EU, REPUBLICANO, QUERO DICIR ALGO SOBRE A MONARQUÍA

Posted by franciscocastro - 07/12/11 at 11:12 p.m.

Por exemplo, que a monarquía é infantilizante, pois parte da base de que non podemos escoller a quen queremos como máis alto dignatario do estado. Susténtase na crenza de que a historia, que lle “encargou” a tal familia a dirección dos pobres inmaduros incultos populacho apirolado que non sabe gobernarse por si mesmo, que esa historia, dicía, pois que sempre selecciona bos candidatos -por vía masculina, ollo- para seguir coa coroa na cabeza. Mais o problema é cando os que herdan as honras son parvos, incapaces, aproveitados, ladróns ou directamente inmorais. Non digo que estes o sexan, por suposto, pero a historia deunos mostras dabondo no pasado.

E digo que a monarquía é un sistema inmoral no século XXI. Porque non é igualitario nin democrático. Por exemplo (e non o digo de coña) impide que outra dinastía se apole ao poder (¿por que non?, ¿por que esta si?, ¿por algo que sucedeu hai non sei cantos séculos cando un antepasado do rei actual -posto aí por un dictador fascista, por certo- se apropiou da coroa pola forza?). Un sistema que non deixa que as mulleres sexan máis que raíñas consortes unha vez que haxa un pene polo medio na carreira esa que se chama liña sucesora. Mais eu pregunto, en España, cunha lexislación que consagra a igualdade entre os sexos, ¿como é  que Elena non pode ser a raíña?, ¿por que non ten pene?, ¿ou porque se considera que por ser muller xa non vai saber facer o seu traballo?

E afirmo que non ten senso seguir cunha institución herdada da Época Medieval, cando a través da forza, a coacción e o abuso, algúns se convertiron en reis. A monarquía nace no seu día para lexitimar a posesión sobre un territorio a través dun exército que depende directamente dese rei e dun clero que o lexitima dende os ceos. Mais nun tempo coma o noso, no que podemos cambiar de xefe de goberno sen grandes traumas, votando, aceptando democraticamente o resultado aínda que non nos agrade, non se sostén que non poidamos, como en Portugal ou Francia, veciños achegados, cambiar de xefe de estado.

E sinalo que a república é o único sistema lóxico, maduro, moderno, e, se cadra, o único moral, na medida en que se non me gusta o comportamento do presidente ou presidenta, podo cambialo, incluso antes de que remate o tempo que dispoña a lei electoral.

E todo isto, claro, nun contexto como o actual, no que as preguntas son moitas.

Por exemplo:

– ¿é lícito que a infanta Cristina e o seu home teñan unha promotora inmobiliaria? (flipei esta mañá cando o lin na prensa; o dato saiu na investigación que enculpa ao xenro do Rey).

-¿é lícito que coa crise brutal que soportamos -Rajoy falando de seguir a folla de ruta do Banco Central Europeo, é dicir, minicontratos de 400 euros máximo e que a Seguridade Social a paguen os traballadores con eses catrocentos miserentos euros- se vaia unha parte importantísima do orzamento para manter ao Rey e a toda a súa -crecendo- familia?

-¿é lícito que os membros da familia real -aos que millóns de españois non escollimos pois no 78, cando se vota a sacrosanta Constitución ou eramos nenos ou non eramos- e que viven de clocló (a saber, dos nosos impostos -nestes tempos de recortes-) é dicir, de balde, sen facer grandes cousas (aínda que, visto o visto, cun ollo para os negocios quepaqué) poidan ter ademais empresas que opten a contratos coa Administración Pública? Porque está claro que se eles optan, a miña empresa vai telo moito máis difícil.

E iso, que podería seguir e seguir e seguir. Pero estou canso. Non fisicamente. Senón psicoloxicamente diante dunha situación que como adulto, racional, formado, estudado individuo que son, non podo nin comprender nin admitir nin aturar sen dicir que habería que rematar con isto pero xa. Xa mesmo.

Os comentarios están pechados.