DESEXOS DE NADAL

Posted by franciscocastro - 22/12/11 at 03:12 p.m.

Non son crente, non teño sentimentos relixiosos, mais teño fe na vida para repartir a esgalla e que aínda me quede algo para min no meu reservorio cardíaco privado e intransferible. Non celebro estes días nada que teña que ver coa relixión. Mais si que me sumo aos bos desexos de Nadal, ás verbas de amor, aos bos propósitos de enmenda. Como non facelo.

Así que aquí vos deixo os meus desexos de Nadal para vós e para min.

Espero que Papá Noel, no que non acredito, lea este meu blog e tome nota:

Desexo seguir sendo un fulano estratosférico, incapaz de evitar ter sempre a cabeza e o corazón, nas nubes, aló onde viven as musas, para facer o amor con elas e nas súas cadeiras de pantrigo; desexo que todas as noites sexan noitesboas e que sempre se pasen á caloriña quente dun corpo amado; desexo que todos atopedes un nome propio doutra persoa á que aferrollarvos coma salvavidas, coma compañeiro de xogos, coma luz por se vén a escuridade; desexo que atopedes libros onde vivan versos que vos fagan un furado no peito ata berrar estremecidos porque a beleza veu darvos un beixo con moita lingua; desexo festas, que a vida vos dea máis do que lle deades, que teñades a quen soster e que teñades quen vos sosteña, que o panorama que se vexa dende as vosas fiestras teña, cando menos, tonalidades mariñas. Que subades nun barco que vos leve a mares felices, a soños cumpridos, aos cadros da vida ben pintada. Que vos ataque unha fonda melancolía de amor e que atopedes unha chea para deixar de ser melancólicos.

Non sei se Papá Noel vai ser quen de darme todas estas cousas. Igual non lle entran en saca tan pequena.

Os comentarios están pechados.