O PROBLEMA DE EUROPA NON É A CRISE: É O RACISMO

Posted by franciscocastro - 09/12/11 at 11:12 p.m.

Hoxe espertei lendo unha terrible reportaxe arredor dos grupos xenófobos e racistas  (ía dicir novos grupos xenófobos e racistas, pero levan toda a vida aí, reaparecendo de cando en vez, collendo aire -fétido- entre outras cousas porque nunca se foron, porque sempre están agochados, esperando a súa oportunidade para deitar o seu canto de morte e destrución), medrando en Europa. O racismo, a xenofobia, o odio ao diferente (sobre todo se ese diferente é, ademais, pobre; sobre todo se ese diferente é ademais muller, ou homesexual, ou de esquerdas… etc.) medran en Europa, nese mesmo lugar do mundo onde os fascismos alemáns, italianos e españois fixeron das súas hai ben pouco.

Como aí se conta, en Francia, Marine Le Pen, filla do outro que xa sabedes, medra en intencións de voto; noutros lugares como Holanda ou Inglaterra, as organizacións violentas contra a inmigración van gañando adeptos. E polo resto, como moi ben explican os que entenden destas cousas, vanse posicionando dentro de partidos de dereitas teoricamente tolerantes e democráticos que, como consecuencia inevitable, van adaptando o seu discurso a ese tipo de postulados.

Velaí o gran problema de Europa. Non é o paro, nin a zona euro, nin a crise nin nada de ningún deses asuntos nos que focalizamos tanto a atención. A auxe e apoxeo destes grupos fascistas e intolerantes é moitísimo máis grave porque, nese contexto de paro, crise e desolación no que estamos, atopan o mellor dos caldos de cultivo para medrar. O ser humano é simple, ás veces, coma unha ameba. Irracional ata a estupidez. E sempre prefire botarlle a culpa a calquera outro das súas desgrazas que profundizar nas verdadeiras causas dos problemas. E por iso eses discursos panfletarios que rezan “todo o que nos pasa é culpa dos inmigrantes” (que adoitan ser diferentes en cor de pel, actitudes relixiosas, vestimentas… e polo xeral, non esquezamos este dato, pobres) o teñen doado para medrar.

A miña sensación é que quen teña que ocuparse destas cousas non o está a facer. E non é improbable pensar que, pasados uns anos e como isto non se atalle, a cousa se poña fea. E quero explicalo ben: non é que haxa que controlar a inmigración (penso que todo o mundo ten dereito a vivir onde lle pete, sexa “nacional” ou non, que veñan todos como nós fomos noutrora, ese non é o problema), senón que o que hai que controlar é ao fascismo.

Polo ben de todos. Para non laiarnos mañá.

Os comentarios están pechados.