LENNON, 31 ANOS DESPOIS

Posted by franciscocastro - 08/12/11 at 04:12 p.m.

http://youtu.be/FSBYfc46rhk

Hoxe hai trinta e un anos do asasinato de Lennon. Lembro ben o día e coido que xa o contei outras veces, cando me entrou Fito pola porta para darme a nova e a tristura que me embargou. Non debía de ser esa pena típica dun adolescente de catorce anos ao que lle mataron ao ídolo, pois hoxe, tres décadas e pico despois, volvo sentila.

Non vou escribir, porque supoño que xa vos aburro, sobre a inspiración que para min supón a súa obra, o seu xeito de loitar por causas que considerou xustas, ou o furado no peito que algúns versos dalgunhas cancións me siguen producindo.

Direi só que hoxe reivindico ao Lennon quizais máis incomprendido, aquel que un día decidiu, a mediados dos setenta, deixalo todo para concentrarse na educación e atención e coidado do seu segundo fillo, Sean, quizais como compensación, é probable, do mal que o fixo co primeiro. Reivindico ao Lennon desta canción e destas imaxes que vos deixo: familiar, entregado ao xogo, vivindo, como di a letra deste tema, o pracer de ver as sombras na parede, mentres o resto da xente di que non o entende, que como é que non está “xogando o xogo” (é dicir, como é que non está  na música, producindo hits de éxito, números un, gañando pasta, batindo marcas). Para min é unha idea sedutora a vida dese artista xenial que, en troques de competir, en troques de loitar por vender máis e máis, en troques de seguir na roda e na roda e na roda da voráxine na que sempre viviu e vivimos, decide que o que lle presta é ir á praia, xogar co seu cativo, ler libros (era un lector voraz) e, en defintiva, centrarse e concentrarse nas grandes cousas da vida. Que nunca están do lado do éxito, da economía, da fama ou do poder.

Tantísimos anos despois eu aínda aprendo cousas de Lennon. Aínda.

Os comentarios están pechados.