Archive for Decembro, 2011

OS GALEG@S SOMOS OS MÁIS LISTOS

30th Decembro 2011 by franciscocastro 2 Comentarios

Nesta fin de ano na que todo o mundo anda pescudando novas que o resuman, eu quedo con esta que confirma que, a máis crise, máis consumo televisivo, que canto máis paro hai, máis se ve a tele. E o de ver a tele, de primeiras, non tería por que ser algo malo pois a televisión é un medio de comunicación marabilloso, cunhas posibilidades fantásticas para entreternos, informanos e facer a nosa visión do mundo mellor e máis completa. Sen embargo, sabemos o uso que se lle dá e o que se nos ofrece e, sobre todo, que clase de programas son os máis vistos pola meirande parte da cidadanía (gañou por goleada -claro- un Madrid-Barça).

A media no estado español é brutal: catro horas diarias. Como se explica no informe que se cita na noticia, nos anos de vacas gordas a xente vía menos a tele. Aínda que pareza que non ten relación, tena. E moita. Como outras patoloxías sociais (alcoholismo, violencia, etc.) poden explicarse no seu medre en clara relación coas crises económicas e a falla de traballo.

Dende sempre sabemos que o consumo indiscriminado de televisión (encende aí a ver que poñen) é malo para a saúde mental. Que nos fai máis parvos. E sobre todo, que nos fai máis sumisos ao volvernos máis acríticos e, daquela, máis doados de manipular. Que o medre do consumo de horas de televisión se dea, precisamente, neste contexto de crise económica, de paro, de falla de ilusión, etc, é ben sintomático. E os síntomas, xa se sabe, anuncian enfermidades, neste caso, enfermidades de corte social: parvura colectiva, decisións políticas erradas, fundamentalismos, idiocia e anestesia.

Igual non é o mellor texto para rematar o ano. Pero éche o que hai.

O consolo que nos queda é que os galegos, segundo ese estudo sobre os hábitos de consumo televisivo, somos os que menos vemos a tele.

Daquela, seremos os máis listos de todos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

NO PASAMENTO DE CHITA

29th Decembro 2011 by franciscocastro 4 Comentarios

Estas verbas miñas non pretenden ser unha brincadeira. Sinto moito o pasamento da mona Chita, o simio (era un macho) que protagonizou moitísimas películas, entre outras, as do máis clásico Tarzán.

Co seu pasamento morre tamén un ser que me encheu de ledicia na miña infancia, cando ía ao Cine Roxy, onde verdadeiramente me criei, no barrio de Teis en Vigo. Un cinema daqueles que xa non quedan, onde as nais entraban en bata de casa a sacarnos polas orellas para ir cear, pois levabamos todo o día alí, vendo o programa dobre de Sesión Continua.

Non vou falar, e podería, daquelas pelis de Bruce Lee, de Drácula, de piratas bucaneiros que encheron a miña imaxinación (velaí os están nos meus libros os mariños, Simbad, os aventureiros, Marco Polo…); nin vou falar do que descubrín con Cristinita, Maricarmen, na parte de atrás do cine Roxy abeirados a unha escuridade amical e cómplice; ou como me marcaron tantas historias de vaqueiros; nin do golpe emocional que supuxo a súa derruba…

Do que quero falar é da sesión infantil dos domingos ás tres e media, á que os meus pais me deixaban ir sempre que non xogase o Celta (pois era sagrado ir á vella grada de Río con eles). Porque na miña memoria esas sesións están indisolublemente unidas ás películas de Tarzán, a aquelas epopeas selváticas nas que o heroe sempre chegaba a tempo e cando xa todo parecía perdido.

Co paso do tempo entendín que aquelas películas eran profundamente racistas (o branco era o forte, o rei da selva; os negros, parvos e salvaxes), ñoñas (Tarzán non lle pon un dedo enriba a Jane, pois non estaban casados: o fillo viñera nun avión accidentado…) mais iso non evita que no meu recordo haxa un lugar especial para aquelas películas que facían vibrar a aquel neno de ollos atentos e corazón aloucado que eu era e que choutaba coa emoción sobre a cadeira ao escoitar o berro de Tarzán dende a liana, ou para as monadas de Chita, quen sempre me pareceu unha amiga fiel e indispensable.

Igual a alguén lle parece unha frivolidade este post. Ou que son imbécil. Sentídevos autorizados para pensar ambas as cousas. Pero cando onte souben da súa morte enchéuseme o corazón de mágoa. E varias veces ao día sorrín en silenzo lembrando algunhas das súas gloriosas actuacións naquel cine en branco e negro da miña infancia fermosa.

Chuzame! A Facebook A Twitter

ANA BOTELLA E PLATÓN

27th Decembro 2011 by franciscocastro 4 Comentarios

A verdade é que Platón sempre me pareceu un prosma, a pesar desa xenialidade que é o Mito da Caverna, que explica como o pobo está como idiotizado vendo pasar sombras na parede en troques de se ocupar do importante e así os malos gobernantes poden manipulalos a vontade. Muden vostedes onde di sombras por Belén Esteban ou fútbol e teñen a ecuación resolta.

Digo que nunca gustei moito de Platón por esa idea súa de poñer aos poetas de portas para fóra, directamente expulsados da cidade, por consideralos nocivos para o ben común. Pobre home, que lle faría a poesía. Sen embargo, e a pesar disto, si que levaba razón cando dixo que o perigo da democracia é que rematen gobernando os mediocres, os limitadiños intelectuais, os escasiños de neuronas, os simples, os peores.

E daquela chega Berlusconi. Ou Ana Botella, a nova alcaldesa de Madrid.

Así pois, igual habería que se esforzar en esixirlle aos que van nas listas, sobre todo, excelencia intelectual, que na cabeza haxa algo máis que peras e mazás e simplezas varias.

Parece que estou de brincadeira. Pero, como xa explicou tamén Ortega y Gasset (estou profesoral hoxe, disimulen) a rebelión das masas é o que ten. Que os mediocres soben ao máis alto.

E perdemos todos.

Chuzame! A Facebook A Twitter

NON TER PRÉSA PARA MATAR UNHA MULLER

26th Decembro 2011 by franciscocastro 6 Comentarios

Hoxe lin esta nova na que se nos explica que no Irán están vendo se é posible, en troques de asasinar unha muller adúltera a pedradas, facelo (pola presión internacional, ollo) aforcándoa. O seu delicto é que cometeu adulterio. Como comentan as autoridades dese país (relixiosas, claro, érache boa) o que pide a lei é a lapidación, é dicir, o que vedes nesa imaxe brutal: meter á muller na terra e logo, a pedrada limpa, matala. Pero están a ver se coa aforca amañan.

Lendo a nova, sacudíronme, coma un lóstrego de estrume, estas verbas do xefe del departamento de xusticia , «non hai présa..», Os xuristas están debatendo. Non hai présa. Ímola matar, pero tanto ten a fórmula.

Esas palabras caéronme na alma cunha dureza que me deixou doente para o resto do día.

Esta realidade é intolerable. E temos que volverlle pedir aos que nos gobernan, que non manteñan ningunha clase de relación con países onde a lexislación pode ser tan criminal coma esta. Corremos a bombardear aos civís no Iraq. Corremos a bloquear Cuba. Pero non facemos nada diante destas realidades brutais.

Independentemente das particularidades culturais de cada pobo,  hai unha ética mínima que ten que ver cos dereitos fundamentais das persoas, recollidos na Declaración dos Dereitos Humanos e que prohiben explicitamente e sen ningunha clase de dúbidas a pena de morte na forma que sexa. A «civilizada» inxección letal estadounidense, a desprezativa do tiro na caluga en público da China, a lapidación fundamentalista… calquera, todas, están sen dúbidas prohibidas pola ética máis mínima e a moral máis evidente.

Tamén por un básico sentido da humanidade.

Mentres non se aborden este tipo de problemáticas, moi poucas cousas seguirán a ter sentido. Mentres haxa nenos esperando para ser executados, mentres haxa mulleres esperando (non hai présa…) para ser asasinadas legalmente, mentres a realidade política e xurídica internacional siga sendo a merda que é, non temos dereito a pensar que evoluímos como especie.

Porque somos monstros. Monstros.

Chuzame! A Facebook A Twitter

AS OBVIEDADES DO DISCURSO DE JUAN CARLOS

25th Decembro 2011 by franciscocastro 4 Comentarios

Co discurso do Rei pasa como coas pescudas en Google, que un só atende ao que sae primeiro. É como unha música de fondo, un sotaque que leva acompañando trinta e pico de anos ás familias de por aquí. Pero moito máis aló do hola que tal como están ustedes ninguén pasa. Escóitase o himno, chan chan, chánchan, e logo a xente fala das súas cousas mentres el vai ao seu, imaxino que consciente de que a meirande parte dos que estamos do outro lado pasamos moito. Agás os xornalistas, que teñen que escribir algo ao día seguinte.

Eu recoñezo que este ano estaba atento, pero no básico porque os republicanos andamos así como que moito máis amolados do habitual coa institución polo asunto Urdangarín, por dicilo en fino e sen largar frases malsoantes por iso do día que é hoxe.

O que achei foron moitas obviedades. Imaxino que sempre é así. Pero sobre todo no que se refire ao do seu xenro. Que a Xustiza é igual para todos. Que todos deben ser tratados por igual. Que calquera comportamento censurable debe ser sancionado… todo ese tipo de frases (que hoxe toda a prensa -idéntica igual homoxénea similar calcada, etc. que pouca pluralidade informativa temos por aquí… – leva ás portadas das súas edicións dixitais) todas esas grandilocuencias, dicía, no fondo son dunha obviedade que case case case case… ofende. Érache boa que non todos tivesen que ser tratados por igual. Érache boa que non todo comportamento censurable teña que ser sancionado. Érache boa que a Xustiza non fose igual para todos.

Case que é ofensivo que diga, mirad, españoles, que mi yerno la metió hasta el fondo y las va a pagar.

Pois claro, home, érache boa que non.

No fondo, o que se agocha detrás dese discurso que hoxe celebran todos os xornais do Estado como un logro quinindiola (iguais, similares, idénticos, etc.) é algo así como que enrollada la corona que acepta que también pueden ser juzgados como plebeyos.

Daquela, postos a dicir obviedades podía dicir que as monarquías herditarias non teñen sentido no século XXI e que, como agasallo de Nadal, decidiu pedirlle ao novo goberno a proclamación da República Española.

Bo Nadal.

Chuzame! A Facebook A Twitter

A miña felicitación de Nadal

23rd Decembro 2011 by franciscocastro 6 Comentarios

Chuzame! A Facebook A Twitter

DESEXOS DE NADAL

22nd Decembro 2011 by franciscocastro 5 Comentarios

Non son crente, non teño sentimentos relixiosos, mais teño fe na vida para repartir a esgalla e que aínda me quede algo para min no meu reservorio cardíaco privado e intransferible. Non celebro estes días nada que teña que ver coa relixión. Mais si que me sumo aos bos desexos de Nadal, ás verbas de amor, aos bos propósitos de enmenda. Como non facelo.

Así que aquí vos deixo os meus desexos de Nadal para vós e para min.

Espero que Papá Noel, no que non acredito, lea este meu blog e tome nota:

Desexo seguir sendo un fulano estratosférico, incapaz de evitar ter sempre a cabeza e o corazón, nas nubes, aló onde viven as musas, para facer o amor con elas e nas súas cadeiras de pantrigo; desexo que todas as noites sexan noitesboas e que sempre se pasen á caloriña quente dun corpo amado; desexo que todos atopedes un nome propio doutra persoa á que aferrollarvos coma salvavidas, coma compañeiro de xogos, coma luz por se vén a escuridade; desexo que atopedes libros onde vivan versos que vos fagan un furado no peito ata berrar estremecidos porque a beleza veu darvos un beixo con moita lingua; desexo festas, que a vida vos dea máis do que lle deades, que teñades a quen soster e que teñades quen vos sosteña, que o panorama que se vexa dende as vosas fiestras teña, cando menos, tonalidades mariñas. Que subades nun barco que vos leve a mares felices, a soños cumpridos, aos cadros da vida ben pintada. Que vos ataque unha fonda melancolía de amor e que atopedes unha chea para deixar de ser melancólicos.

Non sei se Papá Noel vai ser quen de darme todas estas cousas. Igual non lle entran en saca tan pequena.

Chuzame! A Facebook A Twitter

O meu poema para Urbano Lugrís

18th Decembro 2011 by franciscocastro Non hai comentarios

Os amigos do colectivo A nave das ideas organizaron o pasado sábado actos de homenaxe ao pintor atlántico Urbano Lugrís. Infortunadamente tocoume traballar todo o día e perdín eses actos, mais non a lectura da Coroa poética sobre textos baseados na súa obra imperecedoira e na que embarcaron (para algo son unha Nave) a algúns poetas galegos.

Imprudentemente, incluíronme a min (en toda nave hai un náufrago) para poñerlle letras a este cadro (Lavandeira é o seu título) que vos deixo aquí.

Nesta ligazón, descargades o libro enteiro.

E de seguido, o meu poema

O universo xerminal e feminino
de lumieiras agres dóce sabor vermello
construíu a república das peles
naquel afastado día no que o sol
sentiu vergoña
diante da beleza
das pernas abertas
de Eva Deusa.
O universo xerminal é feminino
e Deus debe existir
e ter recendo líquido de muller namorada.

Chuzame! A Facebook A Twitter

ESTOU ATA AS BÓLAS (¿ É O GALEGO A LINGUA PROPIA DOS GALEGOS?)

15th Decembro 2011 by franciscocastro Non hai comentarios

Que tristiño é ter un Valedor do Pobo que non nos vale, inválido, xa que logo, no senso máis retranqueiro da palabra.

Sen embargo, e dito isto, cómpre que, ademais de responderlle con dureza e con retranca, como fixemos dende o primeiro día, é importante que non esquezamos que o que este señor está expresando (aínda non o dimitiron?, como é posible?, non o creo!!!! )  non é máis que o que moitos galegos e galegas, quero dicir, muchos gallegos y gallegas pensan sobre o galego e, sobre todo, sobre esa etiqueta, que lles dá arrepío, que lles fire, que lles pica na vergonza, de lingua propia, é dicir, lingua deles, que naceron con ela, que a teñen pegada na pel, no pensamento, que non poden escapar, ahhhhhhhhhhhrgggggggggggg (cantas veces oímos iso de no te sé, en castelán falantes????)

Ese é o país que temos (a palabra país tamén lles fai pupita): unha sociedade que sigue rexeitando a lingua de seu, que lle dá noxo o acento, que lle gustaría ser de madríz, que se sinte mal cando lle detectan o sotaque por aí, que devece por dicir osea con aire pijo no medio das frases. Esa é a Galicia real. E é importante que non o esquezamos, non para suicidarnos e tirar a toalla, senón para tentar cambiar a situación. Porque están errados, porque están contaminados, porque están acomplexados. E ninguén merece vivir no erro, na contaminación e no complexo de inferioridade.

Daquela, entendamos que moitos e moitas galegos e galegas non sinten como propio nada que teña que ver con Galicia, agás os éxitos de Zara, as nécoras e, como moito, Xan das Bólas.

Iso é o que teño que dicir sobre isto: que precisamente ata aí estou. Ata as bólas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

NOTICIA SOBRE O MEU NOVO LIBRO

13th Decembro 2011 by franciscocastro 4 Comentarios

Onte, no programa A Solaina da TVG tiven ocasión de falar sobre o novo libro, que o ano que vén publicaremos, escrito a catro mans, Fina Casalderrey e eu.
Gardamos o título para máis adiante, pero aquí podedes ver a entrevista e saber de que vai ir.
Estamos moi ilusionados.

Chuzame! A Facebook A Twitter