ANA BOTELLA E PLATÓN

Posted by franciscocastro - 27/12/11 at 03:12 p.m.

A verdade é que Platón sempre me pareceu un prosma, a pesar desa xenialidade que é o Mito da Caverna, que explica como o pobo está como idiotizado vendo pasar sombras na parede en troques de se ocupar do importante e así os malos gobernantes poden manipulalos a vontade. Muden vostedes onde di sombras por Belén Esteban ou fútbol e teñen a ecuación resolta.

Digo que nunca gustei moito de Platón por esa idea súa de poñer aos poetas de portas para fóra, directamente expulsados da cidade, por consideralos nocivos para o ben común. Pobre home, que lle faría a poesía. Sen embargo, e a pesar disto, si que levaba razón cando dixo que o perigo da democracia é que rematen gobernando os mediocres, os limitadiños intelectuais, os escasiños de neuronas, os simples, os peores.

E daquela chega Berlusconi. Ou Ana Botella, a nova alcaldesa de Madrid.

Así pois, igual habería que se esforzar en esixirlle aos que van nas listas, sobre todo, excelencia intelectual, que na cabeza haxa algo máis que peras e mazás e simplezas varias.

Parece que estou de brincadeira. Pero, como xa explicou tamén Ortega y Gasset (estou profesoral hoxe, disimulen) a rebelión das masas é o que ten. Que os mediocres soben ao máis alto.

E perdemos todos.

Os comentarios están pechados.