OS GALEG@S SOMOS OS MÁIS LISTOS

Posted by franciscocastro - 30/12/11 at 03:12 p.m.

Nesta fin de ano na que todo o mundo anda pescudando novas que o resuman, eu quedo con esta que confirma que, a máis crise, máis consumo televisivo, que canto máis paro hai, máis se ve a tele. E o de ver a tele, de primeiras, non tería por que ser algo malo pois a televisión é un medio de comunicación marabilloso, cunhas posibilidades fantásticas para entreternos, informanos e facer a nosa visión do mundo mellor e máis completa. Sen embargo, sabemos o uso que se lle dá e o que se nos ofrece e, sobre todo, que clase de programas son os máis vistos pola meirande parte da cidadanía (gañou por goleada -claro- un Madrid-Barça).

A media no estado español é brutal: catro horas diarias. Como se explica no informe que se cita na noticia, nos anos de vacas gordas a xente vía menos a tele. Aínda que pareza que non ten relación, tena. E moita. Como outras patoloxías sociais (alcoholismo, violencia, etc.) poden explicarse no seu medre en clara relación coas crises económicas e a falla de traballo.

Dende sempre sabemos que o consumo indiscriminado de televisión (encende aí a ver que poñen) é malo para a saúde mental. Que nos fai máis parvos. E sobre todo, que nos fai máis sumisos ao volvernos máis acríticos e, daquela, máis doados de manipular. Que o medre do consumo de horas de televisión se dea, precisamente, neste contexto de crise económica, de paro, de falla de ilusión, etc, é ben sintomático. E os síntomas, xa se sabe, anuncian enfermidades, neste caso, enfermidades de corte social: parvura colectiva, decisións políticas erradas, fundamentalismos, idiocia e anestesia.

Igual non é o mellor texto para rematar o ano. Pero éche o que hai.

O consolo que nos queda é que os galegos, segundo ese estudo sobre os hábitos de consumo televisivo, somos os que menos vemos a tele.

Daquela, seremos os máis listos de todos.

Os comentarios están pechados.