da vida van seguir roubando o mesmo, e creo que a súa marcha non altera, por exemplo, o infanticidio que cometemos polo noso desleixo no terceiro mundo nin o consumo de drogas a  nivel planetario.

Baltar foise, si. Pero non era como para que se transmitise esa sensación de cataclismo cósmico que os xornais galegos nos deron, como se a Bolsa de Tokio decidise repartir beneficios cos pobres, poño por caso. Non é unha noticia tan grave. Nin sequera é unha noticia moi importante. Total, nuns aniños ninguén se vai lembrar del. E non porque non o mereza, que eu son un ignorantiño e non vos sei se merece pasar á historia ou non, senón porque os que perduran na memoria e nos corazóns son os que fan cousas grandes, eu que sei, dedicar a vida á investigación, os que proclaman repúblicas, etc.

Igual os xornalistas terían que aprender a relativizar e a darlle a importancia que (realmente) merecen as cousas. Porque non parece que a súa marcha sexa máis importante que un cento de outras moitas cousas que, sen pensar moito, se me ocorren.

(Ás veces entran ganas de pensar que o cuarto poder se quedou, sen máis, como altofalante da voz do amo)

Chuzame! A Facebook A Twitter

APROVEITANDO A CRISE, IMOS DESMANTELAR O ESTADO DE BENESTAR

22nd Xaneiro 2012 by franciscocastro 9 Comentarios

Hai moitos anos que todo se entende dende parámetros económicos. E non, dende logo, no senso marxista do asunto, senón no senso máis liberal da cousa. Todo se xustifica dende o beneficio, os réditos, os valores da Bolsa. Non importan as cualidades. Importan as cantidades. E a realidade toda organízase dende aí. E remata gobernando, por enriba de calquera, o Fondo Monetario Internacional, é dicir, os ricos de toda a vida, os escravistas, os xenocidas.Quizais por iso, nos oitenta, había quen mantiña que non había diferenza entre dirixir unha empresa e dirixir un país. De feito hai quen goberna así. Pero hai diferenzas. Moitas. Como empresario só teño a obriga de gañar cartos dentro dos límites que marca a lei. Como político teño a obriga de tentar mellorar o mundo. Así como soa. E iso implica mellorar as condicións de vida dos que me confían o seu voto, loitar contra da inxustiza, etc.

Ese predominio absoluto da economía, ese ter que valoralo todo dende parámetros monetarios (algo que, a forza de costume, xa entendemos como o natural, cando natural non hai nada), fai que a día de hoxe os que nos gobernan sintan como unha prioridade -de feito, como a única prioridade, caia quen caia- cadrar as contas fronte a algo que sería moito máis importante: que ese cadrar as contas non implicase a caída do estado de benestar. E así, co argumento da crise, traballarán para facernos entender como inevitable a creba da seguridade social (e todos a pagar), do ensino público (e todos a pagar) ou das pensións (e todos a pagar). Dirannos que non hai cartos. Que as cousas agora teñen que ser así. Que non hai máis remedio. Que non hai outra.

E non. Non teñen or pque ser así.

Xógome a melena a que podemos quitarlle a algunha que outra industria (a militar, por exemplo), a algunha que outra ideoloxía reaccionaria (a igrexa, por exemplo), a algunha que outra institución (a monarquía, por exemplo), as partidas que lles destinamos. E sacar cartiños, que por certo son nosos, para as cousas que realmente importan. Quero dicir: que non hai por que sacarlle todo ao que temos seguro para a nosa seguridade. E por se non se me segue: que non hai por que recurtar SÓ da educación, a cultura, a sanidade.

Porque parece, miren como me erguín esta mañá, que están aproveitando a crise para desmantelar o estado de benestar.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A CULPA DO QUE NOS PASA É SÓ NOSA

21st Xaneiro 2012 by franciscocastro 4 Comentarios

Igual é un chisco inconvinte escribir isto, e igual máis de un e de unha vai mirarme mal ou deixar de lerme ou proclamará a miña falla de patriotismo ou eu que sei, mais entendo que de cando en vez hai que dicir as cousas cun mínimo de claridade, aínda que non nos guste poñernos a feder a nós mesmos. Sobre todo, porque entendo que hai que vencer o costume, circular e vicioso, de botarlle sempre as culpas de todo aos demais e aos que están fóra.

A culpa de quen é? Dos que votan ao PP.

A culpa de quen é? Da Xunta de Galicia.

A culpa de quen é? Dos que non nos entenden, non.

A culpa de quen é?

A culpa é nosa e só nosa.

Nos últimos anos asistimos ao peche, dramático, de A Nosa Terra, Vieiros, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia y loqueterondarémorena. O doado, o simple, o infantil, o superficial é botarlle as culpas (que algo teñen: podían repartir a publicidade doutra maneira, por exemplo) á Xunta de Feijoo. Así de sinxelo e hala, xa non hai que facer máis análises, xa está todo explicado. Como o presidente é moi malo, pois hala, pechan os xornais. Despois, imos correndo diante do mortiño a facer homenaxes e a asinar manifestos, a laiarnos publicamente e a retroalimentar o noso victimismo e a dicir ai que mágoa diormío con estes do PP imos de cu. Claro. Pero o que está clarísimo é que se A Nosa Terra, Galicia Hoxe e Xornal de Galicia (e o teatro galego, e a literatura galega, e a música galega… etc.) recibisen o apoio económico dos lectores e lectoras, total, era un euro ao día no caso dos periódicos, daquela íanos dar igual unha Xunta galegofóbica, Galicia Bilingüe, o Valedor do Pobo e o carallo 29.

Este nacho que asina e suscribe estas liñas está un chisco farto da dobre moral imperante, circundante e, sobre todo, abafante. Claro que están contra nós. Claro que non van darnos un peso. Claro que nos odian. Pero se nós pasásemos por caixa, se nós léramos libros en galego, pagásemos a entrada no teatro, metéramos publicidade (eran tasas ben pequenas) nos portais da Internet que tiraban da nosa lingua e do noso xeito de ver as cousas… se fixeramos todo iso ninguén había poder con nós.

Pero como non o facemos, asinamos manifestos.

E eles, mentres tanto, a mexar por nós mentres seguimos debatendo por que nos queren tan mal e nos pechan todas as portas…

Chuzame! A Facebook A Twitter

EU VIVO NUN SUBMARINO AMARELO

19th Xaneiro 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

 

Hai uns días cumpríronse 43 anos da estrea da película de debuxos animados Yellow Submarine, dos Beatles. Tanto tempo despois, a fita aparécesenos coma unha postal dunha época, a da psicodelia, bastante máis interesante, dende todos os puntos de vista e en moitos sentidos, que a actual.
Neste tempo noso, que pide realismo, e tecnócratas, no 68 outros andaban pedindo a revolución e proclamando que outra realidade era posible. Para iso había que atreverse a subirse nun submarino cheo de amigos dispostos a, en efecto, revolucionarse e soñar outro mundo.
A película é simplísima na súa mensaxe: aos malos non lles gusta que sexamos felices; daquela, o que cumpre é cantar, amarse e, sobre todo, soñar con máis forza.
Loxico que o hippismo, a contracultura e as utopías (esas que tanto odiaba Fraga, en especial as do 68; así o expresou moitas veces, a súa repugnancia polo sesentaiochismo) atopasen sempre nesta película unha fonte grande de inspiración.

Chuzame! A Facebook A Twitter

FRAGA E CELA

17th Xaneiro 2012 by franciscocastro 3 Comentarios

No mesmo día no que os periódicos todos se entregaban á laudatio esaxerada de Fraga, os xornais recollían as declaracións do fillo de Cela dicindo que non entendía que se esquecese tan rápido a figura de seu pai dentro dos círculos literarios. Porque onte fixo dez anos do pasamento do escritor e, en efecto, dous lustros despois, como moitos dixemos, dez anos máis tarde, como moitos prognosticamos, cento vinte meses máis tarde, como moitos anunciamos que pasaría, a presencia de Cela na realidade literaria do noso entorno (digamos, a literatura occidental) é absolutamente nula.

Cela foi o típico escritor que se dedicou, no básico, a buscar o seu lugar e o seu proveito a calquera prezo, disposto a cambiar de chaqueta e de posición segundo soplase o vento. Dedicaba xornadas enteiras a conseguir un titular (aqueles tacos na tele franquista, aquela historia de que zugaba auga polo ano… estas cousas dicíaas sempre en televisión). E conseguiu o Nóbel, en parte, facendo unha boa política de mercadotecnia promovendo as súas traducións ao sueco. En definitiva, fixo que se falase moito del e case que nunca polos seus méritos literarios. Para min, agás Mazurca para dos muertos, que me parece sublime, o resto paréceme normaliño (e non imos meternos noutros seus asuntos turbios como os seus inicios como delator na época dos paseos nin no asunto do plaxio do seu premio Planeta).

Cando finou Cela parecía como que morrera o Pai da Patria Literaria. Pero estaba claro que diante de monumentos como La Saga/Fuga de JB de Torrente Ballester e outras obras dos seus coetáneos, a súa produción non ía soportar o paso do tempo nin as comparacións.

E a historia vai poñéndoo no seu sitio aínda que a súa familia non o entenda.

Con Fraga, pasadas as esaxeracións estas que estamos a vivir, acontecerá outro tanto.

Chuzame! A Facebook A Twitter

EU QUERO SER AZNAR

16th Xaneiro 2012 by franciscocastro 2 Comentarios

Os que escribimos non o facemos, nunca, polos cartos. Se chegan, pois mira, como que é unha ledicia. Pero por isto non estamos na literatura. E, dende logo, moito menos os que e o facemos en galego, sabedores como somos de que o noso mercado non dá para moitas alegrías a ese nivel. Nos institutos e colexios pregúntanme moitas veces sobre isto, que se gañamos moito vendendo libros. E eu sempre lles digo que non e que, ao facelo na lingua do país (a pesar de que poderiamos facelo en castelán), xa asumimos que as satisfaccións van ser outras.

Así son as cousas e así as vivimos. O dos cartos é o de menos. Xa sabemos que a escrita, agás a un par deles, non dá para comer.

Sen embargo, lendo algunhas novas coma esta, que informa de que Aznar, só polos seus artigos e conferencias xa gañou máis de un millón de euros éntranme ganas de replantearme algunhas cousas (eu non gañarei iso nin sumando os dereitos de autor de todos os libros que escriba ata que morra, de todos os artigos que escriba -e que me paguen- ata que morra, de todas as conferencias que dea ata que morra… pero claro, eu non teño o seu talento). Un millón de euros escribindo. Ríete de Ruiz Zafón e do gremio enteiro da tecla. Só polos seus artigos!

Mimá como se lle dea por escribir unha novela…

Chuzame! A Facebook A Twitter

RITA BARBERÁ, LOUIS VUITTON, ESPERANZA AGUIRRE, A INFANTA CRISTINA E A DECENCIA

14th Xaneiro 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

A Cadena Ser informa dunhas declaracións da alcaldesa de Valencia, Rita Barberá, nas que afirma que Un bolso de Louis Vuitton é un agasallo habitual, hainos máis caros. Entro na web da marca en cuestión (non uso bolsos, de cando en vez bandoleira, así que non sei), e vexo que (a parte de que hai unha liña de homes, beeeennnnn!!!!) que o primeiro que me sae custa 755 euros. Será un bolso dos bos. Digno dunha alcaldesa como mínimo.

Despois de escoitar a Rita Barberá, lembreime de cando hai uns anos Esperanza Aguirre dixera aquilo de que lle custaba chegar a fin de mes cun soldo de 3000 euros. E tamén dos correos que onte nos deixou ler a prensa, de Iñaki Urdangarín cos seus administradores, cando se falaba dunha barbaridade de miles de euros en compras da infanta Cristina…

En conclusión: que todo depende do nivel ao que esteas acostumado que as cousas che parecerán dunha maneira ou doutra. Evidentemente, para estas persoas humildes como as que veño de citar, que o caviar se lles poña polas nubes ou que as bragas exclusivísimas marca puturrudifuá, con perdón, se lles poñan nun prezo imposible (braguitas, dirían elas), pois claro, vén sendo unha enorme traxedia.

Porque viven nunha burbulla. Ignorando que hai xente que non ten nada, ou case que nada, ou moi pouco, para chegar a fin de mes (como Esperanza), que hai quen ten que ir acumulando ofertas no súper para facer a compra (como a infanta) e que mercan o bolso na feira que monta o concello os sábados e nos que algúns venden, como non, bolsos de imitación, ou sexa, luivuitón de dez euros.

No fondo, todo isto, é unha cuestión de decencia.

Ou sexa, de indecencia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

FUXIR DA FORNICACIÓN

13th Xaneiro 2012 by franciscocastro Non hai comentarios

O bispo de Córdoba, monseñor Demetrio Fernández, vén de escribir na súa carta pastoral que hai que fuxir da fornicación. Conta iso en relación a un libro titulado Virgen a los 30 e que escribiu unha miss venezuelana. A teoría do bispo é que é posible chegar virxe ao matrimonio «a pesar de que o ambiente é desfavorable». No texto, pide castidade explicando que é unha grandísima virtude.

Eu non quero seguir profundando no mesmo, pero vexo aos curas católicos moi obsesionados co sexo. E esta frase non deixaría de ser unha brincadeira se non fose que, en realidade, co que están obsesionados é coa liberdade… dos demais, coa felicidade… dos demais e co pracer… dos demais. Eles xa sabemos que non practican (ehem). Pero seica non queren que practiquemos ningún de nós.

E isto vale, claro, para os curas católicos e para un cento deles de case que todas as relixións que, curiosamente, inciden ata o esgotamento na criminalización do corpo e as súas marabillas.

Porque a sexualidade é, probablemente, un dos mellores inventos dos que a natureza nos dotou para pasar por este mundo sentindo que paga a pena. Que é algo animal? Pois claro. Pois por suposto. Pois non hai dúbida. Pero iso, en principio non tería que ser un contrargumento. Que dúas persoas, casadas, solteiras, viúvas, hetero, homo, trans, en calquera caso, que dúas persoas adultas de calquera clase, queiran gozar da súa sexualidade, desta maneira ou desta outra, xuntos, por separado, cunha persoa en exclusiva, con varias, como lles pete no exercicio libre da súa liberdade libérrima, iso, en principio e que se saiba, sempre e cando se practique dende a liberdade, a madurez, e sen mancar a ninguén, debe de ser sempre cualificado como algo bo, desexable, e, por suposto, conforme á natureza humana e á obtención da felicidade que, como Spinoza, Nietzsche, Freud, Marcuse, e incluso o Tato, ese amigo de Esperanza Aguirre, entenden que é o que todos os seres humanos queremos.

Para min é ben significativo que os amantes das prohibicións e grandes pedidores de castidade nunca, pero nunca, nunca, empregan para referise a isto a expresión facer o amor, senón fornicar. Nin sequera copular, que implica unión. O feito de que usen palabras que remiten á suciedade, á mecánica, á máquina, xa di moito de como ven eles o mundo.

Unha visión do mundo, como xa dixen, absolutamente inhumana.

Chuzame! A Facebook A Twitter