RAJOY E A FELICIDADE

Posted by franciscocastro - 24/11/11 at 05:11 p.m.

Deixei pasar uns días.

E agora vou dicir algo.

Aínda que xa o dixera todo.

E non vou facer unha sesuda análise política, nin vou centrarme en analizar refundacións ou teitos ou chan ou que ou que.

Vou falar de Rajoy e da felicidade.

Ou de como gañou as eleccións un político que, por unha banda, se negou a responder preguntas dos xornalistas (e sinto por se os xornalistas deixan de falarme, de entrevistarme, etc., pero non souberon ter dignidade profesional. Non eran o cuarto poder? A que vén iso de aturar o insulto máis grave que é dicir, paso de ti, non che acepto preguntas, ti só tes, ti só podes ser, a voz do teu amo, é dicir, a miña  voz?, onde se viu que os xornalistas traguen desa maneira???); ou de como gañou un político que non explicou, en ningún  momento, o seu programa de goberno (vou ser bo -despois da anterior paréntese vou ser bo- e supoñer que ten un plan de goberno)…

Volvo atrás. E vou falar da felicidade. Desa que todos procuramos. Desa mesma que na noite electoral amosaban as moi loiras seareiras dos ppopulares (Rubalcaba el que no bote, socialista el que no bote, yo soy español, español… que viva España…  España, unida, jamás será vencida… foron algúns dos amables e democráticos cantos que se ouvearon alí).

Porque Rajoy, no te lo pierdas, o único que prometeu, durante a campaña, foi que nos faría felices.

A ver como fai. Porque eu vexo por todas partes, aínda, á xente coa cara moi seria.

Os comentarios están pechados.