O meu poema para Urbano Lugrís

Posted by franciscocastro - 18/12/11 at 04:12 p.m.

Os amigos do colectivo A nave das ideas organizaron o pasado sábado actos de homenaxe ao pintor atlántico Urbano Lugrís. Infortunadamente tocoume traballar todo o día e perdín eses actos, mais non a lectura da Coroa poética sobre textos baseados na súa obra imperecedoira e na que embarcaron (para algo son unha Nave) a algúns poetas galegos.

Imprudentemente, incluíronme a min (en toda nave hai un náufrago) para poñerlle letras a este cadro (Lavandeira é o seu título) que vos deixo aquí.

Nesta ligazón, descargades o libro enteiro.

E de seguido, o meu poema

O universo xerminal e feminino
de lumieiras agres dóce sabor vermello
construíu a república das peles
naquel afastado día no que o sol
sentiu vergoña
diante da beleza
das pernas abertas
de Eva Deusa.
O universo xerminal é feminino
e Deus debe existir
e ter recendo líquido de muller namorada.

Os comentarios están pechados.